Concretamente, López Pérez analizou a influencia da viveza de imaxe, imaxe da morte e actitude ante a morte cun grupo de 280 alumnos da ESO e 250 estudantes universitarios, o que lle permitiu constatar que, se ben a diferencia de idade non influía na imaxe da morte, si o facía o sexo, posto que as alumnas mostraron un maior medo e evitación desta, mentres que os alumnos homes mostraban unha menor ansiedade ante a morte, da que teñen unha imaxe moito máis positiva.
Dirixida polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Alfredo Campos e codirixida pola catedrática da UVigo Margarita Pino, a tese Viveza de imagen, actitud ante la muerte y ansiedad ante la muerte en personas de diferentes edades consttitúe o primeiro estudo no que se vincula coa ansiedade ante a morte a capacidade de control desas imaxes mentais e a súa viveza. Esta última pode definirse como a calidade das imaxes mentais que unha persoa pode ou non formar ante estímulos verbais indutores, de tal xeito que será maior canto máis se pareza a unha percepción real, o que fai que aqueles capaces de formar imaxes máis vivas verán a morte máis claramente e terán máis ansiedade, como explica López, que levou a cabo a súa tese no Grupo de Investigación en Educación, Actividade Física e Saúde (Gies), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Deseño dun instrumento de avaliación
Integrada por tres estudos previamente recollidos nas revistas científicas North American Journal of Psychology, Death Studies e Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, e realizada no doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, a tese de Esther López abrangueu tamén o desenvolvemento dun instrumento específico de avaliación, a Image of Death Scale. Trátase, explica, dunha escala na que se pregunta aos participantes se a súa imaxe da morte sería positiva e relacionada co descanso ou a ausencia de dor, ou negativa e ligada á perda da vida ou a apartarse dos familiares.
Actualmente, non existen estudos que analizaran se as imaxes mentais inflúen na ansiedade ante a morte, pero sabemos que inflúen en moitas variables que están relacionadas coa ansiedade, como, por exemplo, nas respostas afectivas, no estado de ánimo, na ansiedade xeral, dor crónica, depresión, ansiedade social, pensamentos suicidas, trastornos de memoria..., salienta a autora desta tese, que tiña como punto de partida a idea de que estas imaxes mentais ían ter unha forte influencia na ansiedade e no temor ante a morte. Para a realización destes tres estudos, López Pérez realizou unha serie de tests, como a propia escala elaborada para esta investigación, a 280 estudantes de 3º e 4º da ESO e a 250 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso de diferentes titulacións do campus de Ourense.
Control das imaxes mentais
A través desta mostra, a investigadora buscaba coñecer a influencia da idade nestas variables xa que, sinala, as persoas máis novas, curiosamente, teñen máis ansiedade ante a morte. Non obstante, a comparación dos resultados acadados por ambos grupos amosou que a idade non inflúe significativamente na ansiedade ante a morte. Por outra banda, no caso do alumnado de secundaria, detectouse unha diferencia significativa entre aqueles e aquelas que tiñan unha alta capacidade de control de imaxe e os que a tiñan baixa, no referido á actitude ante este fenómeno, de tal xeito que os primeiros mostran menos medo e unha menor evitación da morte. Por contra, estas diferencias non se detectaron entre o estudantado universitario, no que ese control das imaxes, explica, non inflúe na súa actitude ante esta realidade.
No referido aos universitarios e universitarias, o resultado máis importante deste estudo foi que o control da imaxe si influía na redución da ansiedade ante a morte, á vez que ter unha imaxe máis ou menos negativa determinaba tamén a súa actitude fronte a este tema. No caso do alumnado da ESO, tamén esa imaxe da morte é a variable que máis inflúe tanto na súa ansiedade como nas súas actitudes fronte este tema. En ambos casos, explica a investigadora, unha imaxe máis positiva implicaba tamén un menor medio e evitación deste tema.
Diferente percepción entre homes e mulleres
No referido a esa imaxe da morte, a investigación constatou á súa vez diferencias en función do sexo, de tal xeito que os homes participantes no estudo destacaron por ter unha imaxe moito máis positiva que as mulleres, que referiron unha maior medo á morte e unha maior evitación, en comparación con eles. Do mesmo xeito, tamén se detectaron diferencias entre mozos e mozas, explica a investigadora tanto no referido á actitude como na ansiedade ante a morte.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.