Notas de prensa

O Colectivo Egeria presenta 'Imos coller niños novos… Os poemas galegos de Francisco de Fientosa nos cinco idiomas ibéricos'

O 22 de maio de 1912 naceu no Cordón, de Santa Locaia (Castro de Rei) Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa, considerado polos devotos da súa obra como “O Lorca galego”.

Morreu de xeito alevoso no Madrid de 1936, con vinte e catro anos de idade, cando xa era autor dunha obra narrativa e poética, especialmente en castelán, que o elevou a categoría dos grandes da escrita.

O profesor e escritor Ricardo Polín en “A primeira luzada” recompila a obra de Francisco de Fientosa, pechando a recolleita da súa poesía cos “Versos galegos”, que chamaron a atención do tamén profesor e escritor, nado na Ponte Outeiro de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, que foi facendo análise literario e lingüístico de cada un destes poemas, e publicándoos en GaliciaDigital.

Diante deste estudo, o Colectivo Egeria decidiu publicar o libro “IMOS COLLER NIÑOS NOVOS...” con motivo dos 110 anos do nacemento de Francisco de Fientosa, que se cumpriron o 22 de maio pasado, e preto dos 86 anos do pasamento do escritor.

Na publicación, ademais do estudo do profesor Otero Canto, inclúese o limiar “Versos e ausencia: Cartografía literaria do Lorca Galego”, de Ricardo Polín, máximo entendido sobre a vida e obra do escritor; un traballo de Otero Canto sobre “Francisco de Fientosa e Crecente Vega, unidos pola Ponte de Outeiro”, e a versión en castelán, catalán, vasco e portugués, que proporcionan unha dimensión inédita para a poesía en galego do escritor da Ponte de Outeiro.

A versión en castelán dos poemas estivo a cargo do propio Otero Canto, Catedrático de Lingua e Literatura españolas; as versións aos idiomas catalán e portugués son da escritora, historiadora e investigadora da cultura celta Ana Mar Fraga Rábade, e a versión en vasco de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

Cada poema do libro vai acompañado dun debuxo da mestra vilalbesa María Guerrero Rico, debuxante e ilustradora, que responde artisticamente á forza poética deste grande escritor, ao que se homenaxea nos 110 anos do seu nacemento.

O título de “Imos coller niños novos…” procede do primeiro verso do primeiro poema galego recollido por Ricardo Polín:

“Imos coller niños novos
agora que é primadeira.
Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela”.

O libro está publicado coa axuda da Xunta de Galicia e do Concello de Castro de Rei, figurando ao comezo cadansúa salutación de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, e do Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro. Vai ser presentado o próximo 29 de xuño, mércores, en Castro de Rei e Lugo. En Castro de Rei, ás 17:00 horas, na Biblioteca municipal Crecente Vega, e na capital lucense ás 19:30 h., no salón de actos da Biblioteca Nodal (Avenida de Ramón Ferreiro).

Nos dous actos intervirán, ademais dos responsables da obra, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, e o Alcalde de Castro de Rei Francisco Javier Balado. A entrada será libre, ata completar aforo, e os asistentes serán agasallados coa publicación.

Colectivo Egeria, 2022-06-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES