
Mediante instalacións artísticas inmersivas, a exposición ofrece aos visitantes a oportunidade de interactuar coas pezas expostas para, deste xeito, experimentar as posibilidades da intelixencia artificial de primeira man.
A mostra realiza un percorrido completo a través da historia da IA, desde os seus ancestrais alicerces ancorados na relixión xintoísta xaponesa ou no mito xudeu do Golem, pasando polos primeiros experimentos informáticos de Ada Lovelace e Charles Babbage ou os importantes avances realizados durante a década de 1940 e ata a actualidade. Para elo, AI: More than human reúne algúns dos proxectos de investigación actuais máis destacados, realizados por institucións coma o Massachussets Institute of Technology (MIT), Sony Computer Science Laboratories, Google Research, o Departamento de Informática do Imperial College de Londres ou DeepMind Technologies, con instalacións artísticas que exploran as posibilidades creativas da IA nas suas obras, coma o músico Kode9 ou o galardoado artista tecnolóxico Yoichi Ochiai.
A presentación do proxecto tivo lugar esta mañá na Sede Afundación da Coruña cun acto que contou coa presenza do presidente de Afundación e reitor de UIE, Miguel Ángel Escotet, e da comisaria da exposición na Coruña, Alba Meijide.
Na súa intervención, Miguel Ángel Escotet definiu AI: More than human como «un proxecto totalmente aliñado coas nosas entidades porque é innovador, multidisciplinar e orientado ao futuro. En concreto a UIE estreará para este vindeiro curso 2022-2023 o seu Grao de Enxeñería en Sistemas Intelixentes totalmente en liña co que nos depara o futuro e con esta proposta expositiva que hoxe anunciamos».
Tamén destacou a importancia de que sexa exposto en Galicia, xa que «a sociedade galega posúe un gran potencial para a intelixencia artificial e o seu ecosistema tecnolóxico acadou, nos últimos anos, unha gran madurez, ambas as dúas vantaxes decisivas para concursar na candidatura para albergar a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Traemos a Galicia AI: More than human en parte como mostra de apoio a esta proposta, tamén como exemplo de que Galicia pode achegar un diferencial de vangarda á comunidade nacional e internacional».
Pola súa banda, Alba Meijide, comisaria da mostra na Coruña, fixo un percorrido polo que se poderá ver na Sede Afundación a partires do mes de setembro e destacou que o mellor e máis bonito que ten esta exposición é que calquera tipo de público pode gozar dela, desde alguén que non teña ningún coñecemento de intelixencia artificial ata quen teña un background máis tecnolóxico, sobre todo polo carácter interactivo que ten».
O PROXECTO AI: MORE THAN HUMAN
AI: More than human está organizada en catro seccións: The dream of AI, a historia das distintas civilizacións e a súa relación coa creación de vida artificial; Mind machines, un percorrido histórico desde as primeiras máquinas calculadoras ata a actualidade; Data worlds, na que se propoñerá a vertente ética da aplicación da IA; e Endless evolution, unha sección que explora o campo da vida artificial (A-life) e como aplicala á evolución humana.
Deste xeito abordarase o tema desde diferentes perspectivas, permitindo aos visitantes interactuar directamente coa intelixencia artificial, pero tamén propoñendo cuestións éticas sobre a súa aplicación na vida real tales como se a IA afectará á nosa privacidade ou á veracidade da información que consumimos, se mediante esta tecnoloxía amplificaremos os nosos nesgos e prexuízos ou quen será o responsable dos erros que cometa.
En palabras de Luke Kemp, codirector do Barbican International Enterprises, «a intelixencia artificial segue sendo un campo de descubrimento apaixoante e estimulante, tanto no eido científico coma no tecnolóxico e creativo. Este fenómeno en continua evolución invítanos a reflexionar sobre o noso lugar no mundo e o tipo de mundo que queremos crear. Ao longo da exposición, un gran número de pezas amosan o proceso de cambio da intelixencia artificial, o que fará as delicias dos curiosos de todas as idades. Esperamos que esta exposición inspire e fomente o debate sobre este fascinante tema».
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.