Notas de prensa

250 investigadores internacionais converten Vigo desde hoxe no epicentro da Química Teórica Computacional

Desde a metodoloxía máis fundamental ata as aplicacións máis novidosas da química computacional abordarán ata o vindeiro día 24 nas súas poñencias e exposicións, os preto de 250 investigadores e investigadoras internacionais que asisten en Vigo á 12ª edición do Congress on Electronic Structure Principles and Applications (ESPA- 2022).

Organizado pola Comunidad Española de Químicos Cuánticos, o congreso, o máis importante dentro da comunidade de químico físicos teóricos españois. Trátase dun foro de encontro dos e das químicas cuánticas e computacionais, que se celebra en España desde o ano 1998, no que, aínda que nos seus inicios a maior parte dos participantes eran nacionais, a porcentaxe de investigadores estranxeiros acadou o 50% na edición celebrada en 2018.

Os nove poñentes plenarios, 18 invitados e outros tantos seleccionados para ofrecer charlas orais curtas, abordarán durante catro días nas sesións que se celebran na sede Afundación de Vigo temáticas moi variadas como “a dinámica molecular, métodos de estrutura electrónica para correlación electrónica, modelaxe multiescala, modelos de estrutura electrónica a gran escala para materiais, topoloxía do enlace químico, interaccións non covalentes, propiedades ópticas e eléctricas, espectroscopía atómica e molecular, machine learning, biofísica computacional e fisicoquímica orgánica e catálise”, detallou esta mañá na inauguración do simposio Ángeles Peña Gallego, decana da Facultade de Química da UVigo e presidenta do comité organizador, cargo que comparte co tamén docente e investigador do Departamento de Química Física, Marcos Mandado Alonso.

170 comunicacións en formato póster se presentarán no transcurso do congreso, que foi inaugurado pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, que agradeceu a presenza das persoas participantes no congreso, no que sinalou que se abordarán cuestións con aplicacións na sociedade, ao tempo que animou aos asistentes disfrutar de Vigo e a descubrir á UVigo. Pola súa banda, Ángeles Peña agradeceu en nome do comité organizador a elevada participación acadada nesta edición do congreso, que por mor da covid, sufriu dous atrasos en 2020 e 2021, “tanto de investigadores sénior como novos, que puxéronnos complicado elixir as exposicións orais pola cantidade e calidade das propostas recibidas”, sinalou a decana da Facultade de Química da UVigo. Coincidindo ademais coa celebración do ESPA-2022 tamén ten lugar estes días a 2ª edición da Reunión Bianual del Grupo de Química e Informática da Real Sociedad Española de Química.

Destacada impronta internacional

Logo de celebrarse, entre outras cidades, en Madrid, San Sebastián, Sevilla, Valladolid, Santiago de Compostela, Barcelona e Palma de Mallorca, o congreso recala na súa 12ª edición en Vigo, onde, a organización destaca os tres plenarios de institucións de USA, un de Australia e outros cinco europeos. Un deles é o actual presidente da World Association of Theoretical and Computational Chemist (Watoc), Peter Gill, e outra a editora xefa da revista máis prestixiosa en Química Teórica e Computacional (Journal of Chemical Theory and Computation), Laura Gagliardi.

O congreso é ademais para o comité organizador unha grande oportunidade de estreitar lazos co resto de grupos de investigación de España, así como de establecer novos contactos e colaboracións con grupos estranxeiros de recoñecido prestixio.

Proxección da Química Teórica e Computacional

A Comunidad Española de Químicos Cuánticos, encargada de organizar o Congreso que hoxe comeza, é unha entidade que ten o obxectivo principal de formar novas e novos investigadores no campo da Química Teórica e a Modelización Computacional, “un ámbito descoñecido para unha gran parte do alumnado ao finalizar o Grao en Química ou titulacións afíns, e moitas veces visto como complicado, debido á alta carga de contidos das áreas de Matemáticas e Física”, explica Marcos Mandado, que lembra que por esta razón se creou hai 22 anos o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional, no que participan case todas as universidades de España nas que existen grupos de investigación neste campo.

Ademais do mestrado, a UVigo oferta o programa de doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional, “tamén cun alto carácter interuniversitario, onde recalan a maior parte do noso alumnado e participan os nosos docentes e investigadores”, sinala Mandado.

Universidade de Vigo, 2022-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES