Notas de prensa

Un documental e un roteiro porán en valor o patrimonio inmaterial da Guarda vencellado ao mar

O proxecto europeo Atlantic CultureScape presentará esta fin de semana en A Guarda algúns dos resultados dos case tres anos de traballo a prol da recuperación do patrimonio inmaterial mariño e marítimo deste concello. Trátase de dúas pezas audiovisuais e dous roteiros de experiencias que poñen en valor o traballo das persoas vencelladas ao mar, os seus coñecementos e as infraestruturas da contorna.

Neste proxecto, cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte. En cada unha destas zonas estase a desenvolver unha parte específica do proxecto e, en concreto, a participación galega está coordinada pola Universidade de Vigo e céntrase na recuperación e posta en valor do patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de "atlanticismo”. à fronte do equipo, que traballa en colaboración con entidades e colectivos da vila guardesa, está a profesora Pilar Muñoz, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, que explica que “A Guarda ten un rico patrimonio cultural inmaterial, vinculado sobre todo co mar e a nosa pretensión non foi outra que poñelo en valor e, a través del, fomentar a actividade económica no sector servizos nese concello”.

Así, este venres estrearanse as pezas audiovisuais sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira dirixidas por Xisela Franco e o sábado presentarase en sociedade un dos dous roteiros que percorren a contorna costeira da vila.

Atalaia / Piueiro

A primeira cita será o venres ás 20.30 horas no Centro Cultural da Guarda onde se proxectarán as curtas Atalaia e Piueiro, dúas pezas creadas pola cineasta e profesora da Facultade de Belas Artes Xisela Franco. Esta será a súa segunda proxección, tras a estrea o pasado mes de marzo na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Deste xeito, a autora pecha o círculo estreando ambas creacións na vila que as protagoniza: A Guarda.

Nestes dous documentais Franco aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental, achegando unha visión entre o documental e a poesía sobre o mundo das redeiras e sobre a carpintería de ribeira. Para a primeira proposta contou coa colaboración da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, mentres que na segunda peza traballou man a man coa Asociación de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. Ambas creacións tratan de dar visibilidade ao patrimonio inmaterial da vila, de crear emocións arraigadas ao territorio e á súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual. Ademais, nesta cita proxectarase material inédito como son as gravacións que non foron empregadas para as pezas ou aquelas de arquivo cedidas por diferentes familias veciñas da vila.

à xornada asistirán as asociacións protagonistas de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e de Embarcacións tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro aberto á participación do público. A xornada é de balde até completar a capacidade da sala.

A Guarda, porto de mar. A Guarda, porto de ribeira

Froito deste proxecto tamén se deseñaron dous roteiros de experiencias que se recollen todo o patrimonio ligado ao mar construído e sostido polas persoas que habitaron e habitan A Guarda. Estas dúas propostas, que transcorren unha pola vertente atlántica da vila e outra pola beira do Miño, son o resultado das investigacións patrimoniais levadas a cabo de forma participativa e conxugan tradición, paisaxe, gastronomía, cultura e patrimonio. Ambas xogan, como explica Pilar Muñoz, “coa situación xeográfica da vila mariñeira”, de modo que o río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico “preséntanse como paisaxes que custodian o territorio da Guarda”.

En concreto, o sábado 18 terá lugar a presentación oficial da ruta A Guarda, porto de mar, un percorrido de 4,3 km e de baixa dificultade que transcorre entre a cetaria Agrelo e a cetaria Redonda e permite coñecer en profundidade a vinculación da Guarda co mundo do mar. Este percorrido permitirá coñecer diferentes dimensións desta relación tan estreita, descubrindo a historia das cetarias, o funcionamento da lonxa, o oficio das redeiras, as embarcacións tradicionais, a talasonimia, o proceso de secado do peixe, a arghacería ou as marcas mariñeiras do contradique do porto son algúns dos aspectos que trataremos na ruta.

O roteiro, dunha duración aproximada de dúas horas e media, partirá da cetaria de Agrelo ás 11.30h e estará guiado pola comunidade local. Para inscricións e máis información, as persoas interesadas deberán contactar ao e-mail da Asociación Xuliva Historia e Paisaxismo [ xulivaguarda@gmail.com], asociación local encargada de organizar o evento. Esta actividade tamén é de balde até completar o aforo de 45 prazas.

O segundo roteiro, pendente aínda de presentación, percorre a vertente fluvial da vila, á beira do río Miño, para coñecer o esteiro, o porto da Pasaxe de onde parte o transbordador ata Caminha, as carpinterías de ribeira, a pesca da lamprea, as salinas rupestres ou as zonas relacionadas co estraperlo durante o século pasado.

O reto: a continuidade do proxecto

Con estas dúas actividades, que se realizan en colaboración co Concello da Guarda e as asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia, Embarcacións Tradicionais O Piueiro e Xuliva, o proxecto Atlantic CultureScape achégase á súa finalización. E faino, destacan os seus coordinadores “deixando os seus obxectivos cumpridos e unha recua de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, da súa historia e do seu patrimonio material e inmaterial, como eixes sostibles e xeradores de economía na vila”. Con todo, a profesor Pilar Muñoz sinala que o reto que agora se presenta é darlle continuidade a todo o traballo desenvolvido nestes tres anos. “Non podemos esquecer que estamos a falar dun proxecto europeo, financiado con cargo aos fondos Interreg da Unión Europea, coa finalidade de desenvolver experiencias turísticas baseadas no patrimonio cultural da área atlántica. As rutas de experiencias deseñadas formarán parte dunha ruta europea, xunto con aquelas outras do resto de socios europeos do proxecto”.

Universidade de Vigo, 2022-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES