Notas de prensa

Un congreso internacional converterá Lugo na capital europea de extensión rural e agraria

O congreso internacional promovido polas tres redes europeas de asesoramento rural (IALB, Eufras e Seasn) xunto coa USC converterá a cidade de Lugo en capital europeo de extensión rural e da planificación agraria do 21 ao 25 de xuño, período durante o que participarán máis de 200 asesores rurais, investigadores e responsables de administracións agrarias de 30 países europeos.

Tamén se desenvolverán 16 grupos de traballo sobre temáticas de interese para a realidade agraria e rural, ademais de visitas técnicas e xornadas de campo por toda a xeografía provincial.

O congreso, concibido como unha plataforma de intercambio de coñecemento e intercambio científico e de experiencias útiles para mellorar a situación das áreas rurais de Europa, recala por vez primeira na Península Ibérica, onde os asistentes inscritos debaterán sobre os desafíos aos que se enfrontan as actividades agrarias e as persoas que as desenvolven, así como respecto dos retos que deben sortear as explotacións agrarias nun contexto de crecentes esixencias medioambientais, cambios normativos na Política Agraria Comúns...

Neste contexto de cambios e inestabilidade de prezos que obrigan a explorar novos mercados, as redes europeas de asesoramento rural entenden vital a potenciación dos servizos de extensión rural, ademais de medidas de innovación e investigación acaídas para mellorar as competencias técnicas, metodolóxicas e ata operativas dos axentes implicados no mundo rural en aras a avanzar cara a un desenvolvemento sustentable, segundo indica o profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e organizador local deste congreso, Florentino Díaz.

Programa

O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, acompañados dos presidentes das redes europeas de asesoramento rural abrirán o mércores 22 de xuño, a partir das 9.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, as sesións plenarias do programa deste congreso, que contará con tradución simultánea en alemán e español.

A coordinadora de Investigación e Innovación Agraria na UE (AKIS), Elena Teodora Mirón, abrirá a primeira quenda de intervencións nunha sesión plenaria moderada por Andrés Montero Aparicio, do Gabinete de Presidencia do Goberno de España, cun relatorio no que afondará sobre o cometido que desenvolven os servizos de asesoramento na transformación do sector agrario. De seguido, a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), Isabel Bombal Díaz, tratará a importancia da cadea de valor do coñecemento e da innovación para a mellora do medio rural. Un relatorio do director Xeral do Agacal da Xunta de Galicia, José Luis Cabarcos, sobre o estado actual do sector agroalimentario en Galicia, servirá de peche desta primeira palestra de relatorios.

A primeira xornada continuará en quenda de tarde coa celebración de grupos de traballo específicos. As visitas técnicas a diversos enclaves de Galicia, a fin de coñecer sobre o terreo diversas iniciativas e formas de aproveitamento, transformación, comercialización dos recursos agrícolas, gandeiros e mariños, centrará o xoves o programa dun congreso que terá continuidade o venres co relatorio ‘Integración de sectores agrario e forestal contra o cambio climático’, a cargo do catedrático da USC Antonio Rigueiro, e con diversas exposicións de asesores rurais de Galicia. Os congresistas aproveitarán a última xornada deste encontro para completar un treito do Camiño de Santiago desde Palas de Rei, unha camiñada que aproveitarán para poñer en práctica a metodoloxía ‘coaching’ no eido do asesoramento rural.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES