Notas de prensa

Investigadores de atlanTTic advirten que o galego é a lingua cooficial con menor desenvolvemento de tecnoloxía lingüística

52 universidades, consorcios e empresas de toda Europa forman parte do proxecto European Language Equality (ELE) que ten como finalidade acadar a plena igualdade lingüística no continente en 2030. Para chegar a acadar este obxectivo, os parceiros desta iniciativa levan meses avaliando o estado actual da tecnoloxías lingüísticas dos diferentes idiomas europeos.

A catedrática Carmen García Mateo e o investigador José Manuel Ramínez Sánchez, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo foron os encargados de analizar a situación en canto a recursos, servizos e comunidades de falantes do galego e as súas conclusións amosan que este idioma está á cola en canto a recursos e aplicacións respecto ao resto de linguas oficiais do estado.

Segundo recollen no seu informe, “hai poucas aplicacións de síntese de voz, recoñecemento de voz, corrección ortográfica e gramatical e tradución automática; polo tanto, un baleiro importante en canto a recursos multimedia adecuados para desenvolver aplicacións tan importantes no mundo actual como os axentes conversacionais por voz de última xeración”. Pola contra, destacan, o galego “si ten boa presenza en bases de datos de texto de gran dimensión e as tecnoloxías e os servizos baseados en texto están nunha fase máis madura”.

Diferenza crítica respecto a outras linguas cooficiais

Os datos amosan unha fenda considerable en comparación con outras linguas con maior número de falantes, pero tamén coas outras linguas cooficiais do Estado español, como o catalán e o éuscaro. “Esta diferenza é crítica en canto a recursos e servizos relacionados con datos de tipo multimedia ou do ámbito da saúde, pois os existentes son pobres en diversidade e pequenos en tamaño”, sinala o estudo. O maior perigo a curto prazo é que, de non reverterse esta situación, o galego quede fóra da revolución que o Big Data e a intelixencia artificial están a provocar en moitos sectores estratéxicos pola falta de recursos para aplicar estas tecnoloxías.

Como exemplo positivo, o informe apunta o sitio web da Radio Televisión de Galicia pola produción de contidos multimedia e tamén destaca a existencia dun número crecente de diarios locais dixitais escritos en galego. Por outra banda, os investigadores apuntan que, aínda que algunhas plataformas como Facebook ou Youtube, ou grandes empresas de software como Microsoft ou Apple ofrecen unha versión con soporte para o galego nas súas interfaces, moitas outras como TikTok, Twitch ou Adobe, utilízano en beta ou con menor apoio, como é o caso de Twitter. Os investigadores tamén sinalan que se produce unha falta extrema de apoio ao galego nos asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant ou Cortana. No sentido contrario, destacan que nos últimos anos se desenvolveron unha serie de produtos e servizos destinados á incorporación do galego nas TIC, poñendo como exemplo o portal da Real Academia Galega, o tradutor Gaio ou o sitio web do Goberno galego.

O punto forte: unha experimentada comunidade investigadora en Galicia

Segundo a catedrática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Carmen García Mateo, o galego está nunha “situación con moita marxe de mellora, non só en termos de presenza en internet, senón tamén no relativo a recursos e soporte dixital”. Nesa marxe para mudar esta realidade, recalca, “en termos obxectivos, favorécenos a existencia dunha experimentada comunidade investigadora en Galicia en áreas como o recoñecemento automático da fala, a síntese de voz ou o procesamento de linguaxe natural e, por suposto, en áreas humanísticas como a filoloxía ou a lingüística”. De feito, na actualidade existe unha liña de colaboración interdisciplinar do persoal investigador de atlanTTic xunto cos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo que xa permitiu “desenvolver ferramentas e recursos lingüísticos”. Esta alianza é, en gran medida, destaca García Mateo, “a responsable nos últimos catro anos dun aumento considerable da produción de recursos e servizos de calidade para a lingua galega”.

No sentido contrario, os investigadores observan “unha tendencia nas grandes empresas do sector consistente en reducir os seus esforzos en desenvolver tecnoloxías específicas para linguas minoritarias como o galego” e advirten da falta de interese polas linguas cooficiais en xeral nalgunhas estratexias nacionais relacionadas coas tecnoloxías do fala como na Estratexia do Procesamento da Linguaxe Natural 2020 ou a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2020.

Propostas de mellora

Como propostas de mellora, os investigadores de atlanTTic recomendan, en primeiro lugar, “a creación dunha oficina pública que custodie de maneira centralizada e estandarizada todos os recursos desenvolvidos para a lingua galega xa que, na actualidade, atópanse diseminados en páxinas web ou en servidores internos dos desenvolvedores facendo complexa a súa procura”. En segundo lugar, segundo os investigadores “é necesario investir na creación de bases de datos de recursos lingüísticos de calidade e gran tamaño con contido multimedia, dígase gravacións de audio ou vídeo, que cubran as distintas variantes e estilos da lingua falada no territorio galego”. En terceiro lugar, “apoiar a produción científica e a transferencia tecnolóxica baseada en tecnoloxías da fala e a linguaxe para que o galego gañe presenza en solucións comerciais e sexa considerado como un nicho de mercado de interese”.

En canto ás comunidades de falantes “cremos indispensable que consuman e produzan contidos en galego; pero tamén que esixan soporte para o galego naqueles servizos e produtos que consomen regularmente (plataformas de contidos, medios dixitais, aplicacións móbiles ou de escritorio, sistemas operativos, etc.)”.

Universidade de Vigo, 2022-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES