Notas de prensa

Unhas xornadas afondan no impacto que teñen os residuos e os incendios nos solos

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu unha xornada centrada no impacto que teñen os residuos e os incendios nos diferentes tipos de solos. Nela participaron dúas persoas referentes nestes eidos no contexto estatal, como son Raimundo Jiménez, do Departamento de Xeoloxía e Xeoquímica da Universidad Autónoma de Madrid, e Montserrat Díaz, do CSIC.

A cita, explicou Manuel Arias, catedrático da Área de Edafoloxía e Química Agrícola e coordinador do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo, enmarcouse nas actividades obrigatorias que ten que realizar o alumnado deste doutoramento ao longo de cada curso. A temática escollida, apuntou, foi a edafoloxía e a ambiental.

Edafodiversidade e residuos

Raimundo Jiménez foi o primeiro en intervir ofrecendo dúas conferencias, unha titulada A aplicación de residuos ao solo, ¿unha oportunidade ou unha ameaza ambiental, e outra titulada Edafodiversidade en medios semiáridos mediterráneos. Pondo en relevo o traballo referente que se fai no eido da edafoloxía na Facultade de Ciencias ourensá, o relator fixo un percorrido moi visual tanto pola diversidade de solos na España interior como polo impacto que ten neles a aplicación de residuos de xeito incontrolado.

O solo, indicou o profesor e investigador da Universidad Autónoma de Madrid, ten “as súas limitacións e non se pode someter a calquera tipo de uso”. O experto expuxo un contexto no que ao mesmo tempo que “nas rexións semiáridas somos deficitarios en materia orgánica” a realidade é que “pola noite no lixo tiramos moita materia orgánica” e que moitas industrias, sobre todo agrícolas, producen moitos residuos orgánicos. “Teño fame, ti tes alimento, dámo. Pero non todos os alimentos que ti me dás son ideais para min”, puxo como metáfora da problemática de aplicar no solo residuos de xeito incontrolado. Ao longo da súa intervención abordou diferentes exemplos do impacto da aplicación no solo de residuos urbanos, mineiros e industriais, incluídos os fertilizantes. Subliñando a importancia fundamental do solo, Raimundo Jiménez rematou a súa intervención recalcando como “aos solos hai que querelos” e non ignoralos, como lamentablemente se fai en moitas ocasións.

O impacto dos incendios

Pola súa banda, Montserrat Díaz, investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxica de Galicia, do CSIC en Santiago de Compostela, e presidenta da Sección de Bioloxía da Sociedade Española de Ciencias do Solo, falou nesta xornada do impacto dos incendios forestais nos solos de Galicia. “A causa principal de degradación dos nosos solos forestais son os incendios, que provocan a súa degradación física, química e biolóxica”, afirmou. O solo, recalcou, é un sistema vivo, un recurso que tarda millóns de anos en formarse e que é responsable de todas as funcións ecolóxicas, da produción de alimentos, do secuestro de carbono que mitiga o cambio climático, da regulación do ciclo da auga e dos nutrintes e hábitat dos organismos, etc. “Se non hai solo non hai vida na terra”, dixo.

Dada esta relevancia, Montserrat Díaz recalcou a importancia de avaliar o impacto dos incendios na cuberta vexetal. Neste senso, apuntou como na súa institución levan máis de 40 anos estudando os incendios, tanto o seu impacto directo como indirecto. Así, matizou, “os efectos do incendio no solo non se limitan á zona onde se produce, senón que poden chegar ao mar, como se viu na vaga de lumes do 2006”. Na súa intervención, a investigadora tamén recalcou como “hoxe en día sabemos que non só hai que previr e extinguir os incendios, senón tamén recuperar e restaurar os solos”. E puxo como exemplo o traballo realizado co Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Xunta no que se implementaron técnicas e protocolos para recuperar solos queimados en pendente, amosándose como o sistema máis eficaz o acolchado de palla. “Estas técnicas son moi caras pero hai zonas onde se aplican, por exemplo porque hai perigo de contaminación de acuíferos”, indicou subliñando como “somos a primeira comunidade de España onde se está aplicando estas medidas de recuperación e restauración de solos queimados”.

Universidade de Vigo, 2022-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES