Notas de prensa

UDC e Clúster TIC inician as obras do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC

A Cidade das TIC acolleu esta mañá o acto simbólico de inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados, o primeiro edificio en rehabilitarse no que foi o complexo da Fábrica de Armas. O CSA é un edificio que nace 'cheo', asegurou o presidente do Clúster TIC, e que xa desbordou os límites de espazo debido ás numerosas demandas das empresas do sector por instalarse na Cidade das TIC.

Ao acto de comezo do proxecto promovido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asistiron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones; a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey; o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto co arquitecto gañador do proxecto do CSA, Carlos Pita, e o director da empresa adxudicataria do proxecto, Construción ACCIONA, Alejandro Casielles.

O reitor explicou como se xestou a idea da Cidade das TIC, un proxecto que naceu dunha conversa co Clúster TIC e ao que logo se uniron o Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e Ministerio de Defensa. “É un proxecto de país”, resumiu, que ten que “axudar a lanzar o ecosistema que temos na nosa Comunidade Autónoma”. Para Abalde, se no ano 2018, cando se iniciou o proxecto “era necesario dispoñer dun espazo de creación e transformación do mundo dixital, despois da pandemia da covid-19, é urxente”. O reitor explicou as distintas partes en que se sustenta a Cidade das TIC; unha primeira de investigación, desenvolvemento e formación que correrá a cargo da UDC; unha segunda que será un campus tecnolóxico arredor do CSA; a terceira, un campus empresarial e, finalmente, constará dun campus de emprendemento. “A Cidade das TIC nace para ser un proxecto integrado que potencie as calidades que temos en Galicia”, afirmou.

O CSA é un edificio que nace “cheo”, asegurou o presidente do Clúster TIC, e que xa desbordou os límites de espazo debido ás numerosas demandas das empresas do sector por instalarse na Cidade das TIC; de feito, desvelou Rodríguez del Corral, tiveron peticións para completar outras dúas naves que están á espera de financiamento. “Insistimos nisto porque Galicia necesita unha referencia física e tecnolóxica de marchamo internacional, que atraia máis empresas e talento e nosoutros apostamos pola Cidade das TIC”.

Rodríguez del Corral manifestou que o Clúster que preside é o segundo en número de empresas e o primeiro en emprego cualificado. Suman máis de 21.000 empregos en Galicia, dos que 1.400 son novos empregos xerados no ano 2021.

Para o vicepresidente segundo da Xunta, hoxe “é un día para celebrar que a Cidade das TIC está en marcha”, dixo, engadindo que “pasamos do plano á realidade”. Francisco Conde agradeceu a todas as institucións que apoian o proxecto da Cidade das TIC, en especial, felicitou aos promotores do mesmo, ao reitor da UDC, Julio Abalde, e ao presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral. Este proxecto é unha “aposta polo talento que é o motor en materia de innovación tecnolóxica” e sinalou o importante peso do sector tecnolóxico galego en España xa que Galicia é a quinta comunidade autónoma do Estado en empresas TIC.

O delegado do Goberno en Galicia apuntou que “se respira ilusión nun día tan importante para a UDC, A Coruña e Galicia”. A Cidade das TIC, continuou, “sitúa a Galicia e á Coruña no centro do mapa español da Intelixencia Artificial”. José Manuel Miñones aludiu á anterior actividade da nave que acolle o CSA subliñando que “o coñecemento e a innovación son as mellores armas para fabricar o futuro”.

A alcaldesa da Coruña cualificou a xornada de hoxe como “un día especial para a nosa cidade e a súa área metropolitana. Especial porque na Coruña, que xa é a capital galega da innovación, comeza a facerse realidade un dos proxectos máis relevantes para o futuro económico e social da nosa cidade, a Cidade das TIC”. “A Cidade das TIC será unha ferramenta esencial para potenciar e impulsar o desenvolvemento económico e a creación de emprego na Coruña vinculado ás novas tecnoloxías”, continuou.

Finalmente, o presidente da Deputación agradeceu a colaboración de todas as institucións implicadas e puxo de relevo “a aposta visionaria de Julio Abalde e da súa equipa de goberno na Universidade da Coruña que garante que este espazo industrial teña unha nova vida como centro de produción tecnolóxica e innovadora”.

Centro de Servizos Avanzados

O Centro de Servizos Avanzados será ocupado por empresas tecnolóxicas. O Clúster TIC, entidade que xestiona este centro, recibiu a tripla de peticións que espazo dispoñible. O CSA será sede dalgunhas empresas e tamén das unidades de I+D que necesite o sector empresarial que funcionarán de forma colaborativa. Intelixencia Artificial, Internet das cousas, Dispositivos intelixentes, Media e Quantum. Será ademais o gran escaparate multimedia do sector e traballará de forma coordinada con centros e hubs de innovación sectoriais.

O Clúster TIC Galicia está formado por máis de 130 empresas dixitais de todos os tipos e tamaños; con produtos e clientes de todo tipo, como Igalia que traballa para Google e Apple; ou Altia para Gobernos e a Unión Europea.

A Cidade das TIC recibiu o apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Igape, para a construción do Centro de Servizos Avanzados. O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A empresa ACCIONA executará as obras de rehabilitación por un importe de 3,5 millóns de euros e que se prevé finalicen en febreiro de 2023. Segundo destacou Pita esta mañá o seu proxecto pretende “recoller este espazo industrial e ocupalo o máis lixeiramente posible para que as empresas TIC poidan traballar da mellor maneira posible”. “Conseguir un lugar onde traballar sexa máis fácil”, concluíu.

Para o CSA proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto de Carlos Pita plantexa a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.

Cidade das TIC

O 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa resolveu outorgar unha concesión demanial á Universidade da Coruña sobre os terreos e as instalacións que conforman a propiedade denominada Fábrica de Armas da Coruña.

A Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo e comprende todos os inmobles da Fábrica de Armas. Cunha superficie aproximada de 127.943 m2, os seus principais inmobles están formados por sete naves industriais da antiga Fábrica: almacén xeral; prensas e canóns; revisión e metroloxía; forza, pulimento e tratamentos térmicos; mecanismos, montura e montaxe; diversas, electricidade, caldeiraría e soldadura; e tratamentos superficiais e areado, así como outros edificios do complexo. Sobre estas instalacións e terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial pola prestación de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñibles en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e serva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais.

A Cidade das TIC será un ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia Artificial e Big Data; un centro demostrativo e de servizos avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas; espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial TIC para o aloxamento de pequenas e grandes empresas tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade.

O proxecto da Cidade das TIC está entre os candidatos a recibir fondos Next Generation. Ademais, o proxecto Galaxy-Lab do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), outra entidade que se asentará na Cidade das TIC, recibiu da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, unha subvención para a posta en marcha deste laboratorio no que se dedicará a experimentar con vehículos aéreos non tripulados (drons) para o transporte de mercadorías e pasaxeiros en contornos urbanos.

A Universidade da Coruña convocou tamén o concurso de ideas para o deseño do novo edificio Centro de Investigación TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, gañado pola proposta presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. Este edificio de nova construción será un centro de I+D+i denominado CITIC-IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero contempla a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie.

Universidade da Coruña, 2022-05-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES