Notas de prensa

O debate sobre as novas ferramentas para a medicina do futuro protagonizará o V Annual Meeting do Cinbio

Deseño de novos tratamentos médicos combinando nanomateriais con proteínas; técnicas de administración de fármacos dirixidas con precisión empregando nanoestructuras; estudo da interacción da flora intestinal có sistema inmune e as capacidades cognitivas; uso de técnicas estatísticas combinando xenética e neurociencia para o estudo do Alzhéimer...

Estes son só algúns dos temas que se van abordar na V edición do Annual Meeting do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, xuntanza que este ano regresa ao formato presencial e na que se agarda reunir a máis dun cento de investigadores e investigadoras. Será no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais o 28 e 29 de xullo.

Este congreso anual reúne cada ano a investigadores e investigadoras que traballan nos catro eidos temáticos representados polos grupos de investigación do Cinbio: Medicina molecular, Nutrición e benestar, Nanomateriais, e Informática para a saúde e bioestatística. “Este encontro ten varios obxectivos, sendo quizais o principal crear un espazo de discusión tan interdisciplinar como o é o propio centro, atraendo ademais a investigadoras prominentes doutros centros para compartiren o seu traballo e así enriquecer o debate”, explica Lucas Vázquez, investigador do equipo TeamNanoTech, integrante do comité organizador e do comité científico desta cita.

Tras unha edición integramente virtual debido á pandemia, “este ano volvemos ao formato presencial para recuperar unhas condicións que favorecen as conversas e discusións que xorden entre as charlas e para motivar a interacción entre investigadoras visitantes das distintas áreas temáticas”, explica Vázquez, ao que engade que, se ben se tratarán temáticas diversas, todo xira arredor dun eixe común: “estender o noso coñecemento en ciencia básica para o beneficio da vida”. A idea é, tal e como explican na web da xuntanza, “abrir un debate creativo sobre novas ferramentas para a medicina do futuro”.

Oito convidados de renome de España, Portugal, Israel e EE UU

Aberto xa o prazo de inscrición, tanto para asistencia como para o envío de resumos, a organización do congreso ten confirmada a participación de oito poñentes convidados chegados desde diversos puntos do territorio español, así como de Portugal, Israel e Estados Unidos. A representación española chega, entre outras, da man de Aitziber López Cortajarena, directora científica do centro CIC-biomaGUNE de San Sebastián desde o pasado mes de xaneiro, cando substituíu no cargo ao profesor e investigador da Universidade de Vigo Luis Liz Marzán. Doutora en Bioquímica, López Cortajarena é un exemplo do percorrido habitual ao que se ten que enfrontar a comunidade investigadora en España: realización do doutoramento coa axuda de bolsas de estudos, anos de estancias en universidades estranxeiras e moita experiencia na procura de financiamento para os seus proxectos. Entre outras axudas, López Cortajarena foi quen de conseguir unha prestixiosa axuda ERC Grant do Consello Europeo de Investigación dotada con 1,7 millóns de euros.

Tamén desde España participarán Natalia Vila, investigadora no Centro de Regulación Xenómica de Barcelona; María Tomás, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS, da Universidade de Santiago de Compostela, e Ramón Reig, do Instituto de Neurociencias UMH-CSIC.

A representación de Estados Unidos no cadro de poñentes convidados é a do profesor do Departamento de Astronomía e Física da Universidade de Ohio Alexander Govorov, un dos físicos teóricos líderes mundiais especialista nas interaccións da luz con nanomateriais. No caso de Israel, o poñente será Gil Markovich, da Facultade de Química da Universidade de Tel Aviv, especializado no estudo de simetrías quirais, fundamentais no estudo da bioquímica e dos nanomateriais sintéticos con aplicacións en bioloxía e medicina.

Desde Portugal chegarán Ana Grenha, da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade do Algarve, e David Brea, adscrito á Fundación Champalimaud de Lisboa, cuxo obxectivo é desenvolver programas de investigación biomédica avanzada co enfoque de traducir descubrimentos científicos pioneiros en solucións que poidan mellorar a calidade de vida das persoas.

En 2021 participaron na xuntanza preto de 200 investigadores

En 2021 participaron neste encontro preto de 200 investigadores e, nesta quinta edición, coa volta ao formato presencial, a organización agarda reunir entre 100 e 150 científicas e científicos. Por outra banda, tamén se espera recibir un bo número de relatorios nos que a covid-19 figure tanto como obxecto de estudo como contexto da investigación, “pero desde o comité organizador non estamos a promover o evento unicamente nesta dirección”, salienta Vázquez, ao que engade que, “por central que sexa o papel deste virus na situación actual”, o traballo que se realiza no centro abrangue disciplinas e técnicas diversas que non conectan directamente co seu estudo. “Gustaríanos que o congreso representase o abano de liñas de investigación que fan do traballo no Cinbio, así como no resto da comunidade científica, unha achega relevante para unha gran variedade de retos, tanto presentes como futuros”, explica o investigador, quen, nesta ocasión, exerce como altofalante dun equipo composto por unha ducia de investigadores de posdoutoramento dos diferentes grupos de investigación adscritos ao Cinbio.

Universidade de Vigo, 2022-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES