
O interese deste proxecto estratéxico para a promoción e posta en valor do monte galego financiado con preto de 600.000 euros pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, propiciou a recente visita ao Campus de Lugo dunha delegación do instituto finés Metsäkeskus (Servizo Forestal de Finlandia). A comitiva nórdica, cuxo centro público de extensión forestal foi pioneiro na elaboración dun inventario forestal que agora pretende actualizar coas novas técnicas de monitorización, aproveitou a súa estadía en Galicia para manter encontros de traballo cos investigadores da UVigo e da USC implicados no desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, a fin de coñecer ao detalle as súas prestacións e de avaliar as posibilidades de implementación en Finlandia.
As vantaxes que ofrece o futuro inventario galego como ferramenta de xestión forestal son múltiples, segundo subliña o o profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra César Pérez Cruzado, que é o investigador principal da USC no proxecto impulsado desde a Administración autonómica logo dun proceso participativo que permitiu coñecer as necesidades e problemáticas advertidas polo sector.
Despois de meses de traballo, os investigadores implicados no Inventario Forestal Continuo de Galicia presentaron este mes un proxecto piloto do futuro documento. Esta primeira ferramenta aínda provisoria recolle e aplica a información obtida dos estudos realizados dunha superficie de 8 por 8 quilómetros, sinala Pérez Cruzado, ao tempo que precisa que o novo inventario galego de ordenación e planificación forestal pretende achegar información de utilidade para atallar tres cuestión prioritarias, tales como o son a problemática dos incendios, a detección e prevención de pragas forestais e a xestión activa dos bosques.
César Pérez Cruzado expresou asemade o seu convencemento de que o Inventario Forestal Continuo de Galicia e as súas ferramentas para a monitorización de bosques pode ter aplicacións noutros territorios, dado que se trata dun proxecto obxectivable e adaptable, elaborado con criterios de máxima transparencia e con datos verificables. A utilidade de calquera inventario forestal está condicionada pola súa credibilidade, afirma Pérez Cruzado, quen precisou que a propia USC vela polo control da calidade das distintas medicións realizadas e o Instituto Forestal de Göttingen realiza unha avaliación externa do rigor da metodoloxía empregada.
O investigador da USC responsable do Inventario Forestal Continuo de Galicia confía en poder rematar este proxecto en outono, aínda que nesta data a información compilada afectará a 86 concellos galegos de litoral dos que se contan con datos Lidar (técnica de teledetección por imaxe) actualizados. A disposición de máis información de datos de teledetección dunha maior superficie territorial permitiría a súa inclusión nun breve espazo de tempo no Inventario Forestal Continuo de Galicia, comenta Pérez Cruzado.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.