Notas de prensa

Máis de 20 proxectos europeos sitúan o CiQUS na vangarda internacional da investigación en química

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) cumpre 10 anos situándose na vangarda da ciencia no ámbito internacional. Para conmemorar o seu décimo Aniversario celebrará o I Simposio ‘Chemistry at the Frontier’ os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, e terá como convidados a recoñecidos líderes mundiais en varios ámbitos da química, incluíndo ao premio Nobel de Química 2021 David MacMillan.

O reitor Antonio López amosouse “satisfeito por celebrar os dez anos do centro singular da Universidade, xerme do actual proxecto de Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e porta de acceso aos outros dous centros que naquel momento compoñían a Rede (CiMUS e CiTIUS). Sen dúbida, un atributo que prestixia o bo facer da USC e sitúaa no mapa mundial da investigación de excelencia”, explicou na rolda de prensa celebrada este venres.

“A boa saúde da que goza o CiQUS, o que conta con maior número de investigadores ERC do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e as boas perspectivas a medio prazo, reafirman a posición de referencia do centro no seu ámbito de coñecemento”, asegurou o reitor. Pola súa parte, o director científico do Centro, José Luis Mascareñas, resumiu os principais indicadores do CiQUS ao longo da súa primeira década, destacando “o seu rápido crecemento e o cumprimento dos máis altos estándares de calidade globais en formación, captación de talento e competitividade, ao obter once proxectos do ERC, dirixidos por sete investigadores do Centro e financiados pola entidade máis prestixiosa do contexto internacional, o Consello Europeo de Investigación”, subliñou o profesor Mascareñas. Obxectivos estratéxicos foron tamén a produción científica, cunha media superior aos 100 artigos por ano en revistas de primeira orde como Science ou Nature; ou a transferencia tecnolóxica, “clave para facer chegar á sociedade os resultados da investigación fundamental”, en palabras do director quen tamén estivo acompañado na rolda de prensa pola subdirectora xeral de Promoción científica e tecnolóxica universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón Nieto, que definiu o CiQUS como “un nicho de talento”.

Impacto económico e progreso social

As investigacións que levan a cabo no Centro organízanse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sostible. Lonxe de ser compartimentos estancos, estas áreas interactúan entre si co fin de abordar retos científicos dende unha perspectiva multidisciplinar. Feito que enriquece o traballo colaborativo e favorece sinerxías entre grupos e proxectos. “Facer ciencia de vangarda que impacte na sociedade é parte indisociable da nosa misión. Unido ao importante impacto económico grazas á captación de proxectos europeos de primeiro nivel (ao redor de 14 millóns de euros a través dos ERCs), a transferencia tecnolóxica que logramos nesta década, con numerosas patentes solicitadas (24), cinco delas xa licenciadas para explotación comercial; a creación de catro empresas (Matprint, MD.Use, Sigillum Knowledge Solutions e Celtarys Research); e contratos de I+D con oito industrias, dá debida conta da nosa incursión directa no progreso económico e social integral”, lembrou Mascareñas.

Destacan tamén os proxectos internacionais de colaboración obtidos durante esta década. “Un total de 14, que supoñen máis de 4 millóns de euros, con máis de 20 países de todo o mundo son as cifras que nos impulsan a seguir por este camiño”, defende o director científico do Centro da USC. A translación á sociedade do traballo científico reflíctese tamén en avances concretos en campos como o da biomedicina (desenvolvemento de terapias contra a COVID-19 ou descubrimento de encimas artificiais), os novos materiais funcionais (desenvolvemento de novas baterías, dispositivos térmicos e electrónicos, entre outros) ou o desenvolvemento sostible (transformación sostible de materias primas).

Modelo de innovación e catalizador de talento

A principal misión do CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a científicos e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora e un equipo humano multidisciplinar, composto na actualidade por 190 investigadores distribuídos en 18 grupos.

“O crecente prestixio internacional que adquiriu o noso Centro converteuno en polo de atracción de talento procedente de todo o mundo. De feito, o 25% do persoal investigador, hoxe líderes de grupo, uniuse ao CiQUS a través de programas de captación de talento novo, sen gardar ningunha relación previa con Galicia nin a USC, dato incuestionable que confirma o soporte de excelencia que significa o CiQUS, tanto en formación, como en recursos técnicos e humanos”, expuxo o director científico. Neste sentido, teñen unha especial significación programas formativos como o Master CHEM Bio& Mat, unha titulación pioneira en España dirixido a quen desexa afondar na fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais. Ademais, “o modelo de funcionamento do noso Centro inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio da que forman parte, entre outros, o Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, e que nos anima a seguir traballando baixo os máis altos estándares”, concluíu Mascareñas.

O Premio Nobel en Química 2021

Co fin de conmemorar o décimo aniversario, o centro celebrará o primeiro simposio ‘Chemistry at the Frontier’, un encontro científico que permitirá reunir a científicos de primeiro nivel de diferentes países. Destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, da Universidade de Princeton, na súa primeira visita a Europa dende a concesión do galardón e que tamén participará no programa de divulgación científica da USC ConCiencia. MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado no ano 2021 co premio Nobel, xunto con Benjamin List, polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares.

Durante tres días, Santiago de Compostela converterase en foco científico internacional grazas ao simposio que terá lugar durante os días 30 e 31 de marzo, e 1 de abril. Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas a nivel global, como Helma Wennemers da Universidade de Zúric ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, daranse cita no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan a aposta do Centro polo talento novo e o equilibrio de xénero.

Exemplo galego de excelencia global

Nacido en 2011, o CiQUS foi o primeiro dunha rede de centros cun novo modelo de organización e funcionamento, que constituíu o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto Campus Vida (Campus de Excelencia Internacional) da USC. O CiQUS conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (sociedade-poboacion.jpg) A enquisa publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ás cifras poboacionais de referencia correspondentes ao primeiro semestre de 2025 pon de manifesto que Galicia continúa gañando poboación e rexistrando unha tendencia demográfica positiva. Concretamente, en xullo de 2025, a poboación de Galicia cifrouse en 2.720.738 habitantes, un total de 5.997 persoas máis que a principios dese mesmo ano, o que supón un incremento do 0,22% no semestre. En termos interanuais, a poboación de Galicia incrementouse en case 15.000 habitantes en doce meses, ao pasar das 2.705.832 persoas en xullo de 2024 ás 2.720.738 do mesmo mes de 2025, o que implica un crecemento do 0,55%.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaje.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter hoxe un encontro co seu homólogo na Rioxa, Gonzalo Capellán, volveu rexeitar a proposta de modelo de financiamento autonómico feita polo Goberno central xa que rompe a solidariedade e a igualdade entre as comunidades. 'No caso de Galicia, saímos especialmente prexudicados porque se rompen principios que para nós son absolutamente irrenunciables como a negociación conxunta, a exclusión de bilateralidades, o mantemento da solidariedade e da igualdade en servizos básicos entre todos os territorios', apuntou. 'Somos algo máis do 6,5% da poboación axustada de España e na nova repartición non chegariamos nin ao 3% dos recursos'.

Notas

A UVigo conmemora o Día Europeo da Mediación, que se celebra este mércores cunha xornada dirixida a afondar nos principios e ferramentas deste proceso de resolución de conflitos. Trátase dun evento virtual, promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora, a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflito.
O día 6 de febreiro o Campus Remoto da Universidade de Vigo acollerá a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Nela alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da UVigo presentará traballos realizados no marco da programación de grao, posgrao e doutoramento, como traballo fin de estudos, teses ou proxectos de innovación docente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES