Notas de prensa

UAVs, as novas sentinelas a prol do desenvolvemento rural

A investigación de doutoramento 'Aplicación de técnicas xeomáticas na Smart Farming: Monitorización de cultivos, determinación de biomasa e detección de enfermidades', desenvolvida polo enxeñeiro vilalbés Izar Sinde González na Escola Politécnica Superior de Enxeñaería do Campus Terra da USC baixo a dirección da profesora Mariluz Gil Docampo, constata as múltiples aplicacións dos sensores de vehículos aéreos non tripulados en distintos procesos de desenvolvemento de áreas rurais en rexións aínda en fase de crecemento e modernización.

A xeración de cartografía, a inspección de infraestrutura, a vixilancia de bosques, ou a xestión de cultivos mediante agricultura de precisión constitúen algunhas das aplicacións máis destacadas e coñecidas relacionadas co emprego de vehículos aéreos non tripulados (UAV), cuxas prestacións no ámbito da Smart Farming permiten potenciar as vantaxes que reportan outras tecnoloxías tamén recentes como os sistemas de xestión da información, a automatización ou a agricultura de precisión. Estas prácticas implican operacións orientadas a optimizar a calidade e a cantidade dos cultivos a través de tecnoloxías eficientes e limpas para o medio ambiente.

Neste contexto, a investigación de doutoramento presentada por Izar Sinde González aborda as metodoloxías empregadas actualmente en agricultura de precisión e, nomeadamente, no campo da teledetección mediante sensores aéreos non tripulados, uns dispositivos, sostén o autor, capaces de prestar unha importante axuda nos procesos de desenvolvemento rural en áreas de Ecuador que aínda se atopan sen desenvolver.

As metodoloxías analizadas nesta tese de doutoramento abranguen temáticas relacionadas coa análise do crecemento en canto á xeración de biomasa en cultivos de raygrass e kikuyo, estudos sobre o estado de saúde de plantacións de lupino en áreas montañosas da rexión andina mediante a súa resposta espectral e a detección de enfermidades en palma africana, a través do estudo da variabilidade da súa resposta espectral.

As pescudas desenvolvidas por Sinde González no marco da súa tese de doutoramento puxeron de manifesto o potencial dos sistemas UAV á hora de estudar e xestionar cultivos clave na economía da República de Ecuador e doutros países en vías de desenvolvemento. De feito, para a casuística dos cultivos antes mencionados empregáronse equipos como os UAV os espectrorradiómetros de man, a fin de poder xerar produtos xeoespaciais de alta resolución a través de técnicas de fotogrametría SfM e teledetección de baixa altura.

A información xeoespacial permitiu a posterior extracción de valores espectrais a nivel de planta cos que resulta viable inferir resultados satisfactorios a través da aplicación de diversas probas estatísticas, sinala Sinde González. Esta metodoloxía de traballo, engade o investigador, permitiu detectar de forma temperá a afectación de Pudrición de Cogollo (PC) en palma africana, determinar que tratamento de desinfección de semente é o máis axeitado para controlar a evolución da antracnose (cancro) en lupino (xénero de plantas leguminosas) ou mesmo para constatar que o cultivo de ryegrass perenne é o que ofrece mellores rendementos na produción de biomasa para solos da área andina ecuatorial.

Tribunal de tese e cualificación

O enxeñeiro agrónomo e profesor na Universidade Politécnica de Madrid Ignacio Cañas Guerrero presidiu o tribunal responsable de avaliar a tese de doutoramento presentada por Izar Sinde. A profesora da Universidade de Vigo Julia Armesto González e o tamén docente na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC Juan Ortiz Sanz completaron o tribunal, que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude ao investigador chairego.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES