Notas de prensa

As intervencións nas cavidades de Cova Eirós constatan novos períodos de ocupación nunca antes rexistrados

As escavacións levadas a cabo este verán na Cova Eirós, no concello lucense de Triacastela, permiten ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades. Así, as 50 moedas romanas atopadas na Cova das Cabras permiten documentar un nivel de ocupación, da segunda metade do século IV d.C., non rexistrado ata a data, nin en Cova Eirós, nin noutros xacementos da contorna.

Nesta campaña de 2021, a intervención realizouse en dous espazos diferentes: a Cova Eirós, coa continuación da escavacións dos niveis do Paleolítico medio; e a apertura de novas catas na Cova das Cabras, unha cavidade veciña a Eirós. Os traballos foron executados por membros do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona e da Universitat Rovira i Virgili, ao abeiro dun convenio coa Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

As escavacións en Cova Eirós do nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) axudan a afondar no coñecemento sobre os neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron esta cova como campamento durante tempadas relativamente longas; por iso, é o nivel onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como é o caso de lascas, raspadeiras e os restos da súa manufactura, empregando o cuarzo e máis a cuarcita, e usados para procesar os animais cazados, as súas peles e na fabricación de ferramentas en madeira.

Estes grupos de neandertais cazaban cervos, rebezos e cabalos nos vales e bosques próximos que logo, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. Os restos óseos amosan que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que usaban a cavidade como cubil ou oseira. Este tipo de ocupacións tiveron lugar nun momento de progresivo arrefriamento e onde os osos das cavernas, rinocerontes laúdos, rebezos, corzos, cervos e xabarís abondaban nos bosques e vales próximos.

En paralelo, realizáronse traballos de fotogrametría para facer levantamentos en 3D dos paneis que conteñen arte do interior de Cova Eirós e un estudo etnolóxico dos grafittis do interior da cavidade para comprender a consideración patrimonial dos veciños de Cancelo sobre Cova Eirós.

Cova das Cabras

A intervención na veciña cavidade de Cova das Cabras achegou novos datos sobre o uso das cavernas de Cancelo durante as épocas históricas. Na entrada escavouse unha pequena cata de 2m2, onde se recuperaron numerosos restos de ovicápridos e fragmentos cerámicos de época medieval. As evidencias arqueolóxicas indican un uso agropastoril desta pequena cova durante a Idade Media, complementario ao documentado en Cova Eirós. A cova foi empregada como lugar de resgardo de ovellas e cabras durante os séculos XII-XIII d.C. Este uso da cavidade, tal e como o seu nome indica, foi continuado polos veciños de Cancelo ata hai poucas décadas.

Porén, o achado máis salientable foi realizado no extremo máis interior da cavidade, a uns 20 metros da entrada. Na cata planeada no fondo da cavidade “recuperouse un tesouriño formado por unhas 50 moedas romanas que permite documentar un nivel de ocupación, da segunda metade do século IV d.C., ata a data, non rexistrado nin en Cova Eirós nin noutros xacementos da contorna”, sinalan dende o equipo investigador. O estudo numismático feito por Santiago Ferrer Sierra permitiu identificar varias delas como follis de bronce pertencentes a Constancio II (341-346 d. C.) e a Valentiniano ou Valente (367-375 d. C.). O seu achado no fondo da Cova das Cabras, un lugar de difícil acceso, indica a clara intencionalidade do seu agochamento.

A diferencia doutros contextos, os numismas non apareceron en cerámicas ou ánforas, senón concentradas na superficie da cavidade. Iso indica que moi probablemente esas moedas estaban gardadas nunha bolsa anoada, ben de tea ou de coiro, ao non atoparse, polo de agora, fíbulas para o seu peche. Este tipo de tesouriños non é alleo a outros contextos cantábricos en cova, e son relativamente frecuentes en castros (Valencia do Sil, Viladonga) e xacementos tardorromanos da Gallaecia, salientando o ambiente de inestabilidade política e social que define o imperio romano durante o século IV. Actualmente atópanse en fase de restauración na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia para posibilitar o posterior estudo da colección completa.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (eclipse-2026-xunta.jpg) A Xunta habilitou hoxe un apartado específico dentro da páxina web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o vindeiro día 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico de carácter excepcional, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. De feito, no espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total e en cales se verá de forma parcial.
Foto de la tercera plana (camino-litoral.jpg) Co obxectivo de pór en valor os máis de 2.555 quilómetros de litoral que posúe Galicia, a Xunta ven de lanzar o Camiño do Litoral. Trátase dun itinerario único que discorre por 78 municipios costeiros a través de 52 etapas, concibido para ofrecer unha alternativa de turismo sustentable e amosar a convivencia entre a conservación ambiental e o desenvolvemento socioeconómico da zona. Esta gran ruta vertebradora, que xurde como unha das medidas clave ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, conecta espazos naturais, vilas mariñeiras e un rico patrimonio.

Notas

Espazos Sonoros regresa un ano máis cunha programación que volve propoñer un diálogo entre música e patrimonio, convidando o público a descubrir espazos de especial valor histórico e cultural da provincia da Coruña a través da experiencia artística. Organizado polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro.
Cada día, unha parte importante da enerxía que consome a industria termina perdéndose en forma de calor. Entre un 25 % e un 55 % disípase a temperaturas próximas aos 200 °C suficientemente elevadas como para aproveitar esa calor e convertela en electricidade. Recuperar ese potencial enerxético é un dos desafíos da industria para avanzar cara a procesos máis eficientes e sostibles.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES