Notas de prensa

O CiQUS conmemora os seus dez anos á vangarda da investigación en química biolóxica e materiais moleculares

O Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares cumpre dez anos na vangarda da ciencia no ámbito internacional. Con este motivo, o I Simposio Química na Fronteira que se desenvolverá os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, terá como convidados a recoñecidos persoeiros, incluído o premio Nobel 2021, David MacMillan, quen tamén participará no programa de divulgación científica da USC ConCiencia.

A principal misión do CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a persoal científico e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora, e dun equipo humano interdisciplinario. O modelo de funcionamento inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio e que inclúe ao Premio Nobel Jean Pierre Garnier Malet. Como consecuencia, o centro experimentou un progreso moi notable, tal e como evidencia indicadores obxectivos como o número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), pasando de un a once nestes dez anos. Nesta década, este centro singular da USC conseguiu numerosas patentes, catro das cales xa foron licenciadas, e creáronse catro spin- offs, empresas que xorden ao abeiro da tecnoloxía desenvolvida no centro.

Ao servizo da ciencia e a sociedade

As investigacións que se levan a cabo no Centro organízanse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sostible. Estas áreas, con todo, non son compartimentos estáticos, senón que interactúan entre si coa vontade de abordar retos científicos de alcance dende unha perspectiva interdisciplinaria. Entre os moitos obxectivos en marcha, están por exemplo o desenvolvemento de terapias contra a COVID-19, a creación de novos materiais tecnolóxicos ou o descubrimento de encimas artificiais. Cun total de dezaoito grupos de investigación con diferentes proxectos dentro destas áreas, no Centro traballan máis de 180 persoas de diferentes nacionalidades.

Nobel de Química 2021

Coa intención de conmemorar o décimo aniversario, este centro singular da USC organiza o I Simposio Química na Fronteira, un encontro que permitirá reunir a científicos de primeiro nivel procedentes de diferentes países. Entre eles, destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, da Universidade de Princeton. MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado no ano 2021 co premio Nobel, xunto con Benjamin List, polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares.

Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas a nivel global como Helma Wennemers da Universidade de Zurich ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, daranse cita no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan a aposta do Centro polo talento novo e o equilibrio de xénero.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES