
Este Herbario é obra da propia López Sández e da tamén profesora da USC, María Isabel Fraga Vila, xunto co tratamento fotográfico de Miguel Fraga Vila. Unha significativa mostra desta obra integrada por 150 pregos poderá visitarse do 19 de febreiro ao 25 de marzo no Real Xardín Botánico (RJB-CSIC) de Madrid. Coa exposición Herbario Rosalía de Castro. Nasín cando as prantas nasen, preténdese render tributo á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutro xeito, explicaron López Sández, Cabo Aseguinolaza e Rábade Villar, comisarios/as da mostra.
Segundo explica María López Sández, durante o ano 2019 ela mesma e María Isabel Fraga Vila realizaron un herbario físico inspirado na obra rosaliana, para o que tiveron que realizar previamente un baleirado completo da súa creación literaria, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas. Seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos que Rosalía de Castro percorreu e describiu nas súas obras, seleccionouse o material: unha importante serie de rosas, de acordo coas máis de setenta mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbas do cemiterio ou herbas do campo florido, en consonancia coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo romanticismo, desde William Wordsworth ata a propia Rosalía, sinala López Sández á vez que, apunta, sen o coñecemento de botánica de María Isabel Fraga non se podería levar a bo termo este herbario para aclarar que, é máis literario que científico.
Estruturada en cinco seccións
A mostra atópase estruturada en cinco seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Todas elas van acompañadas de paneis explicativos que relacionan cada sección coa obra de Rosalía de Castro e o nexo que hai entre natureza e literatura. Ademais, unha proxección audiovisual permitirá ver o herbario na súa totalidade. A mostra tamén alberga obxectos cedidos pola casa Museo Rosalía de Castro como primeiras edicións dos libros da poeta ou o debuxo dunha paisaxe realizada polo seu fillo, o pintor Ovidio Murguía de Castro.
No marco da mostra, e coincidindo co Día Internacional da Árbore e da Poesía, o 21 de marzo, o Real Xardín Botánico acollerá unha mesa redonda sobre A imaxinación botánica das escritoras do século XIX que terá lugar no Salón de Actos do Real Xardín Botánico, dende as 19.00 horas e con entrada libre ata completar a capacidade do espazo. O acto contará coa presenza das profesoras Catherine Davies, Pura Fernández, María López Sández e Solange Hibss.
Cartografías do afecto
A exposición Herbario Rosalía de Castro. Nasín cando as prantas nasen conta co apoio e a colaboración da Xunta de Galicia, o programa Xacobeo 21-22, a USC e o Museo Casa Rosalía. Así mesmo, está vinculada ao proxecto Cartografías do afecto e usos públicos da memoria: unha análise xeoespacial da obra de Rosalía de Castro, dirixido por Fernando Cabo, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, e parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.