Notas de prensa

O Observatorio da Gobernanza e o Instituto Galicia Sur analizan a toma de decisións dos profesionais sanitarios durante a pandemia

Desenvolver unha ferramenta de apoio á toma de decisións na xestión sanitaria nun contexto como o provocado pola covid-19 é o obxectivo de Practicum Direct, un proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), do que forma parte o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo.

Xunto ao desenvolvemento dunha ferramenta de simulación, baseada en intelixencia artificial e estatística avanzada, o proxecto coordinado polo grupo de investigación do IISGS eHealth en áreas sanitarias integradas busca tamén coñecer como foi esa toma de decisións nas diferentes ondas da pandemia, a través dunha serie de entrevistas a directivos, xestores e persoal médico, tanto de atención primaria como hospitalaria.

“Estamos realizando entrevistas semiestruturadas para conseguir comprender como tomaron decisións no marco do inicio da pandemia”, salienta Enrique Varela, coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 e decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Trátase dun traballo que iniciaron o pasado ano con responsables e persoal de diferentes centros de saúde e continúan neste 2022 pondo o foco no contexto hospitalario, co propósito de abordar, como sinala, dúas “dimensións complementarias pero que teñen racionalidades distintas”. Co foco nesta liña de traballo, os investigadores do observatorio mantiveron unha reunión de traballo cos coordinadores de Practicum Direct, o médico e responsable da Unidade de Calidade da Ãrea Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, Modesto Martínez, investigador principal, e o médico internista do Hospital Ãlvaro Cunqueiro Ismael Said. “Practicum Direct é un proxecto cunha perspectiva moi tecnolóxica, moi de xestión de datos masivos, pero grazas á colaboración da Universidade conseguiuse avanzar moito nun subproxecto que ten que ver coa aprendizaxe en canto á xestión de toma de decisións nun momento de máxima incerteza, como foi a primeira onda da covid-19”, sinala Said.

Practicum Direct é un proxecto financiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), na convocatoria de axudas para rescate de proxectos galegos ISCIII-Fondo COVID-19 (código IN845D-2020/03) e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no Programa Operativo Feder Galicia Unha maniera de facer Europa 2014-2020. Cun orzamento de máis de 270.000 euros, reúne no seu equipo de traballo a profesionais sanitarios de diferentes perfís, así como a expertos en enxeñaría ou xestión pública, entre os que se atopan os tamén investigadores do Observatorio da Gobernanza Óscar Briones e Bruno González, así como a consultora de saúde pública Olga Solas, que participou nesta xuntanza de forma virtual.

Reflexións e sensacións que complementan os datos

“Non é posible tomar unha decisión baseándonos só nos datos, polo que había que ter en conta esa visión máis de políticas públicas”, salienta Said dunha liña de traballo que lles está permitindo rexistrar “as sensacións, as necesidades e as reflexións das persoas que estiveron diante da xestión da pandemia”. Centrada na análise das diferentes ondas desde a perspectiva dos "informantes clave", ata a data realizáronse unha decena de entrevistas ao a persoal directivo e xestores de centros sanitarios. Neste punto, Varela pon de relevo como esa definición dun modelo de toma de decisións ten que ir máis aló de aspectos clínicos e analizar tamén “modelos que están baseados nas percepcións dos xestores e dos cadros profesionais, tanto sanitarios como mesmo do persoal de administración”.

Trátase, como salienta Said Criado dun “exercicio de aprendizaxe que vainos servir de moito, porque o obxectivo final é aprender do ocorrido para poder asumir no futuro novas pandemias ou catástrofes”. Da información reunida, explica, extraeranse “mapas conceptuais” nunha “liña paralela” á centrada no traballo con datos masivos do sistema sanitario. “Estamos xerando un modelo de decisión con dúas patas, que ten que ver coa xestión pública, pero tamén relacionado coa evidencia científica baseada en datos”, salienta o coordinador xunto con Martínez de Practicum Direct. Non en van, conclúe, “a toma de decisións dun directivo do futuro deberá estar relacionada cos datos que poida adquirir, ben estruturados, de sistemas de información dixital, pero tamén dun
marco de xestión”.

Futuras accións de transferencia

“É un subproxecto con vida propia, no que investigadores en ciencias da saúde e en ciencias sociais están aprendendo uns de outros”, subliña Varela, que incide na importancia que ten, tanto para o grupo de investigación como para a Facultade de Dirección e Xestión Pública, tomar parte nun proxecto de e-saúde con expertos en diferentes eidos. Practicum Direct estenderase ata finais do presente ano, no que o Observatorio de Gobernanza proxecta levar a cabo diferentes accións de transferencia no campus. Por un lado, adiantou Varela, está previsto organizar neste curso “un pequeno seminario académico para contar como vai a investigación”, ao que sumaría a proposta de levar a cabo, tamén na facultade, “un taller específico para directivos” do eido sanitario.

Universidade de Vigo, 2022-02-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (castelao-isaacdiazpardo.jpg) A cuarta edición do Festivalle dará comezo coa representación de Los cuernos de Don Friolera a cargo da Teatro del Canal. Durante os días seguintes, a programación desenvolverase por diferentes espazos de Vilanova de Arousa, onde se poderá gozar de La Rosa de Papel, de Teatro Tribueñe, compañía que tamén escenificará El embrujado. O peche do festival será para conmemorar o centenario este ano da estrea de La cabeza del Bautista coa proxección dun documental audiovisual inédito. Os vencellos persoais e profesionais entre os autores de Luces de Bohemia e Sempre en Galiza estarán presentes no Curso de Verán, que este certame celebra paralelamente ás representacións teatrais.
Foto de la tercera plana (neno-escola-mochila.jpg) Trátase dunha nova medida de apoio ás familias no eido educativo, promovida pola Xunta de Galicia, para a desgravación fiscal pola adquisición de libros de texto e material escolar, a realizar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, desde o día 1 de xullo ata o 31 de decembro deste ano as familias deberán gardar as facturas de compra para poder facer efectiva a desgravación na vindeira declaración da renda de 2026. En concreto, poderán desgravar ata 105 euros por fillo ou filla matriculados en educación Primaria e Secundaria.

Notas

Con 198 inscritos e inscritas, procedentes de máis de 40 universidades e institucións dunha decena de países, este mércores dá inicio o XVIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as prácticas académicas, un congreso bienal centrado nas estadías formativas que o alumnado universitario realiza en diversas entidades, e promovido por unha rede de centros da que forma parte a UVigo.
A Ãrea de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC entregou os Premios Ãcarus 2025, nos que resultaron distinguidos 20 traballos das cinco áreas de coñecemento e diferenciados nas categorías de teses de doutoramento e traballos de fin de grao e máster. O acto, desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación, estivo presidido polo delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES