
O CITMAga bota a andar coa vontade de integrar as capacidades científicas do ámbito das Matemáticas, compartindo visión e estratexia e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento. Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia nacional e internacional, constituíndo unha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional.
O reitor Antonio López destacou que as tres universidades públicas de Galicia compiten en diversos ámbitos pero, por enriba de todo, destaca a colaboración que nos axuda a facer país, subliñou. As Matemáticas en Galicia constitúen, dixo López, un lugar de referencia tanto na investigación básica, como na aplicada e o CITMAga permitirá integrar as capacidades das tres nunha axenda científica común. Manuel Reigosa, reitor da UVigo, destacou, pola súa parte, que este vai ser un centro de referencia, hai vimbios, e se somos quen de colaborar, vai ser bo para todo o país, xa que, en palabras Reigosa, o CITMAga debe constituír un faro de luz para toda Galicia. Pola súa banda, o reitor da UDC, Julio Abalde, definiu a xornada como un día magnífico para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia e amosouse satisfeito, xa que as tres universidades fomos capaces de poñernos de acordo nun campo fundamental para calquera país moderno.
A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, destacou que esta xornada conforma un punto na liña do tempo da Facultade, un punto singular e destacou que o CITMAga permitirá aproveitar o talento senior pero tamén reter a xente máis nova. Nesta mesma liña, a directora científica en funcións do CITMAga, Rosa Crujeiras, sinalou que este é o froito do traballo de varias xeracións con grande recoñecemento a nivel estatal e internacional. A liberdade académica para a investigación, a excelencia, a igualdade de oportunidades e trato, a sensibilidade cara os retos globais, a colaboración interna e externa, a ética e rendemento de contas, e a responsabilidade social e o compromiso coa Ciencia en Aberto conforman os valores sobre os que se artella a folla de ruta deste centro, dixo Crujeiras.
Programa da xornada inaugural
A primeira parte da xornada estivo dirixida ao persoal investigador vinculado, persoal investigador en formación, persoal propio e persoal investigador colaborador do CITMAga, e nela Rosa Crujeiras detallou a axenda científica do centro para o futuro. A axenda conta con catro áreas de investigación e transferencia, tres delas orientadas a retos globais (sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial) e unha área de ciencia e coñecemento que realmente é transversal a todas as demais, explicou. Ademais, algo que é moi positivo e que debemos valorar, é que esta axenda permitiu que se interesaran polo centro non só investigadoras e investigadores que veñen do ámbito das matemáticas, senón tamén da física e da enxeñaría, engadiu.
A continuación, a investigadora Kathryn Hess impartiu a conferencia Topology, group theory, and neurons. Na segunda parte da xornada sucedéronse as reunións entre o Comité Asesor Científico Externo (CACE) e o Comité Asesor Industrial (CAI) e na quenda de de tarde, desenvólvese unha reunión aberta do CACE coa dirección e co persoal investigador.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.