Notas de prensa

UVigo e Deputación de Pontevedra recoñecen a catro alumnas como referentes STEM para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas

Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, e Marielena Márquez, do de Enxeñaría de Telecomunicación, son as dúas alumnas gañadoras da segunda edición dos Premios GirlGeekCovid, un recoñecemento co que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en valor os mellores expedientes femininos da UVigo.

Xunto a elas foron tamén recoñecidas con cadanseu accésit, Uxía López, do Grao en Química, e Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación. As catro teñen expedientes académicos brillantes e as catro son un excelente exemplo do bo facer das mozas nas denominadas titulacións STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.

A entrega de premios, enmarcada nas actividades da Cátedra de Feminismos 4.0, tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que, ademais de darlles as grazas e os parabéns, lles fixeron un pedimento: “que sigan apoiando sempre a causa da igualdade”, tal e como lles recalcou o reitor. Ambos remarcaron a importancia de “visibilizar” a excelencia das mozas que estudan STEM, que teñen uns currículos extraordinarios e que, polo tanto, “son referentes para outras nenas e outras mozas que teñen que decidir a que se van dedicar, unha decisión transcendental que só deberían tomar desde a liberdade”, enfatizou a presidenta da Deputación.

“Ser muller e ter éxito no ámbito STEM é máis que posible”

As gañadoras do primeiro premio recibirán cada unha 2000 euros e as alumnas galardoadas cun accésit 1000. O xurado valorou tanto o expediente académico (nota media do expediente ata o curso 2020/2021 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de enxeñaría e a 8 nas titulacións da rama de ciencias) como a motivación das mozas, que presentaron unha carta na que amosaron, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionaron sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

“Estamos aquí para reivindicar que se valoren os nosos éxitos e as nosas contribucións nun mundo no que ademais das dificultades convencionais temos que afrontar aquelas que derivan do feito de ser mulleres”, recalcou tras recoller o premio Ana Ramírez, gañadora da categoría de Ciencias. “É fundamental que loitemos xuntos para destruír os estereotipos que aínda existen para que no futuro as nenas escollan libremente a que se queren dedicar e saiban que poden ter éxito en todos os campos do coñecemento e que os seus éxitos serán recoñecidos”, recalcou esta moza bióloga, ao tempo que fixo fincapé en que “ser muller e ter éxito no ámbito STEM é máis que posible”

No caso da gañadora na categoría de enxeñaría, Marielena Márquez, animou a todas as alumnas universitarias a seguir loitando porque “as mulleres sexan visibles en todos os ámbitos da ciencia e a tecnoloxía”. Ademais de á propia Universidade e á deputación, agradeceu o premio a todos os docentes e compañeiros que formaron parte da súa vida académica, “que non só nunca me puxeron trabas, senón que sempre me impulsaron a chegar a ser o que son hoxe, enxeñeira de telecomunicación”.

“Catro mulleres novas, moi valentes e esperanza para todas nós”

A apertura do acto correu a cargo de Carmela Silva que se referiu ás premiadas como “catro mulleres novas, moi valentes e esperanza para todas nós”. Tal e como destacou na súa intervención, neste momento a Intelixencia Artificial, que forma parte do día a día da sociedade, desde os móbiles ata as redes sociais, “non soamente ten pensamento de home, senón que ten un pensamento machista” e isto é algo que só pode corrixirse cun mundo no que o 50% da tecnoloxía a fagan os homes e o outro 50% as mulleres. “Desde que nacemos oriéntasenos cara a onde temos que ir, elas cara aos coidados, no senso máis amplo da palabra, e eles cara aos liderados e a toma de decisións, a construción da intelixencia de todo tipo, a dirección, a investigación... e, polo tanto, cando temos que decidir estamos xa estereotipados e estereotipadas”.

Tamén o reitor insistiu na súa intervención na necesidade de que as mulleres ocupen a metade do espazo, tanto nas carreiras tecnolóxicas como nas científicas. “Penso que o mellor xeito de que as nosas rapazas sintan que poden desenvolver aquilo que lles gusta é que non haxa estereotipos cara as titulacións, e para iso precisámosvos como referentes”, recalcou Reigosa. “Vexo catro mulleres moi novas, coas ideas moi claras e que estou seguro que van funcionar como referentes para que esta loita, que é de toda a sociedade que quere a igualdade, incluídos a maior parte dos homes, non decaia nunca”.

En enxeñaría só o 23% das persoas matriculadas son mulleres

Aínda que a distribución do alumnado na Universidade de Vigo é paritaria (48% de homes e 52% de mulleres), segundo se desprende do seu Observatorio de Igualdade de 2021, o xénero feminino mostra maior presenza en tres das catro ramas de coñecemento: artes e humanidades, ciencias da saúde, e ciencias sociais e xurídicas, cunha sobrerrepresentación do 72%, 76% e 61%, respectivamente.

Doutra parte, do mesmo xeito ca o ano anterior, a rama de enxeñaría e arquitectura presenta unha forte masculinización, xa que o 77% do alumnado son homes e o 23% mulleres. Esta fenda é aínda máis relevante se se ten en conta que o alumnado matriculado nestas áreas de coñecemento representa o 27,5% do total. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que estudan ciencias e enxeñaría e arquitectura, só o 32% son mulleres. Apréciase por tanto que a fenda de xénero entre ramas de coñecemento persiste, así tamén os típicos estereotipos de xénero, pois as mulleres mostran preferencia por carreiras relacionadas con tarefas administrativas, o coidado e temáticas sociais. En cambio, os homes inclínanse por elixir carreiras relacionadas coa tecnoloxía e coa ciencia.

Ãgueda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo, que foi a encargada de conducir o acto de entrega de premios asegurou que, pese a que hoxe en día as mulleres son maioría nas universidades galegas, “aínda estamos pouco representadas nalgúns ámbitos como o STEM e, máis en concreto, nas disciplinas PECS (Physics, Engineering, Computer, Science)”. Porén, amosouse convencida de que, seguramente en breve, “reverterase esa tendencia”. Para conseguilo, sinalou que “é preciso ciencia e conciencia, convicción e confianza, como a que amosan as gañadoras dos premios GirlGeekCovid”.

Nova sesión do obradoiro de autodefensa dixital

Pola tarde, de 16 a 18 h, o colectivo Donestech impartirá a segunda sesión do obradoiro práctico en formato online sobre autodefensa dixital feminista con perspectiva de xénero, que celebrou a súa primeira xornada o pasado 27 de xaneiro. A través deste taller, as persoas participantes poderán coñecer e combater os distintos tipos de violencias machistas dixitais.

Universidade de Vigo, 2022-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES