Notas de prensa

Un equipo da USC colidera un estudo global para deter a perda de biodiversidade e xerar cambios transformadores

A perda de biodiversidade sen precedentes que está a sufrir o planeta nos últimos decenios é un asunto cada vez máis central na toma de decisións das organizacións internacionais. As consecuencias directas e indirectas deste problema urxen a actuar de forma contundente para evitar un futuro complicado para a Terra.

Neste sentido, a folla de ruta que marcará o camiño a seguir a nivel global é o traballo de avaliación que ten en marcha o IPBES, a plataforma intergobernamental internacional para deter a perda de biodiversidade e xerar cambios transformadores. Esta plataforma acaba de seleccionar ao Profesor e investigador Sebastián Villasante, do Departamento de Economía Aplicada da USC e pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), para coliderar un dos capítulos deste informe global.

Dende agora e ata finais de 2024, o profesor Villasante da USC coordinará un grupo de expertos de carácter interdisciplinario a nivel mundial, en concreto, o Capítulo 2, titulado ‘Visións dun mundo sustentable para a natureza e as persoas’, dentro do documento global que avaliará as causas de perdas de biodiversidade e os determinantes dos cambios transformadores que contribúan, de aquí a 2050, a conseguir un planeta no que “vivir en harmonía coa natureza”.

O actual plan de traballo do IPBES, que se desenvolverá ata 2030, procurará “comprender e identificar os factores que nas sociedades humanas, tanto a nivel individual como colectivo, poden ser aproveitados para acadar un cambio transformador na conservación, restauración e uso racional da biodiversidade, tendo á vez en conta os aspectos sociais e económicos máis amplos no contexto do desenvolvemento sostible”, segundo destaca esta entidade.

2050: cambios profundos para conservar a biodiversidade

Entre 2011 e 2020, o Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica impulsado polas Nacións Unidas estableceu a Visión 2050 para a Biodiversidade, que se uniu aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030. Este plan a longo prazo agarda que, para mediados do século XXI, as sociedades humanas poidan “vivir en harmonía coa natureza”, nun escenario desexable no que “a biodiversidade é valorada, conservada, restaurada e utilizada de forma racional, mantendo os servizos dos ecosistemas e un planeta san, ao tempo que se brindan os servizos esenciais para o benestar das sociedades”.

No marco deste obxectivo, tal e como explica o profesor Sebastián Villasante, “o primeiro informe de avaliación global do IPBES, publicado en 2019, concluíu que as previsións de perda de biodiversidade para as próximas décadas obrigan a facer cambios transformadores, mesmo radicais, na nosa relación cos servizos dos ecosistemas en todo o planeta”.

O devandito informe instaba a actuar de forma decidida contra algúns dos factores que máis están a impulsar as alteracións na natureza e perda de biodiversidade, como os cambios no uso da terra, o cambio climático, a contaminación, a propagación de especies exóticas invasoras e a explotación directa dos organismos para o aproveitamento en actividades humanas. “Estes problemas afectan a todas as esferas da sociedade, polo que é necesario estudar a situación dende todos os enfoques (científico ou tecnolóxico, pero tamén económico, legal, político, social, cultural, ou ecosistémico, ente outros) e en todas as escalas de actuación, desde o local ao global”, engade o profesor Villasante. “Son accións dunha gran complexidade e que requiren dunha gran vontade de diálogo e consenso, xa que posiblemente haberá que integrar intereses de partes que, de partida, poden ser contrapostos”, sinala.

Así, a consecución deste escenario para 2050 deberá ter en conta diversas dinámicas socioecolóxicas como a desigualdade, a gobernabilidade, a restauración, conservación e uso sostible da terra, do mar, a auga, a enerxía ou os materiais. Estes cambios transformadores obrigan a repensar e modificar, por tanto, os hábitos de produción e consumo, os sistemas alimentarios e as cadeas globais de valor.

Como coordinador do Capítulo 2, Villasante terá a responsabilidade, xunto co resto dos coordinadores, de que o informe cumpra cos máis altos niveis de calidade e diversidade, integrando as visións e perspectivas do coñecemento científico e tradicional garantindo que o traballo recolla de forma completa e coherente a evidencia dispoñible sobre os marcos conceptuais, metodoloxías e ferramentas políticas para xerar cambios transformadores desexables no planeta. Unha vez realizada a análise, o informe deberá avaliar cales son as accións que poderán fomentar, acelerar e manter estes cambios transformadores cara a un mundo máis sostible, marcando os pasos a seguir e como medir e seguir estes procesos.

Que é o IPBES?

O IPBES é unha organización creada en 2012 e conformada por preto de 140 países. Ten por obxectivo fortalecer a colaboración entre a investigación científica e as institucións políticas para a toma de decisións que garantan a conservación da biodiversidade e o uso sustentable dos servizos ecosistémicos (isto é, as contribucións que os activos naturais achegan ás persoas). No marco do proceso de diálogo e colaboración tamén toman parte un amplo número de representantes das ONGs, comunidades locais, o sector privado e a sociedade civil das distintas rexións do planeta, co obxectivo de obter un amplo marco de coñecemento da realidade. Unha das súas liñas de traballo consiste na elaboración de informes, como o que agora está en marcha, para contribuír á toma de decisións e a adopción de políticas baseadas no coñecemento dispoñible e na evidencia científica.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES