Notas de prensa

O recorte das posibilidades de pesca dalgunhas especies pon en risco arredor de 400 empregos en Galicia

Un informe elaborado polo grupo de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC para o goberno autonómico evidencia que a proposta de recorte nas posibilidades de pesca dalgunhas especies pon en risco arredor de 400 empregos na comunidade, unha ameaza que, sumada ás rebaixas de anos anteriores, afecta a máis de 700 postos de traballo.

O documento revela que os recortes propostos polos científicos e pola Comisión Europea para a pescada, o xurelo e o peixe sapo producirían unha caída na facturación da frota galega de case 34 millóns de euros só en 2022, unha cifra que subiría ata máis de 70 millóns no acumulado dende o ano 2019.

Estas achegas foron presentadas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que comeza o domingo e no que se negociarán os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2022. Ademais, o Goberno galego entregou ao andaluz —que ostenta a representación das comunidades autónomas no próximo Consello de Ministros— este mesmo documento para que o sume ao traballo conxunto realizado co Goberno central na defensa dos intereses do sector diante da Comisión Europea.

O informe mostra que o maior impacto correspóndese coa frota dedicada á captura de pescada, que vería como a súa facturación caería en máis de 23 millóns de euros en 2022 coa actual proposta de posibilidades de pesca. Cos recortes en anos anteriores, as perdas de ingresos dende 2019 ascenderían a preto de 60 millóns de euros e a destrución de emprego roldaría os 500 postos de traballo, dos que máis de 200 serían o próximo ano. Ademais, as frotas máis especializadas e selectivas correspóndense coas máis vulnerables a estas baixadas nas cotas, pois teñen unha maior dependencia dos recursos que capturan. No caso da pescada, as máis afectadas serían as de palangre e os volanteiros do Cantábrico Noroeste mentres que os portos máis prexudicados serían os de Celeiro e Burela, onde o 71% e o 42% respectivamente das súas descargas se corresponden con esta especie.

Xurelo e peixe sapo

No caso do xurelo, a proposta de TAC e cotas para 2022 reduciría os ingresos da frota que captura esta especie en case 8 millóns de euros respecto a 2021 e en 7,3 millóns en relación con 2019 —pois houbo anos con incrementos de cotas— mentres que os empregos destruídos ascenderían a 126 só no próximo exercicio e 112 no acumulado dende 2019. En canto á frota máis afectada, sería a de cerco, con maior impacto nos portos de Portosín, Malpica e Camariñas, onde o xurelo concentra máis do 60% das vendas.

A proposta para o peixe sapo implicaría un descenso na facturación da frota que captura esta especie de 2,6 millóns de euros en 2022, unha cifra que sobe ata os 3,5 millóns se se teñen en conta os recortes nas posibilidades de pesca aplicados desde 2019. En materia de emprego ese impacto sería de medio cento de postos de traballo só o próximo ano e de máis dun cento no acumulado. No referente aos segmentos de frota e aos portos máis afectados, os prexuízos estarían moi concentrados na frota arrastreira de Vigo pois esta especie achega máis do 23% das súas descargas e o 36% da súa facturación.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-12-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-11.jpg) A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia alcanza por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións, con 1.135.950 cotizantes. Ao mesmo tempo, a Comunidade rexistra o menor número de persoas desempregadas nun mes de xullo de toda a serie, con 107.322 persoas paradas. No referido ás afiliacións, estas medran tanto na comparativa anual como na mensual. Galicia conta con preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano (+2,02 %) e con case 13.000 cotizantes máis que en xuño (+1,15 %), sendo a 3ª comunidade autónoma na que máis aumentan as afiliacións.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) continuou avanzando durante 2025 coa posta en marcha de novas actuacións para acelerar a transformación dixital da Comunidade. O balance anual, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recolle avances en todos os eixes estratéxicos da Estratexia e unha actualización das súas metas para o final da década. O investimento mobilizado ao longo do pasado exercicio foi de 390,3 millóns de euros, entre capital público e privado.

Notas

Dez universidades de España acaban de constituír ConfIA, a Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia artificial Confiable e Responsable, unha iniciativa que reúne algúns dos principais centros de investigación en intelixencia artificial do Estado co obxectivo de fortalecer a colaboración científica, coordinar iniciativas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial responsable, confiable e aliñada cos valores europeos.
A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES