
O pianista arxentino Tomás Alegre abrirá este sábado, ás 13.00 horas, no auditorio da Casa do Saber o programa Clásica antes do Vermú, unha iniciativa que terá continuidade o sábado 18 á mesma hora con outro concerto de corda, no que o público poderá gozar cos acordes da guitarra de Álvaro Toscano.
O programa musical programado neste mes de Nadal ao abeiro do convenio Lugo Cultural complétase cun concerto incluído no ciclo Músicas a carón da Mosqueira programado para o luns 13 de decembro, a partir das 20.00 horas. Os artistas que integran Son de Corda e Díese ensemble ofrecerán así ao pé da muralla a súa particular homenaxe sonora a Santa Lucía cun concerto para solsticio titulado Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día.
Tomás Alegre
O pianista arxentino Tomás Alegre (Bos Aires, 1992) amplía a súa formación desde 2017 na Cátedra de Piano Fundación Banco Santander da Escola Superior de Música Raíña Sofía co profesor Dmitri Bashkirov. Na actualidade goza de bolsas Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación/Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e Fundación Albéniz.
Na actualidade, Alegre é membro do Trío Mozart de Deloitte, co que obtivo a Mención de grupo de cámara máis sobresaliente na categoría de grupos con piano en 2020, galardón que recibiu tamén en 2019 co Grupo Contrastes.
O programa do concerto que ofrecerá este pianista mozo na Casa do Saber de Lugo permitirá ao público gozar coa interpretación de composicións de Franz Liszt, Enrique Granados e Frédéric Chopin.
Álvaro Toscano
O guitarrista Álvaro Toscano é outro dos novos valores musicais, cuxa traxectoria de éxitos vén avalada por máis de quince premios internacionais, entre os que destacan premios no 96º Concurso Permanente de Xuventudes Muisicais de España, Concurso Internacional Cidade de Guimaraes (Portugal), XX Concurso Internacional de guitarra clásica Villa de Petrer (M.J Tomás) ou o no décimo concurso del Festival Internacional da guitarra de Sevilla.
Toscano, que tamén amorea numerosos galardóns de público que denotan a súa capacidade de comunicación como músico, ofrecerá en Lugo o concerto Vistas ao mar, un título baixo o que interpretará composicións de Fernando Sor, Marco Smaili, Manuel de Falla, Joaquín Rodrigo, Astor Piazzolla ou Sergio Assad.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.