Notas de prensa

Unha exposición reúne en Pontevedra as obras colectivas de 14 'non-artistas'

'Non-artistas. Obradoiro para descubrir o teu lado creativo' é o título do taller que os estudantes da Facultade de Belas Artes Ailén Anahí Alcoba, Ada Amigo e Pedro Arranz levaron a cabo na Vicerreitoría do campus e no que convidaron a 14 persoas a explorar a súa creatividade dando forma a serie de obras que, ao longo do obradoiro, ían sumando as achegas do resto de participantes.

Os resultados desta iniciativa, que estes tres alumnos impulsaron como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, reúnense nas xornadas de hoxe e mañá na exposición Non-artistas que, coa colaboración da Vicerreitoría, pode visitarse na Casa das Campás.

“Pareceunos interesante que xente non vinculada coa educación artística, de diferentes idades e profesións, explorase un pouco o seu lado creativo e tiñamos a curiosidade de saber como serían esas obras”, salienta Amigo dunha iniciativa que, “inspirada un pouco na práctica do cadáver exquisito”, tomou a forma dun “obradoiro participativo”, no que todos e todas as participantes “deixasen a súa pegada en todas as obras”. Con esa idea, os estudantes achegaron aos e ás participantes unha serie de lenzos e materiais, así como unhas nocións introdutorias sobre creatividade, que lles “axudasen a empezar”, como apunta Amigo. A partir de aí, cada asistente dispuña de 20 minutos para comezar a súa obra, que logo ía pasando de mesa en mesa, tendo cada un dos participantes doutros dez minutos para sumar o que considerase á peza. Finalmente, cada creación retornaba ao seu autor inicial, “que dispuña de 15 minutos para facerlle os últimos retoques e poñerlle un título”.

Deste xeito, sinala Amigo, buscaban que “non se centrasen só na súa obra e na súa idea inicial, senón que tivesen que pensar tamén en como contribuír ás dos demais”, o que á súa vez derivou que en os diferentes traballos “tivesen unha grande evolución” desde a idea inicial ata a súa versión final. Os resultados deste proceso de traballo, na súa meirande parte obras pictóricas á que se suman dous proxectos “máis escultóricos”, poden verse na sala de exposicións da Vicerreitoría, nunha mostra na que as pezas resultantes do taller preséntanse coas súas fichas técnicas, “como se formasen parte dunha serie artística dentro dun museo”, co engadido de que “cada obra ten un gran número de autores”.

Universidade de Vigo, 2021-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES