Notas de prensa

Máis de mil especialistas e profesionais debaterán nun congreso como fomentar sistemas legais centrados no benestar das persoas

Que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible nas persoas que acoden ao sistema legal é o fundamento da xustiza terapéutica, eixo do congreso internacional que promoven, de xeito virtual, o grupo PS-1 da Universidade de Vigo, a Unidade de Psicoloxía Forense da USC, a Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica (AIJT) e o Poder Xudicial do Perú.

Con máis de mil persoas inscritas a día de hoxe, o VI Congreso Iberoamericano de Justicia Terapéutica desenvolverase entre o vindeiro luns 6 e o mércores 8 de decembro, coa participación como relatores de expertos académicos e de representantes da xudicatura, a fiscalía e a avogacía tanto de España como de diferentes países de América Latina.

Dirixido a “compartir os avances e os aspectos nos que están traballando os académicos e profesionais vinculados coa xustiza terapéutica”, como sinala a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo e presidenta da AIJT, Francisca Fariña, este congreso aglutina no seu programa diferentes simposios, mesas de expertos, conferencias e presentacións de comunicacións, nas que intervirán máis dun centenar de relatores. Como apunta Fariña, a súa sexta edición ía ter lugar en novembro do pasado ano en Lima, coa colaboración do Poder Xudicial do Perú e do capítulo da AIJT neste país. Tras o seu adiamento, a situación provocada pola pandemia obrigou finalmente a desenvolver de xeito virtual un congreso que reunirá conferenciantes de México, Chile, Brasil, Ecuador, Arxentina, Puerto Rico, Colombia, Panamá e República Dominicana, ademais españois e peruanos. Dirixido principalmente, a profesionais e estudantes de Dereito, Criminoloxía ou Psicoloxía, así como a outra serie de axentes de diferentes áreas relacionadas coa xustiza, o congreso leva por título Avances de la justicia terapéutica en las ciencias jurídicas y el acceso a la justicia e será o primeiro que a AIJT leve a cabo de xeito virtual, aínda que, como apunta a súa presidenta, “coa idea de volver se é posible á modalidade presencial na seguinte edición”.

Múltiples ámbitos de análise

O congreso virtual abrirase o luns coas intervencións de Fariña, da presidenta do capítulo peruano da asociación, Jenny Junco, e do xuíz supremo e vicepresidente da Comisión Permanente de Acceso a la Justicia de Personas en Condición de Vulnerabilidad y Justicia en tu Comunidad do Poder Xudicial do Perú, Carlos Calderón. Neste primeiro día desenvolveranse tamén os dous simposios promovidos polo Poder Xudicial peruano e centrados “no acceso á xustiza terapéutica das poboacións vulnerables”. Tamén nesta primeira xornada terá lugar unha conferencia do presidente honorario da International Society of Therapeutic Jurisprudence e da AIJT, David B. Wexler, seguida dunha intervención na que Fariña fará balance dos dez anos de traxectoria da asociación iberoamericana.

Nas seguintes dúas xornadas, o congreso porá o foco “en temáticas relacionadas con diferentes ámbitos da xustiza, desde a perspectiva” dunha xustiza orientada ao benestar dos diferentes implicados. Así, o martes 7 dúas mesas de expertos porán en relación este paradigma cos conflitos coa lei dos adolescentes e coa violencia cara a infancia. Ao longo desta xornada terán lugar tamén, en diferentes salas virtuais, simposios sobre a súa aplicación en ámbitos como a xustiza penal, o dereito de familia e a violencia machista, así como na visión que teñen desta os “decisores” xudiciais e na súa aplicación nos sistemas xuvenís en diferentes países de América Latina. Por último, para o mércores están previstos outros catro simposios, que abordarán cuestións como a función do xuíz penal cun enfoque de xustiza terapéutica e a súa aplicación no ámbito de familia e nos casos de adolescentes en conflito coa lexislación penal.

Tan importante é a lei como a aplicación

Nese obxectivo de compartir procedementos e prácticas, o congreso porá o foco nos sistemas legais de países “con realidades diferentes”, como recoñece Fariña, incidindo nese senso en como en varios estados latinoamericanos “as poboacións orixinarias teñen tamén as súas propias leis, que funcionan de maneira paralela”. De calquera xeito, engade a docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “a maioría das leis comparten moitos dos principios”, ao que se suma o feito de que “para a xustiza terapéutica é tan importante a norma como o son os procedementos e a actuación dos operadores xurídicos, en especial de xuíces e avogados”. Neste último punto, incide a presidenta da AIJT, é precisamente “onde máis traballo temos que facer, un traballo común, xa non só en Iberoamérica, senón a nivel mundial”.

Universidade de Vigo, 2021-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES