Notas de prensa

A UVigo artella arredor do programa 'Ciencia de ida e volta' sete meses de actividades de divulgación científica

Despois das dificultades, cambios e cancelacións do 2020, este curso regresarán, e con forza, as actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo. As vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentaron este luns no edificio Redeiras o programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo.

Como explicaron, estas accións supoñen un regreso á presencialidade co obxectivo de promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais: estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Para iso, levaranse a cabo actividades que porán en valor e difundirán as investigacións que se realizan desde a Universidade de Vigo e que serán unha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as partes.

Ciencia circular

O programa leva o nome de Ciencia de ida e volta porque, como explicaba a vicerreitora de Investigación, representa “o movemento circular da ciencia, como as investigacións que facemos nas universidades chega á sociedade e, ao contrario, como a sociedade nos propón novos retos e ideas, ou incluso, nos demanda novos aspectos sobre os que precisa ter máis coñecemento”.

As actividades levaranse a cabo entre este mes de decembro e o de xuño de 2022 nos tres campus. O programa anual ten un orzamento de 91.000 euros, que proceden principalmente de fondos propios da UVigo e dunha achega da FECYT de 18.000 euros. De feito, como recalcaban as vicerreitoras, esta é a primeira que unha proposta da UCC+i acada este tipo de financiamento este apoio representa unha “cuestión reputacional e de prestixio”, recalcaba Mónica Valderrama.

A finalidade do programa, explicaba Belén Rubio, é “chegar a todo tipo de público, tanto escolares como mozos e mozas e persoas maiores, pero tamén á nosa propia comunidade universitaria”, xa que entre outras propostas, haberá accións formativas para mellorar as súas capacidades de comunicación e divulgación dos proxectos que desenvolven nos seus grupos de investigación.

Sete meses de eventos e actividades

As vicerreitoras foron as encargadas de ir relatando todo o programa de accións deseñadas ao abeiro de Ciencia de ida e volta, que se estenderán ata finais da primavera. O máis inminente dentro do programa de actividade é o curso de formación para persoal investigador que terá lugar esta semana, os días 2 e 3, no campus de Vigo. A actividade achegará ás persoas participantes coñecementos sobre a organización de actividades de divulgación científica, comunicación da ciencia en redes sociais, divulgación a través de charlas e amosaralles tamén a experiencia de persoal da Universidade de Vigo nestes ámbitos.

Outra das propostas deste plan é a exposición itinerante 100 lunas cuadradas. Tras o seu paso polo edificio Redeiras, a mostra trasládase esta semana á Biblioteca do campus de Ourense, onde se poderá visitar ata o 14 de febreiro. Trátase dunha compilación de fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias e rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Posteriormente trasladarase ao campus de Pontevedra e finalmente retornará a Vigo.

Outra iniciativa é a posta en marcha un concurso de vídeos científicos destinado á comunidade investigadora da UVigo, para dar a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e dunha forma divulgativa e entretida e formato youtuber. Como actividade previa realizarase unha formación na que se achegarán as claves para o vídeo divulgativo perfecto. Os vídeos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e entregarase un premio do xurado e outro do público.

No mes de febreiro, do día 1 ao 15, despregarase un amplo abano de actividades co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. Entre as propostas haberá charlas en centros escolares o día 11, os obradoiros para estudantes de secundaria de ElasFanCienTec ou unha proposta innovadora dirixida ao público adulto que consistirá nunha mesa redonda entre unha investigadora nova e unha xa consolidada “que debaterán sobre os problemas que tiveron ou seguen tendo por ser muller na súa profesión”, como subliñaba Mónica Valderrama.

Xa no mes de marzo celebrarase a feira científica A ciencia que vén, que xirará arredor de catro grandes áreas temáticas: medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tecnoloxía. “Está orientada a alumnado de Primaria, de 5º e 6º, e buscamos espertar as vocacións científicas en nenos e nas novos para que despois, no Bacharelato, poidan comezar xa as súas primeiras investigacións”, recalcaba Rubio. Tamén na primavera arrancará a proposta de crear embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento, unha actividade que se desenvolverá en colaboración co Programa de Maiores da Universidade. Serán as e os estudantes sénior os que se formarán e proporán actividades divulgativas destinadas ao público da súa idade. “Cremos que pode ser un xeito moi doado de que a transmisión chegue moito máis facilmente” entre un público adulto.

Outra das propostas coincidirá coa celebración do Día Mundial da Saúde, o de 7 de abril, e o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño. Trátase dunha serie de podcast relacionados con estas dúas temáticas, con entrevistas con persoal investigador. Finalmente, o programa complétase cos obradoiros de astronomía Astrofamilias, que serán impartidos pola docente e investigadora Ana Ulla nun planetario e no que tanto nenas e nenos como adultos aprenderán a recoñecer as constelacións e a orientarse a través das estrelas, como os mariñeiros. Esta actividade está prevista para o mes de maio.

En conclusión, o obxectivo é que este amplo programa marque “un antes e un despois na divulgación que se fai na Universidade de Vigo”, como destacaba a vicerreitora de Investigación, “coa vista posta en chegar a todo o mundo e que a sociedade saiba o que se fai na UVigo”. As actividades, a medidas que teñan as datas de celebración pechadas, poderanse consultar na web da UCC+i: http://ucc.webs.uvigo.es/ciencia-de-ida-e-volta/

Universidade de Vigo, 2021-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES