
Tamén interveu no acto o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), Eduardo Pardo de Guevara, quen valorou moi positivamente esta iniciativa.
Un grupo de artigos ocúpase da situación da nobreza galega na corte afonsina e nos altibaixos que atravesou a relación do rei coa Igrexa compostelá, ademais de prestar atención aos cambios que se estaban producindo na organización do territorio e a outros aspectos de interese histórico e social. Dúas contribucións están dedicadas á figura da raíña Dona Violante e á protección que esta dispensou ás ordes mendicantes, destacando a fundación do mosteiro de Santa Clara de Allariz e a doazón a este de xoias tan relevantes como a Virxe Abrideira ou dúas cruces de cristal de roca, todas elas de extraordinario valor artístico e simbólico.
O resto do volume trata sobre a corte poética do Rei Sabio, o plurilingüismo existente nela, a súa produción lírica, as Cantigas de Santa María e a consolidación dunha norma escrita para o uso literario do galego, da que entraron a formar parte numerosos galicismos e occitanismos, moitos dos cales acabaron entrando na lingua cotiá e xa nin sequera son hoxe percibidos como préstamos, sinalan as coordinadoras da obra.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.