
Este luns, a Escola de Enxeñaría Forestal do campus acolleu a presentación do programa, nun acto no que participaron Juan Picos, director da escola; Saleta González Pimentel, responsable da sección de Botánica da SGHN e Iago Sanmartín, integrante do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) da Universidade de Vigo, que será un dos relatores da xornada. O programa comprende sete relatorios, en horario de mañá e tarde, nos que se analizarán, entre outros temas, a relación entre a perda da biodiversidade e as pandemias; a vida da aves nas cidades; a catalogación da camariña como especie vulnerable; a protección do lobo; a gaivota patiamarela; a introdución da formiga arxentina en Galicia ou o retroceso dos bosques mariños. Por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, e do mesmo xeito que no pasado ano, o formato será integramente dixital, polo que esta nova edición das xornadas poderase seguir a través da canle de Youtube da SGHN.
No acto de presentación, Saleta González Pimentel agradeceu o traballo de todas as persoas voluntarias implicadas nesta iniciativa e o apoio das entidades colaboradoras, como a propia UVigo, a Deputación de Pontevedra, o Espazo Arroelo e o Concello. En representación da Universidade, Juan Picos destacou que para a Escola de Enxeñaría Forestal é unha proposta moi interesante, porque, por unha banda, supón un complemento e unha oportunidade para o noso estudantado, que pode presenciar e participar en conferencias de moi alto nivel en aspectos que teñen que ver coa ecoloxía e a biodiversidade. Por outra banda, a xornada tamén representa unha fiestra a través da cal divulgar o traballo que realizan os investigadores da escola, como por exemplo Iago Sanmartín, algo que para nós sempre é unha honra. Picos tamén recalcou que o evento serve para estreitar lazos entre diferentes entidades salientables relacionadas co medio ambiente, algo que está contemplado dentro das actividades do Green Campus, de cuxo comité ambiental forma parte a SGHN. Pola súa banda, o investigador Iago Sanmartín, agradeceu a oportunidade de poder participar nas xornadas e presentar os nosos resultados e puxo en valor a importancia deste tipo de eventos para fomentar a divulgación científica.
Crónica dunha morte anunciada
Na presentación do programa das xornadas, a representante da SGHN destacou que esta quinta edición conta cunha selección interesantísima de investigadores e unha ampla variedade de temas. O eixo común do programa, como indicaba o investigador Iago Sanmartín é a crónica dunha morte anunciada, en referencia aos moitos problemas aos que se enfrontan os ecosistemas para manter a súa biodiversidade. Dende unha urbanización excesiva ata as especies invasoras ou a falta de protección das autóctonas, toda unha especie de cataclismo. Por exemplo, a súa intervención céntrase na formiga arxentina, especie que leva case 100 anos na península ibérica. Non é tan mediática coma a avespa asiática, pero si xera moitos problemas coas abellas do mel, ás que lles pode transmitir cinco virus. Polo tanto pode xerar, como remarca Sanmartín, grandes perdas económicas e ecolóxicas.
A xornada arrancará cun acto de apertura da man de Juan Picos e de Serafín González Prieto, presidente da SGHN. O primeiro relator será Fernando Valladares, investigador do CSIC, que a partir das 10.00 afondará na relación entre a perda da biodiversidade e as pandemias. Ás 10.50 horas será a queda de Laura Iglesias, coordinadora do proxecto Cirrios da SGHN, cunha intervención centrada nas aves e a súa relación coas cidades. Ás 11.40 h o propio presidente da SGHN presentará un relatorio centrado na controversia sobre a catalogación da camariña como especie vulnerable, algo no que a SGHN leva anos intentamos, sen moito éxito, recoñece Saleta González. A xornada da mañá rematará co relatorio sobre os lobos no sur de Galicia, da man de Santiago Bas, presidente da Asociación Lobo, que presentará os resultados dos últimos censos que acaba de facer na provincia.
Xa pola tarde, o programa arrancará ás 16.00 horas cunha conferencia sobre a gaivota patiamarela (Larus michahellis) en Galicia, unha especie á que aínda hai xente que considera unha praga, cando os datos din o contrario, recalca a representante da SGHN. O encargado de abordar este tema será Álvaro Barros, investigador do Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo. Tras el, ás 16.50 h intervirá Cristina Piñeiro, do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña para falar sobre os bosques mariños como un exemplo de paisaxe en regresión. A partir das 17.40 h. Iago Sanmartín será o encargado de pechar a xornada co seu relatorio sobre a formiga arxentina.
A inscrición nas xornadas xa está aberta, e pode facerse a través dun formulario electrónico a disposición das interesadas e interesados no seguinte enderezo web: https://forms.gle/iDc2eR8wKoA5JCv7
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.