Notas de prensa

O proxecto MicroMundo@Uvigo volve un curso máis para implicar a escolares na busca de novos antibióticos

Un curso académico máis o proxecto MicroMundo@Uvigo 2.0 ponse en marcha. Alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballará con estudantes preuniversitarios nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e que busca microorganismos produtores de novos antibióticos. O obxectivo último da iniciativa é espertar nas novas xeracións a vocación científica e a conciencia sobre a necesidade dun uso responsable destes medicamentos.

MicroMundo é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Ãrea de Microbioloxía. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola profesora María José Pérez, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal. No caso da UVigo, a actividade está apoiada pola convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS), impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación coa colaboración da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

Para presentar esta edición do proxecto e continuar divulgando a problemática sobre a que traballa, a Facultade de Ciencias acolleu este martes pola tarde a celebración da III Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos. Esta actividade enmarcouse na conmemoración da Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos e nela as e os asistentes puideron seguir en directo unha mesa redonda organizada pola Sociedade Española de Microbioloxía e o Museo Nacional de Ciencias Naturais sobre a problemática do uso inadecuado dos antibióticos. “Volvemos un curso académico máis, abalados pola experiencia tan boa de cursos pasados e cos mesmos obxectivos de concienciar e divulgar a problemática da resistencia aos antibióticos ao mesmo tempo que incentivamos novas vocacións científicas nos niveis académicos preuniversitarios”, comenta María José Pérez.

Cinco sesións

As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse cada ano nos laboratorios dos centros educativos elixidos titorizadas por estudantes da Universidade de Vigo voluntarios e previamente formados que exercen de docentes. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando en pequenos grupos desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias. “Queremos que os rapaces e rapazas vaian descubrindo o que é a investigación e se é posible tamén unha nova substancia con actividade antibiótica que poida resolver algún problema”, sinala a coordinadora da iniciativa.

Este curso académico o centro elixido para participar é o IES O Couto, que repite de anteriores edicións. Concretamente participarán case unha trintena de estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria. Tamén xa está elixido e en proceso de formación o grupo de seis estudantes dos graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias que actuarán como docentes na actividade, entre eles dúas estudantes que realizan os seus traballos fin de grao en temáticas relacionadas co proxecto. “Sempre temos unha acollida moi positiva. Hai máis xente e máis centros interesados en participar pero non temos capacidade para máis”, comenta María José Pérez.

As sesións no centro educativo está previsto que comecen en xaneiro. Serán en total cinco sesións de dúas horas de duración cada unha delas, que terán unha pequena parte teórica e que consistirán fundamentalmente en traballo experimental de laboratorio. Nas sesións, explica María José Pérez, abordaranse contidos científicos, principalmente de microbioloxía, como por exemplo a toma e a análise de mostras de bacterias do solo e a busca concreta de substancias de antibiose entre as distintas bacterias. “Os nosos estudantes universitarios ensinan aos rapaces como teñen que facer a busca de bacterias produtoras de antibióticos pero son os propios rapaces os que a van a facer, coas garantías e condicións precisas. Posteriormente, nos laboratorios da Universidade, os estudantes da facultade procesarán as mostras e farán as análises finais”, apunta a coordinadora de MicroMundo@UVigo.

Universidade de Vigo, 2021-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES