Notas de prensa

A AMTEGA confirmou a Cidade das TIC como unha iniciativa 'estratéxica de innovación dixital de referencia nacional e internacional'

Presentada pola Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, no curso 'A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital' organizado polo reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, definiu o proxecto da Cidade das TIC como un instrumento de colaboración para reter e atraer talento.

'É un espazo onde temos que encontrar as sinerxías entre o sector empresarial e o ámbito académico e ten que funcionar como un espazo de creatividade e innovación', manifestou na súa intervención o pasado venres antes de asegurar categoricamente que 'creo que o fará'.

Pereira participou no curso incluído dentro da oferta da UIMP, para explicar a estratexia dixital e de intelixencia artificial de Galicia ata o ano 2030 que ten como obxectivo avanzar no proceso de transformación dixital no que prime a calidade, eficacia e eficiencia dos servizos, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema dixital galego cunha base na que se asente a inclusión dixital do conxunto da sociedade galega.

A Axencia conta con varios instrumentos para reforzar a cooperación e o crecemento do que a súa directora denomina o “hipersector”, pois inclúe tamén ao sector dos contidos dixitais. Dentro destes instrumentos, AMTEGA conta coa Cidade das TIC segundo asegurou Pereira. “É unha iniciativa estratéxica para crear un Polo TIC e de innovación dixital de referencia nacional e internacional”, definiu, ratificando que “o proxecto conta co apoio da Administración”. O sector tecnolóxico é un sector de futuro, explicou a directora da Axencia para o que aportou datos que corroboran a súa afirmación.

No ano 2020, o hipersector TIC en Galicia contaba con máis de 24.000 traballadores e espérase que ata o ano 2025 se creen 4.500 novos postos máis. Galicia é a quinta comunidade autónoma en número de empresas TIC con 3.830 firmas, o que supón o 4,6% do total de España; o 70% destas empresas son do sector TIC e o resto do sector de contidos dixitais. O peso na economía galega deste hipersector medrou un 2,5% no último ano ata chegar a máis de 1.744 millóns de euros de valor engadido bruto. Ademais, segundo os datos aportados pola directora de AMTEGA, Galicia é a sexta comunidade autónoma co maior número de empresas con actividades innovadoras.

Todo este hipersector demanda de persoal altamente cualificado que contrasta coa baixada no interese do estudantado polas carreiras STEM, sobre todo das alumnas. A Universidade da Coruña imparte varios títulos relacionados con este sector como os graos en Informática; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Comunicación Audiovisual; Creación Dixital, Animación e Videoxogos e Xestión Dixital de Información e a Documentación, así como o Grao en Intelixencia Artificial que se implantará o próximo curso.

Tamén se imparten os másteres en Dereito Dixital e de Intelixencia Artificial; Visión por Computador; Informática Industrial e Robótica; Enxeñaría Informática; Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Ciberseguridade; Bioinformática para Ciencias da Saúde e o máster en Intelixencia Artificial que se ofertará o vindeiro curso.

Cidade das TIC, un paso adiante

O curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” foi clausurado polo expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. O reitor, Julio Abalde, foi o encargado de presentar a conferencia de peche deste seminario. González Laxe comezou o seu discurso valorando como un “paso adiante” o proxecto da Cidade das TIC ao igual que o foi a aprobación, na súa etapa como presidente, da primeira Lei de innovación e tecnoloxía de Galicia ou a creación, tamén pioneira, do primeiro parque tecnolóxico galego.

O profesor introduciu a súa conferencia nun contexto de globalización entendido como unha interdependencia económica dos países do mundo. Neste contexto, dixo González Laxe, o rol das economías en rede e de aglomeración desempeñan un papel básico. Esta función de economía de aglomeración é a que desempeñará, segundo o expresidente, a Cidade das TIC.

Asístese, dixo, “a un cambio desde unha economía baseada no uso do capital físico a outra sustentada na utilización do capital humano e o coñecemento”. As economías de aglomeración, asegurou o profesor, “inducen rendementos crecentes a escala local” e leva a unha economía centrada na difusión rápida do coñecemento e a información como base da produtividade e da competitividade. A articulación en rede fará que a economía actúe con gran flexibilidade e adaptabilidade. “O sector TIC caracterízase polo seu forte carácter innovador; constitúe o motor das revolucións e transformacións”, afirmou, engadindo que “o seu desenvolvemento encontra un contorno máis favorable en cidades ou áreas nas que se producen economías de aglomeración”.

Para rematar a súa intervención, Fernando González Laxe aportou datos sobre a distribución xeográfica das empresas TIC en Galicia, que ratifican a idoneidade da ubicación do proxecto da Cidade das TIC na Coruña. A maior parte das empresas do hipersector TIC están na provincia da Coruña, 1.784, o 46,6%; seguido de Pontevedra con 1.317, que supón o 34,4%; Lugo con 268, 7%, e Ourense con 266, o 6,9%, segundo datos de 2019. Tamén indicou que en Galicia operan 195 empresas do sector aínda que a súa sede está fóra da Comunidade Autónoma.

Universidade da Coruña, 2021-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES