Notas de prensa

A Universidade de Vigo, Premio Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021

A súa firme aposta pola transformación dixital e polas novas tecnoloxías fai á Universidade de Vigo merecedora dun dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021. Estes galardóns, que outorgan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, regresan tras un ano de parón pola pandemia para distinguir o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

Xunto coa UVigo, o centro tecnolóxico Gradiant, situado no campus vigués e do que a institución académica é parceira, recibirá outro dos galardóns, que se entregarán o vindeiro día 22 nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela coincidindo coa celebración da Noite Galega das Telecomunicacións. Este encontro de networking no que participarán 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC, celebra este ano o seu 25 aniversario.

A UVigo, Premio Axians

A Universidade de Vigo recibe nesta convocatoria o Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación. O xurado valorou para esta distinción a aposta da UVigo polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021-2026 para promover a transformación dixital da Universidade, e tivo en conta tamén o esforzo realizado para potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia. Mostra disto foi a aposta da institución pola formación en liña durante a pandemia, despregando diferentes recursos que garantiron a continuidade da docencia a través de plataformas telemáticas como Campus Remoto, no que se integrou a plataforma de docencia virtual Faitic e dentro do que se crearon 1600 aulas virtuais, xerando así un “xemelgo dixital” da propia Universidade, con todos os servizos, facultades e escolas e 2700 “despachos virtuais”, que posibilitan ao profesorado a realización de titorías, á vez que os dotan de diferentes opcións para a realización de exames non presenciais. Outra das propostas foi a posta en marcha de Campus Integra, unha contorna que permitiu conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade nas aulas.

A UVigo, cunha ampla traxectoria nestes premios

Se ben o Premio Axians 2021 recoñece o traballo da institución no seu conxunto, estes galardóns do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia xa distinguiron en anteriores edicións proxectos, iniciativas ou traxectorias de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo. Así, en 2019, a aplicación Aperta, deseñada por estudantes da EE de Telecomunicación, recibiu o premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais. O seu obxectivo era axudar a combater o acoso nos centros educativos. Un ano antes, en 2018, o proxecto Litter Drone, dirixido polo profesor Fernando Martín, foi galardoado co Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2018, polo seu grao de innovación tecnolóxica na monitoraxe do lixo mariño empregando drones e análise de imaxe. Anteriormente, en 2012, recibiu o mesmo premio a aplicación móbil Pictodroid Lite, un proxecto de colaboración entre el Centro de Educación Especial Manuel López Navalón e o Grupo de Tecnoloxías da Información centrado na accesibilidade de persoas con discapacidades. Outro dos galardóns que ten recaído na UVigo é do Enxeñeiro do Ano, que en 2015 foi para o profesor da EET José María Pousada; en 2013 para o tamén profesor da UVigo Fernando Vázquez; en 2011 para Fernando Pérez, docente do mesmo centro e, en 2010, para Edita de Lorenzo, naquel momento directora dunha escola que celebraba o seu 25 aniversario. Tamén empresas xurdidas da UVigo, como Sound Of Numbers, teñen sido recoñecidas por estes galardóns.

Gradiant, Socio de Honra

Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021 tamén contemplan o galardón ao mellor expediente académico do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación, que en Galicia imparte a Universidade de Vigo. Desta volta, o colectivo de enxeñeiros de telecomunicación outorga dous galardóns, o correspondente ao curso 2019-2020 que é para Moisés Rubén Pacheco e o do 2020-2021 para Marcos Martínez.

Nesta edición dos premios, tamén o centro tecnolóxico Gradiant foi distinguido como Socio de Honra, un galardón co que se recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na comunidade autónoma galega. O xurado apostou por este centro vigués, no que partillan as tres universidades galegas e as compañías máis importantes deste sector en Galicia, por terse consolidado como un “centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación”.

A listaxe de galardóns inclúe tamén o Premio Enxeñeiro do Ano, que nestes 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar, a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas. Responsable de Eventyam Ingenieros SL. Baltar é “unha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España”, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón. Complétanse as distincións co premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado por Amtega, que recae este ano en Escoita 5G, unha proposta concibida para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais.

Universidade de Vigo, 2021-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES