Notas de prensa

O Día da Ciencia en Galicia recoñece a Jimena Fernández de la Vega, primeira licenciada en Medicina pola USC

A xenetista Jimena Fernández de la Vega foi xunto a súa irmá xemelga Elisa, a primeira muller licenciada en Medicina pola USC. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) aproveita este venres a celebración do Día da Ciencia en Galicia para homenaxear a súa figura ao recoñecela como 'Científica Galega do Ano'. 'Tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España', explican dende a RAGC.

O acto conta coa intervención da súa sobriña María Teresa Fernández de la Vega, ex vicepresidenta do Goberno e, na actualidade, presidenta do Consello de Estado, quen pronuncia o relatorio ‘A tenacidade dunha científica humanista’. Asemade, Constanza Sánchez Ferrari, sobriña neta da homenaxeada, intervén para dar lectura ás palabras do seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega, sobriño de Jimena.

Pioneira

En 1913, Jimena matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. Tres anos máis tarde, doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa tese Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico. Ademais, estivo entre as 50 científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia.

Animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora. Logo da Xenética, orientou a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica. O acto institucional do Día da Ciencia en Galicia no que tamén toma parte o reitor Antonio López e que se desenvolve no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, serve para poñer en valor esta dilatada traxectoria, así como o “carácter loitador” da homenaxeada. Alén do reitor da USC, toman parte no acto o presidente da RAGC e profesor emérito da USC, Juan Lema Rodicio; así como o catedrático da institución compostelá e académico numerario da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, Ángel Carracedo, quen pronuncia o relatorio ‘Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética clínica’.

Medallas de Investigación

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Carmen Álvarez Lorenzo e o catedrático de Álxebra Manuel Eulogio Ladra González recollen tamén este venres as Medallas de Investigación que outorga a RAGC para distinguir traxectorias consolidadas de científicos galegos en activo. Trátase dun recoñecemento co que a institución pretende destacar traxectorias senlleiras en investigación, desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Xunto aos investigadores da USC tamén resultaron premiados nesta terceira edición Carlos Hervés Beloso da UVigo, e Luis Castedo Ribas e María Antonia Señarís Rodríguez da UDC.

Carmen Álvarez

Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, ademais de académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Conta con 23 anos de investigación posdoutoral en institucións como o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e en colaboración con industrias. O seu traballo sitúase na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica, e deu lugar a unha ampla variedade de sistemas de administración de fármacos nas escalas macro, micro e nano, a produtos de combinación fármaco-produto sanitario e a scaffolds para medicina rexenerativa. As súas achegas recóllense en máis de 300 artigos en revistas indexadas, 37 capítulos de libro, dous libros en co-edición, preto de 400 comunicacións a congresos e 18 patentes, algunhas delas estendidas a outros países europeos, USA e Xapón. “Esta distinción supón un estímulo e tamén un reto para o meu traballo futuro, e quero compartila con todas as persoas que me apoiaron dende os inicios da miña carreira e que me enriqueceron coas súas ensinanzas, cos meus estudantes de doutoramento así como con todos os membros do grupo I+D Farma”, manifesta.

Manuel Ladra

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na USC e socio da RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu quince teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas. Ademais de desempeñar labores de xestión universitaria e de avaliación científica, o galardoado é investigador principal de varios proxectos nacionais e internacionais. O seu labor investigador, difundido en máis de 130 artigos publicados en revistas de impacto internacional, céntrase no estudo da álxebra homolóxica de diferentes estruturas alxébricas, investigación de estruturas alxébricas non asociativas con ampla conexión na Física e a Bioloxía, e en aspectos computacionais da álxebra non conmutativa. Actualmente é coordinador e investigador principal da Rede de Investigación REDE EACA (Rede temática de cálculo simbólico, álxebra computacional e aplicacións). “A concesión da medalla supón unha gran satisfacción persoal, polo recoñecemento á miña traxectoria científica durante máis de 40 anos, ao ser o máis prestixioso a nivel galego no ámbito onde traballo. Pero tamén é un respaldo á investigación pura en matemáticas, no meu caso particular á disciplina da álxebra, aos meus compañeiros e amigos do meu grupo de investigación en matemáticas na USC. Ademais, é un recoñecemento ao meu departamento e á Facultade de Matemáticas, pola súa posición no liderado internacional en Matemáticas nos últimos anos”, apunta.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-10-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES