Notas de prensa

As universidades galegas traballarán conxuntamente na oferta de varios másteres

As tres universidades e a consellaría de Cultura, Educación e Universidades acaban de presentar as súas manifestacións de interese en relación ás propostas de mestrados incluídos no estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, impulsado pola Xunta de Galicia e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

O informe contou coa participación de 80 especialistas que traballaron na definición dun listado inicial de títulos de mestrado para axustar a oferta de ensino superior aos novos perfís profesionais da vindeira década en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, a mobilidade autónoma ou a intelixencia artificial, entre outros.

Nun acto no que participaron os reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo), xunto co conselleiro Román Rodríguez, presentáronse os distintos ámbitos temáticos nos que as universidades mostraron o seu interese por acadar colaboracións que permitan o desenvolvemento conxunto destas titulacións para a súa posible implantación no curso 2023-2024. Entre outros, son propostas de mestrado en ámbitos como a economía circular, fabricación aditiva, xestión sostible e avanzada da auga, tecnoloxía téxtil, biofabricación, cronicidade e novos modelos de atención sociosanitaria, e-saúde, comportamento do consumidor e experiencia de cliente, e-government e transformación dixital, innovación educativa, internet das cousas, realidade estendida ou mobilidade autónoma.

Para cada unha delas constituirase unha comisión de traballo interuniversitaria, que realizará unha valoración técnica das propostas, analizará as súas posibilidades organizativas e avanzará na definición e elaboración das memorias, así como na distribución por campus en función das declaracións de interese manifestadas inicialmente ou doutras que se poidan engadir no futuro inmediato.

O reitor Antonio López subliñou nesta presentación que as universidades teñen a necesidade de “renovar e manter ao día permanentemente a súa oferta de estudos, moi especialmente no ámbito do mestrado, o cal esixe reaccións permanentes ante as novas necesidades”. Sobre a base do documento Galicia 2030, Antonio López avoga por profundar nunha oferta “pensada no estudantado e adaptada ás necesidades do mercado”, tendo en conta a necesaria especialización.

à oferta vinculada ao informe elaborado por FEUGA, López sumou outras propostas nas que as universidades están a traballar con distintos niveis de desenvolvemento no ámbito das Humanidades, como o ensino do español como lingua estranxeira ou o patrimonio cultural dixital. O reitor compostelán recoñeceu o valor engadido de abordar esta oferta apelando á capacidade das tres universidades e respectando a súa autonomía para enriquecer esta proposta inicial con novas titulacións de posgrao.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdg-hamlet.jpg) Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
Foto de la tercera plana (aida-fernandez-rios.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como 'Científica Galega do Ano'. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, labor que exerceu desde o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ao CSIC. O investigador do Instituto José Luís Garrido, quen, ademais de traballar durante tres décadas con Aida Fernández Ríos mantivo con ela unha relación moi estreita, destaca o que el chama 'o efecto Aida': 'Tiña un carisma extraordinario e un encanto persoal tremendo'.

Notas

Dezaseteº Ribeira Sacra xa distribuíu por días a programación musical da súa 10ª edición, que se celebrará do 24 ao 26 de xullo en distintos enclaves da Ribeira Sacra lucense. The Divine Comedy, Sidonie, Baiuca, Anni B Sweet e Puño Dragón encabezan un cartel que volverá unir música en directo, patrimonio, paisaxe e identidade nunha proposta concibida para gozar da Ribeira Sacra desde dentro.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) será o protagonista da Nerd Nite de marzo, que se desenvolverá o xoves 26, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán. Nesta ocasión as persoas relatoras serán persoal investigador deste centro da USC: Diego Peña Gil, Rebeca García Fandiño e Pablo del Pino González de la Higuera. A sesión leva por título 'Paseando polo mundo molecular'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES