Notas de prensa

A campaña #IgualdadeFollowers pretende reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia da perspectiva de xénero

A Xunta e a Asociación de Periodistas de Galicia presentaron hoxe a campaña #IgualdadeFollowers coa que se pretende reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia de seguir loitando cara á igualdade real e efectiva da sociedade que, en palabras da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pasa pola educación das novas xeracións.

A titular do departamento autonómico presidiu hoxe no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, o acto de presentación desta iniciativa na que participan unha vintena de influencers e personaxes relevantes do mundo da música, o deporte, a cociña, as ciencias ou o emprendemento galego que coa súa testemuña agardan causar efecto para quen son referentes.

Lorenzana explicou que os medios de comunicación e as redes sociais resultan imprescindibles no labor de concienciación e serven de plataforma para denunciar inxustizas “á vez que guían á opinión pública e son tribuna desde a que crear conciencia social”, apuntou. Para a conselleira, é preciso seguir loitando contra a fenda salarial, o teito de cristal, a dobre discriminación por razón de xénero e de discapacidade, o acoso na rúa ou a falta de perspectiva de xénero. “Estou convencida que coas vosas reflexións estades axudando a mudar esta situación”, engadiu.

No acto de presentación participaron unha representación das personalidades que forman parte da campaña: Esther Estévez, presentadora do espazo DígochoEu da TVG; Manuel Loureiro, escritor e avogado; Jorge López e Tatiana González, cofundadores da empresa Beflamboyant e premiados co galardón Talento Mozo Xunta 2020; Mari Carmen Villar, influencer en lingua de signos do canle de YouTube Familia Vázquez; e Gabri Fuentes, presentador do espazo Menos dun minuto da TVG.

Ademais participan coas súas testemuñas Roi Méndez, cantante, guitarrista, actor e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2017; Teresa Portela, piragüista e campioa de 15 medallas en campionatos do mundo; Tamara Echegoyen, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Borja Golán, campión de Europa de squash en Chequia 2016 e en Austria 2018; María Murnau, activista feminista, escritora e autora de Feminismo ilustrado e Diario dunha rebelde; Sabela Ramil, cantante, clarinetista e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2019; Susana Rodríguez, médica e campioa de triatlon nos Xogos Paralímpicos de Australia 2018; Borja López, xogador do circuíto mundial de padel (World Padel Tour); Sofía Toro, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Erea Louro, influencer especializada en moda e creadora do blog All that she wants; Héctor Ares, xornalista especializado en motor e finalista do certame nacional Influencer Award 2020; Sara Donoso, crítica e comisaria de arte e premio Talento Xunta de Galicia 2020; Cristian Vidal, investigador, especialista en química orgánica sintética e premio Talento Mozo Xunta de Galicia 2020; e Iván Mariñas, finalista de Masterchef 8.

A conselleira de Emprego e Igualdade agarda que #IgualdadeFollowers contribúa ao avance cara a igualdade e ao chamamento da mocidade, xa que, segundo indicou, “ter referentes actuais e saudables nesta causa move á nosa mocidade cara o cambio de paradigmas que pretendemos para Galicia”. Para rematar, Lorenzana agradeceu á Asociación de Periodistas de Galicia o seu compromiso coa igualdade de xénero e o esforzo investido para que esta iniciativa saíra adiante.

#IgualdadeFollowers, 2021-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES