Notas de prensa

As residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño reabrirán as súas portas para estadías familiares neste verán

O DOG ven de publicar a convocatoria de adxudicación de estancias e servizos nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia no ano 2021. E con este motivo, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a Residencia de O Carballiño e anunciou que as familias poden xa solicitar praza tanto nese centro como no de Panxón.

Durante o ano 2020 ambas residencias de tempo libre permaneceron pechadas por mor da pandemia, pero neste 2021 a Xunta de Galicia opta por volver a abrir as súas portas para que as familias galegas poidan utilizalas e favorecer, así,a comunicación e participación persoal e socio-familiar, cumprindo unha importante función social.

Durante a visita ao Carballiño, Jacobo Rey asegurou que, grazas á evolución positiva da situación epidemiolóxica e ao avance no proceso de vacinación rexistrados nestes últimos meses, o Goberno galego considera que é posible ofrecer este servizo coas máximas garantías de seguridade para as persoas usuarias. Ademais, adiantou que o prazo de solicitude desta convocatoria se manterá aberto 10 días hábiles e que as quendas abranguerán desde xullo ata finais de agosto no caso de Panxón, e de agosto a setembro no do Carballiño.

Dado que a situación de pandemia aínda non se pode dar por pechada completamente, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, informou da introdución dalgúns cambios na orde co fin de adaptala ás circunstancias actuais e asegurar que as estadías nas residencias contan coa máxima seguridade.

Deste xeito, e co fin de permitir a convivencia das distintas familias coas maiores garantías, o número de prazas dos usuarios nas distintas quendasredúcese sensiblemente. Así, as residencias de Panxón e O Carballiño, que viñan ofertando un total de 185 e 162 prazas respectivamente, contarán en cada quenda con 90 prazas no caso de Panxón e 75 prazas no do Carballiño, chegando a sumar máis de 900 prazas durante toda a tempada estival. Debido á limitación de aforo, e coa finalidade de asegurar unha maior rotación, as estadías ofertadas serán máis curtas, de seis días, para as familias.

Outra das novidades desta nova convocatoria dará preferencia a catro colectivos en todas as quendas: as familias numerosas, as monoparentais, as de acollemento e as vítimas de violencia de xénero. Ata este momento estas unidades familiares tiñan preferencia en quendas específicas, pero esta vantaxe amplíase agora a todas.

A orde establece, así mesmo, que a metade das prazas,como mínimo,resérvanse para usuarios procedentes doutros territorios distintos ao de Galicia.Ademais, todas as solicitudes canalizaranse a través das xefaturas territoriais e a selección da totalidade das prazas farase por rigorosa orde de entrada e non por sorteo, como viña sendo habitual nas anteriores convocatorias.

Jacobo Rey puxo en valor este novo paso cara a diante tras este último ano protagonizado pola Covid-19, e destacou o enorme e impecable labor que se está a facer desde os centros residencias para asegurar a máxima calidade e benestar dos usuarios e das súas familias.

Consellería de Política Social, 2021-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES