
Coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona e pola Universidade de Vigo, este proxecto reúne 14 socios de nove países europeos e africanos, tanto institucións académicas e centros de investigación como organizacións non gobernamentais, e abranguerá tamén a análise de experiencias concretas co propósito de deseñar unha aplicación que achegue recomendacións a institucións e empresas á hora de promover medidas que favorezan a implantación de novas prácticas de economía circular.
O proxecto intenta resolver os problemas teóricos e empíricos da economía circular, tal e como a define o discurso dominante, sinala Pansera, que subliña que este discurso fai fincapé no desenvolvemento de tecnoloxías para a transición ecolóxica, pero esquece as cuestións políticas, sociais e de xénero. Partindo desa análise crítica do paradigma da economía circular, JUST2CE ten como obxectivo analizar en que condicións sería posible unha transición responsable, inclusiva e socialmente xusta cara un novo modelo económico e estudar que factores técnicos e políticos poden permitir ou obstaculizar esta transformación. Cun orzamento de preto de 3,6 millóns, dos que a Universidade de Vigo correspóndelle preto de 200.000 euros, o proxecto, que arrancará no mes de setembro, reúne 14 entidades de España, Portugal, Italia, Grecia, Reino Unido, Suráfrica, Ghana, Etiopía e Cimbabue.
Concretamente, entre os socios do proxecto atópanse as universidades de Sheffield, Federico II de Nápoles, Leeds, Coimbra, Cape Town e a Mekelle University de Etopía, xunto coa Agència de Residus de Catalunya e o Scientific and Industrial Research and Development Centre de Cimbabue, así como organizacións como Kumasi Hive, de Ghana, e a African Circular Economy Network. Xunto a Pansera, membro de Ecobas e que ao abeiro do proxecto Prospera, seleccionado no programa Starting Grant, liderará no campus de Pontevedra o grupo de investigación Post-growth Innovation Lab, en JUST2CE participarán tamén os investigadores da Universidade de Vigo Miguel Rodríguez Méndez, Pilar Piñeiro García, David Soto Oñate e Antonio Sartal.
Unha nova narración da economía circular
Vivimos nun mundo no que deseñamos produtos en California, imos ao Congo, onde traballan nenos en condicións absurdas, a extraer os minerais, enviámolos a China, onde se constrúe o produto que logo utilizamos nós no norte, para que finalmente eses materiais volvan a África, porque, segundo algúns estudos, o 60% dos residuos electrónicos europeos rematan en Ghana. Deste xeito exemplifica Pansera a necesidade de que a transición cara unha economía circular teña en conta o impacto que os modelos de produción e consumo teñen nas relacións sociais e de xénero, así como nas diferencias norte-sur e na contraposición entre economías produtivas e extractivas.
JUST2CE busca pór o foco nun aspecto aínda non estudado, o de que grupos poderían clasificarse como gañadores e perdedores no desenvolvemento do actual paradigma da economía circular e como poderían reconfigurarse estas relacións para lograr unha circularidade máis xusta. Non se trata dun problema científico-técnico, senón dun problema económico e social sobre que producimos e como o producimos, sinala Pansera, que defende que as solucións técnicas só implicarían seguir vivindo cun modelo económico que crea desigualdades, desnutrición e cambio climático, mudando só a tecnoloxía e a linguaxe. Nese senso, Pansera, que recentemente afondaba neste aspectos nun artigo publicado na revista científica Journal of Responsible Innovation, pon o acento na necesidade de articular unha nova narración da economía circular.
Unha aplicación para implantar cambios e melloras
Co propósito de identificar barreiras e facilitadores para a implantación de políticas alternativas de economía circular, JUST2CE comprende a análise de dez casos de estudo, cinco en Europa e outros cinco África. En ambos continentes estudaranse experiencias levadas a cabo en sectores estratéxicos clave, de acordo cos indicados no Plan de Acción da UE para a economía circular, como podería ser o caso da produción e desperdicio de alimentos, a xestión da auga, as materias primas críticas e a produción nun complexo mundo global de cadeas de subministro.
Os resultados acadados nesta análise permitirán desenvolver un sistema de apoio á toma de decisións, unha aplicación que poida achegar indicacións concretas a empresas, cooperativas ou institucións. Como explica Pansera, a idea é deseñar unha aplicación que achegue propostas de cambios e medidas para avanzar na economía circular, partindo da análise dos datos que se lle proporcionen sobre xestión do persoal e provedores, fluxos de enerxía ou materias primas empregadas.
Así mesmo, os resultados destes casos de estudo posibilitarán tamén o desenvolvemento de modelos macroeconómicos alternativos, aspecto que centra outro dos bloques de traballo dun proxecto que conta tamén con módulos centrados no desenvolvemento de metodoloxías participativas coa sociedade e de innovación responsable.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.