
Un dos proxectos que se está a desenvolver neste eido é Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M) e financiado polo programa Pleamar 2019 da Fundación Biodiversidade. O seu obxectivo é desenvolver ferramentas innovadoras para monitorear a procedencia e o destino do lixo mariño a través de imaxes de satélite e de vehículos aéreos non tripulados equipados con cámaras.
Tras un ano de traballo, o equipo liderado por Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) de atlanTTic acaba de presentar os resultados do proxecto, unha continuación da iniciativa europea LitterDrone. Bewats naceu en decembro de 2019 e centrou o seu traballo en tres frontes: por unha banda, a mellora dos resultados obtidos no proxecto predecesor; por outra, a aplicación de modelos de correntes e mareas para predicir puntos de orixe e destino do lixo e, finalmente, a detección por satélite de residuos plásticos flotantes no mar.
O proxecto centrouse nas rías de Vigo e Pontevedra, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, xa que ás costas galegas chegan refugallos mariños, principalmente plásticos, impulsados polas fortes correntes oceánicas, explican os investigadores.
Avances na detección remota do lixo mariño en tres eidos
Fernando Martín explica que neste ano e medio de traballo conseguiron mellorar os resultados obtidos en Litterdrone en diversos eidos. Por unha banda, integraron na aplicación un método sinxelo para crear mosaicos de imaxes a partir de fotos soltas, aínda que sen chegar ao nivel de aplicacións profesionais como Photomodeler ou Pix4D, pero útil en voos rectos. Tamén foron quen de integrar métodos que permiten fusionar imaxes de varios voos ou de varias cámaras nun mesmo voo para poder utilizalas conxuntamente, así como integrar novos métodos de detección de residuos, coa posibilidade de elixir método e configurar parámetros en tempo de execución. Ademais, engade, tamén traballaron na investigación de métodos específicos para detectar plásticos flotantes con imaxe infravermella e no desenvolvemento de cámaras experimentais para esta labor e na integración de novos métodos de identificación para tipos de residuos comúns, como botellas, latas ou tapóns...
O segundo bloque de traballo, centrado na aplicación de modelos de correntes e mareas para predicir puntos de orixe e destino do lixo, correu a cargo do Icmat, Instituto de Ciencias Matemáticas, en concreto do grupo dirixido por Ana Mª Mancho. Estudaron os fluxos nas Rías Baixas e norte de Portugal detectando un fluxo importante entre a desembocadura do río Miño e as Rías Baixas (illas Cíes, ría de Pontevedra, ata Sanxenxo).
Para o terceiro bloque, sobre a detección por satélite de residuos plásticos flotantes no mar, subcontratouse a GMV, unha empresa con ampla experiencia en tecnoloxía satélite, que desenvolveu un método que ofrece resultados prometedores para localizar pequenas cantidades de plástico. Para iso crearon un innovador enfoque baseado en datos remotos para a detección do lixo empregando imaxes do satélite Sentinel-2, proporcionadas polo programa Copernicus, e técnicas de Machine Learning. atlanTTic, pola súa banda, creou outro método útil para grandes masas (https://arxiv.org/abs/2103.09560). Tamén colaboramos con GMV colocando dianas, unha serie de obxectos de plástico en posición coñecida, a veces na praia, outras flotando, para poder validar o seu método. Entre os experimentos levados a cabo, instaláronse nas inmediacións da illa de Toralla balsas plásticas flotantes á hora na que pasaba o satélite Sentinel-2. Isto permitiu probar algoritmos de detección de plástico e obter imaxes mediante drones. Tamén desenvolveron probas na desembocadura do río Miño ou na praia de Rodas, nas illas Cíes.
Finalmente, o grupo de investigación I-Mark da UVigo, pertencente ao centro Ecobas, realizou un estudo sobre a posible aplicación comercial da tecnoloxía desenvolvida. Os investigadores concluíron que os resultados son prometedores contando con clientes no sector público.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.