Notas de prensa

Santiago de Compostela albergará o centro de produción de medicamentos CAR-T de Galicia

Segundo o acordo asinado esta mañá, a Unidade de Investigación estará creada antes da finalización do primeiro trimestre do ano 2022. Así, o seu principal obxectivo será levar a cabo proxectos de investigación que permitan o desenvolvemento de novas terapias celulares para, posteriormente, ser elaboradas no centro de fabricación e, de seguido, seren aplicadas nos pacientes do sistema sanitario público.



O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para implantar o primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T de Galicia.

Coa a posta en marcha deste centro, no que tamén se poderán producir fármacos destinados a diversas terapias celulares, a comunidade galega sitúase á vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados, cuxo obxectivo é abordar diferentes patoloxías de carácter oncolóxico. Neste senso, a Xunta de Galicia investirá un total de 2’5 millóns de euros para levar a cabo as tarefas de reforma e a adquisición do equipamento preciso para pór en marcha o centro de produción.

O responsable do departamento sanitario da Xunta trasladou o seu agradecemento á Universidade de Santiago de Compostela, quen cederá as súas instalacións do Monte da Condesa, onde anteriormente se emprazaba o Instituto de ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos. O inmoble, de preto de 1.000 metros cadrados, acollerá tanto o centro de produción de medicamentos CAR-T e outras terapias celulares, como a futura Unidade de Investigación.

Sobre este particular, García Comesaña avanzou o inminente comezo das obras de remodelación, cuxa finalización se prevé no último trimestre do ano, e coas que se adecuará a instalación existente ao novo dimensionamento dedicado a produción celular, laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, ademais doutros espazos destinados a usos auxiliares e administrativos.

O conselleiro de Sanidade subliñou que se trata dun “chanzo importante na atención personalizada dos enfermos de cancro” pois, estamos diante de “medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80%”.

Mediante este convenio, no que tamén participan a Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria e o Servizo Galego de Saúde; a Consellería de Sanidade, comprométese a promover a constitución dunha Unidade de Investigación onde participará conxuntamente o persoal do novo centro CAR-T, grupos de Investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos de investigación sanitaria.

Tratamento de grande efectividade

Segundo o acordo asinado esta mañá, a Unidade de Investigación estará creada antes da finalización do primeiro trimestre do ano 2022. Así, o seu principal obxectivo será levar a cabo proxectos de investigación que permitan o desenvolvemento de novas terapias celulares para, posteriormente, ser elaboradas no centro de fabricación e, de seguido, seren aplicadas nos pacientes do sistema sanitario público.

Durante os dous primeiros anos de funcionamento, agárdase poder producir entre un e dous fármacos distintos en ensaios clínicos, o que poderá supoñer unha cifra de entre 50 e 100 pacientes tratados, tomando como referencia o dimensionamento dos ensaios desenvolvidos ata o momento no resto do Estado.

Así mesmo, a Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria encargarase de adquirir o conxunto de materiais e equipamentos precisos para pór en marcha o Centro CAR-T e o mantemento das instalacións da USC, ademais de aportar o persoal necesario para a fabricación de medicamentos de inmunoterapia celular avanzada.

Os resultados da terapia CAR-T publicados ata o de agora evidencian unha grande efectividade deste tratamento en pacientes oncohematolóxicos, con altas cifras de remisión da enfermidade.

Por medio destas terapias pódese conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial das terapias CAR-T como “avance do ano”.

Xunta de Galicia, 2021-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES