Notas de prensa

Centos de investigadoras e investigadores, decenas de actividades e sete cidades nas que celebrar a G-Night máis creativa

No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia con folgos renovados, da man dunha decena de universidades, centros e institutos de investigación, coordinados pola UVigo. Coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo do evento, e baixo o lema Conciencias creativas, a Noite galega das persoas investigadoras (G-Night) chegará o 24 de setembro.

E encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares. Nun ambiente festivo, e a través de conferencias, obradoiros manipulativos, rutas, teatro, música ou experimentos, pequenos e maiores, con independencia dos seus coñecementos científicos, poderán achegarse ás e aos profesionais da investigación, e así coñecer o valor do seu traballo, así como a importancia desta actividade na sociedade e tamén a das vocacións científicas.

Cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidade de Santiago e A Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras, que ademais de nas cidades galegas, celebrarase de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa. “Para nós é un orgullo ter a posibilidade de con este proxecto facer visible o traballo que se fai, a un público que normalmente non están en contacto coa relevancia da ciencia. Esta etiqueta de G-Night traslada a ciencia á rúa, bares ou prazas. O tema de que se faga no exterior agora vén moi ben, facéndoo ademais de xeito informal “, explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, na presentación da G-Night, que tivo lugar este mediodía. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, incidiu na necesidade de trasladar á sociedade a importancia de apoiar a ciencia e que “a xente sexa consciente de que é importante financiala, porque ás veces a aplicación non chega no momento senón anos despois dun descubrimento”, dixo. Neste sentido, Rubio puxo a covid como un exemplo que resalta o progreso da ciencia “xa que en poucos días sabíamos que era o SARS COV-2 e en poucos meses tivemos a vacina, froito da investigación e colaboración público privada. Mentres que, no caso do virus da SIDA nos anos 80, se tardou case dous anos en saber que virus o provocaba. Isto é un claro exemplo do progreso da ciencia e que temos que trasladar á sociedade o que estamos a facer”, dixo a vicerreitora de Investigación da UVigo.

Quecendo motores desde a próxima semana nos centros escolares

Aínda que será na noite do 24 de setembro cando se celebren a maioría de actividades programadas co gallo da G-Night, ese mesmo día pola mañá, e por mor da pandemia, están previstas de xeito excepcional diversas accións en centros de ensino, co obxectivo de evitar aglomeracións de público escolar no horario de tarde-noite. Precisamente o alumnado dos centros escolares galegos de primaria e secundaria, será o primeiro, a partir da próxima semana, en gozar coa celebración dunha vintena de pre-eventos, actividades divulgativas, que teñen o obxectivo de difundir a celebración do 24 de setembro.

“A liña central temática é a creatividade que ten que ver coa interdisciplinariedade, rachar estereotipos e espertar vocacións. O traballo de comunicar ciencia para nós é un reto moi grande e unha ilusión enorme”, asegurou Mónica Valderrama, que explicou que os contidos das actividades previstas encadraranse en diferentes categorías. Así, desde que significa investigar (centrada na figura da persoa investigadora e o seu día a día); pasando por grandes ideas e feitos (investigación e innovación, como se fai ciencia e como chega á industria e exemplos e como a ciencia impacta na vida das persoas); ou investigando e innovando cara un mundo máis verde (coñecendo Galicia, que solucións se están a aplicar xa e que ofrece a ciencia o papel da cidadanía), ata Europa e a ciencia (programas de colaboración entres países e presentación de proxectos e investigación con fondos europeos), os contidos programados abranguerán todas as áreas do coñecemento.

Agradecemento e invitación a participar á comunidade científica nunha noite “máxica”

Belén Rubio e Mónica Valderrama agradeceron na presentación do evento a colaboración e participación de todos os socios do consorcio e colaboradores na celebración da G-Night. “Quedamos sorprendidos pola ofertas recibidas en todos os ámbitos. Hai unha implicación moi grande de toda a comunidade”, dixo a vicerreitora de Comunicación, mentres que a vicerreitora de Investigación animou ao persoal a seguir achegando as súas propostas para celebrar “unha Noite galega das persoas investigadoras que espero que sexa máxica”, dixo.

No ano 2019 un total de 1.6 millóns de persoas, de máis de 400 cidades de case unha trintena de países europeos participan na Noite europea das persoas investigadoras, na que tomaron parte máis de 36.000 investigadoras e investigadores. En 2020, o evento celebrouse de xeito virtual cun total de 52 “Noites” en 29 países.

Universidade de Vigo, 2021-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES