Notas de prensa

Científicos e ilustradores únense para achegar o coñecemento sobre o medio mariño á infancia

Ciencia e arte danse a man na proposta que o Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo deseñaron para celebrar o Día Mundial dos Océanos. O proxecto, bautizado como Scientists meet artists, propón unha maridaxe entre dous mundos, a priori, ben distantes como son a investigación mariña e a ilustración.

Para unilos puxéronse en contacto 12 científicos e 12 ilustradores que, traballando xuntos, deseñaron unha serie de 12 láminas artísticas sobre conceptos ou procesos científicos que ocorren no medio mariño. As pezas serán presentadas o vindeiro 8 de xuño, coincidindo co Día Mundial dos Océanos, nun evento virtual no que participarán os investigadores e artistas.

Un ano de traballo multidisciplinar

As ilustracións son froito do traballo, ao longo dun ano, de doce parellas formadas por outros tantos ilustradores que desenvolven a súa carreira en España e Portugal e 12 investigadores do Campus do Mar pertencentes ás universidades de Santiago, Minho (Portugal) e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía. Con cada lámina quérese transmitir un concepto ou coñecemento concreto en relación co mundo mariño, ben sexa o comportamento dun organismo mariño ben sexa un proceso nos océanos. Cada investigador achegou a idea e o coñecemento científico, mentres que o ilustrador plasmou ese concepto e contido na lámina. Como resultado dese traballo en común producíronse 12 láminas de estilos e temáticas diversas que se converterán en material didáctico que contribuirá á alfabetización oceánica da sociedade.

Unha idea que nace do confinamento

Daniel Rey, director do Campus do Mar, explica que a idea de poñer en marcha este proxecto xurdiu “durante a pandemia, con moitas familias confinadas na casa cos seus fillos e fillas pequenas, buscando actividades sinxelas na internet para entretelos, como imaxes para colorear”. Scientists meet artists propúxose xerar material deste tipo que fose “máis aló de personaxes Disney e superheroes”, con propostas lúdicas que, ademais de entreter, servisen para “impulsar un mellor coñecemento dos mares e océanos creado láminas con estes motivos”.

A proposta foi evolucionando, relata Rey, “e vimos a oportunidade de reunir as familias arredor deste concepto, de xeito que todos os membros puidesen explorar a lámina a distintos niveis, ofrecendo unha explicación sinxela, pero rigorosa do que ocorre na lámina, á vez que se ofrece unha ligazón con información adicional”.

As láminas estarán dispoñibles sen colorear e cada unha leva asociados contidos didácticos, accesíbeis a través de códigos QR, de xeito que axude na aprendizaxe e contribúa ao reto impulsado pola Unesco de estender a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, un obxectivo no que Campus do Mar está implicado. As láminas estarán dispoñibles en galego, español e inglés e poderán ser descargadas de forma gratuíta desde a páxina do Campus do Mar.

Xornada de presentación

O acto de presentación, organizado por Campus do Mar, terá lugar en modalidade virtual a través da sala 1 do Campus do Mar no Campus Remoto da UVigo. O programa inclúe a participación tanto de persoal investigador e ilustradores que colaboraron coa iniciativa, como a ilustradora María José Gajate, cuxo nome artístico é Mariajo Ilustrajo, que recibiu en 2020 o premio Word Illustration Overall Winner da AOI (Association of Illustrators) polos seus traballos gráficos. O evento está auspiciado polas Nacións Unidas coma actividade que se levará a cabo no marco do Decenio das Ciencias Oceánicas.

Universidade de Vigo, 2021-05-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES