
Conscientes das grandes perspectivas de futuro deste sector e co apoio de investigadores e empresas, os membros de SpaceLab traballan desde hai meses nunha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.
O proxecto denominado BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment) ten un horizonte temporal de tres anos e, de cara as seguintes etapas, a asociación busca novos membros a través dunha convocatoria dispoñible para todas as alumnas e alumnos da Universidade ata o vindeiro 27 de maio.
Levar vida ao espazo, unha misión innovadora e útil para a exploración espacial futura
BIXO xurdiu cando un dos membros de UVigo SpaceLab convenceu a todo o equipo para levar vida ao espazo, unha proposta prometedora que permitiría contribuír á exploración espacial futura. Unha vez definido o propósito da súa misión, SpaceLab contactou coas expertas e expertos co Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, que, como afirman os estudantes que conforman o laboratorio, axudaron a desenvolver o concepto do experimento e chegar onde nos atopamos actualmente.
O proxecto BIXO ten a finalidade de entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana.
A importancia dos procesos examinados é máxima xa que poden influír na saúde e seguridade das astronautas. No caso dos patóxenos é evidente, pois tanto o seu desenvolvemento como a comunicación intercelular poden xerar resistencia aos antibióticos, crear biofilms ou mesmo orixinar factores virulentos.
Cada vez máis preto do obxectivo
O calendario de traballo do proxecto BIXO conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS, European Cooperation for Space Standardization, da Axencia Espacial Europea. Despois de acadar o primeiro punto do seu programa, UVigo SpaceLab atópase na fase A, pois segundo Manuel Diz, un dos integrantes do grupo, logramos definir a misión e todos os requisitos necesarios para obter os datos que buscamos, e agora comeza o desenvolvemento dos subsistemas e da carga útil que levará a cabo o experimento en órbita.
O plan para este 2021 é completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. En 2022, a asociación centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Paralelamente, UVigo SpaceLab executará probas preliminares cos organismos que serán enviados no CubeSat, para asegurar que poderán sobrevivir á viaxe.
Na última etapa, non antes de 2023, lanzarase o CubeSat a súa órbita obxectivo. O experimento prolongarase entón nove meses, que é o tempo que duraría unha viaxe entre a Terra e Marte na actualidade, como explican os estudantes. Nese tempo, as investigadoras e investigadores descubrirán as diferenzas entre os procesos ocorridos no espazo e os que suceden no contexto terrestre e poderán demostrar que o envío de microorganismos en viaxes longas é viable para a consecución doutros fines.
De acordo con Diz, a acollida do proxecto foi moi positiva dentro do ámbito da Universidade de Vigo, entre o estudantado e persoal das distintas escolas e facultades, pero tamén fóra, xa que nos últimos meses a misión incorporou diversas empresas patrocinadoras. Dentro da Universidade, o grupo conta coa colaboración da catedrática Carmen Sieiro, para o deseño da investigación biolóxica, e dos profesores Isabel Pastoriza e Jorge Pérez, do Departamento de Química Física. Así mesmo, todo o traballo está a ser analizado polos docentes Arno Formella, Fermín Navarro e Fernando Aguado, que tamén é responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo.
Á busca de máis integrantes para a asociación
Nacido no ano 2020, o equipo de UVigo SpaceLab abrangue actualmente estudantado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática.
Sabedores dos desafíos dos vindeiros anos e co fin de ampliar o grupo e a súa capacidade de traballo, os membros de SpaceLab acaban de lanzar unha convocatoria aberta a todo o alumnado da Universidade ata o 27 de maio. As candidatas e candidatos deberán cubrir un formulario en liña, acudir a unha entrevista e, no caso de seren seleccionados, participar nunha formación extensa no eido dos pequenos satélites. O único requisito de inscrición é ter ganas de participar nunha misión apaixonante.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.