Notas de prensa

As tres universidades galegas impartirán as titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas asinaron este martes en Santiago de Compostela un acordo polo que as titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial serán interuniversitarias, por considerar “importante garantir o equilibrio territorial que facilite o acceso máis xeneralizado posible a este tipo de estudos tendo en contra a súa influencia económica e social nos vindeiros anos”, tal e como recolle o documento.

A previsión é que a súa posta en marcha teña lugar nas tres universidades galegas a partir do curso 2022/2023 cunha oferta total de 150 prazas de grao e 60 de mestrado. No caso da Universidade de Vigo será impartida na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

A presentación do acordo contou coa participación de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Nela, o presidente do Goberno galego destacou a colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas para acadar este acordo para dúas titulacións que, aseverou, contan cunha gran demanda e cunha enorme proxección de futuro, xa que se agarda que os seus titulados e tituladas acaden practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica, o internet das cousas. Ademais, Núñez Feijóo asegurou que a posta en marcha destas titulacións achegará un valor diferencial ao Sistema Universitario Galego.

“O feito de chegar a un acordo supón unha excelente nova, que vai permitir que o alumnado galego acceda, nas tres universidades, aos estudos de grao e de mestrado en Intelixencia Artificial”, comentou tras o acordo Manuel Reigosa, facendo fincapé na importancia de “que entre todos foramos quen de acadar un total consenso sobre esta solución, que penso que é positiva para todos”. Así, o responsable académico recalcou como “cando hai unha idea compartida sobre o desenvolvemento do Sistema Universitario de Galicia, con tres universidades e sete campus, e se pon por diante o beneficio do alumnado e da sociedade galega, non é tan difícil acadar consensos”. Neste senso, quixo “louvar e agradecer o esforzo conxunto do SUG (tanto da consellaría coma das tres universidades públicas galegas) para atopar a que penso que é unha excelente solución”.
150 prazas de grao e 60 de mestrado

Segundo recolle o acordo, tanto o grao como o mestrado en Intelixencia Artificial terán a consideración de titulacións interuniversitarias entre as tres universidades públicas galegas. Os títulos de grao/mestrado impartiranse nos centros onde actualmente se están a ofertar os graos en Enxeñaría Informática en cada unha das universidades: Escola Superior de Enxeñaría Informática (Universidade de Vigo- Campus de Ourense); Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Universidade de Santiago de Compostela) e Facultade de Informática (Universidade da Coruña).

Cada universidade ofertará anualmente 50 prazas de novo acceso para o título de grao (150 en total) e 20 prazas de novo acceso para o título de mestrado (60 en total). O plan de estudos contemplará unha duración de catro anos estruturado do seguinte xeito seguinte: o primeiro e segundo cursos serán comúns ás tres universidades e no terceiro e cuarto cada universidade ofertará itinerarios, orientacións ou intensificacións diferentes que terán en conta as capacidades do profesorado dispoñible e a especialización dos campus. A intención é que as titulacións de grao e/ou mestrado poidan impartirse a partir do curso académico 2022/2023, sempre que os procesos de elaboración das memorias de verificación, que agora se comezan a realizar, e o proceso de verificación o permitan.
Pulo ao campus de Ourense

Sobre as características das novas titulacións, Manuel Reigosa comentou que “é un grao común, cun plan de estudos único e dous cursos comúns, pero que se vai a impartir en cada campus”. Esta solución, afirmou, “é moi boa, pois permitirá aproveitar os recursos complementarios das tres institucións e dará moi bo servizo no campus de Ourense, abrindo unha oferta máis variada para a formación nun eido que ten xa moito presente pero que aínda terá máis importancia no futuro”. Neste momento, dixo o reitor da UVigo, unha comisión conxunta das tres universidades está xa a traballar para atopar as mellores especializacións complementarias que permitan optimizar as posibilidades que abre o capital humano de cada institución. “Estou seguro de que teremos un acordo a non tardar moito sobre eses dous cursos diferenciados nas tres universidades”, afirmou. Por último, Manuel Reigosa tamén quixo agradecer o traballo realizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e nomeadamente polo seu equipo directivo na consecución destas titulacións.

Pola súa banda, respecto ao acordo acadado Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense (ESEI), salientou que “consideramos que é unha clara aposta de futuro para a formación dos mellores profesionais nesta materia en Galicia. Implica unha pulo decidido do Goberno galego e das tres universidades por un maior desenvolvemento das competencias da enxeñaría informática, adiantándose ás necesidades futuras do mercado laboral”. Así, o responsable académico apuntou como a súa sinatura supón “unha boa noticia para o noso centro, para o noso campus e para a cidade de Ourense e por suposto, para a nosa Universidade. A futura implantación do grao e do mestrado en Intelixencia Artificial, como complemento ás titulacións xa existentes, converterá á ESEI no centro de formación nas TIC de referencia do sur de Galicia”. Unha vez asinado o acordo, indicou Francisco Javier Rodríguez, “toca traballar arreo para a súa implantación tal como nos demandan as empresas TIC e a sociedade no seu conxunto”.

Universidade de Vigo, 2021-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES