
A sesión presidida polo reitor Antonio López e que non puido celebrarse con anterioridade por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia, contou tamén co relatorio O Carvalho de cen ponlas, no que a profesora da Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, definiu o profesor Carvalho como un sabio egrexio do século XX imposible de coñecer dende posicións dogmáticas e reducionistas.
O reitor Antonio López salientou o compromiso co país, coa cultura e coa súa lingua de Carvalho Calero, definindo a sesión institucional deste xoves como un acto de xustiza para homenaxear a esta figura sobranceira cunha sólida traxectoria en poesía, narrativa e teatro, mais tamén destacada no eido académico como profesor distinguido e colega co que a Universidade tivo o privilexio de contar. Entre os seus agradecementos, o reitor quixo distinguir a asistencia ao acto de María Victoria Carvalho, filla do homenaxeado.
As formas do compromiso
Pola súa parte, o profesor Cidrás subliñou que o volume editado pola USC co gallo do Día das Letras Galegas 2020, salienta a figura do Carvalho cívico, aquel ao que nada relacionado con Galiza e co galego o deixaba indiferente nin lle resultaba alleo. A obra que recolle contribucións significativas sobre a figura poliédrica que conformaba o profesor Carvalho, atópase estruturada en tres partes. A primeira atende as facetas do compromiso vital do creador situadas máis á marxe dos seus quefaceres filolóxicos, nomeadamente a súa actividade política e pedagóxica ou docente, que son obxecto de análise nas contribucións de Justo Beramendi, Araceli Herrero e Aurora Marco.
Na segunda parte abórdanse as angueiras literarias do profesor. A súa actividade creadora é estudada nas contribucións de Xosé Mª Dobarro, Carlos Quiroga e Darío Villanueva. Pola súa vez as contribucións de Arturo Casas, Manuel Ferreiro e José Luís Forneiro centran a súa atención na obra de Carvalho como historiador da literatura e como crítico literario. Na terceira parte, rematan o volume cinco achegas que analizan a obra e o ideario lingüístico de Carvalho Calero, tanto nos aspectos máis propiamente gramaticais como nos vinculados ao seu posicionamento perante o modelo de lingua. Trátase das contribucións de Francisco Dubert, Martinho Montero Santalha, Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e, pechando o volume, a de José Luís Rodríguez, principal discípulo do profesor ferrolán.
Achegas fundacionais
No seu relatorio, a profesora Carmen Blanco, antiga alumna de Carvalho, puxo o foco na contribución do autor á historia e á crítica da literatura galega no panorama da literatura xeral e comparada a cal definiu como unha aportación científica fundamental. A súa intensa traxectoria creativa testemuña unha profunda vocación na que conviven a escrita íntima e a escrita para a publicación, ditada por diversas necesidades ou compromisos colectivos. Obra de conxunto esteticamente ecléctica, clásica e de vangarda simbiótica, explicou a profesora da Facultade de Humanidades para logo afondar nas dúas etapas que marcaron o periplo vital de Carvalho. Na súa traxectoria perfílanse dúas grandes etapas marcadas pola traxedia da guerra e do cárcere que provocará nel a crise da brillante vocación política de preguerra e o recoñecemento da devoción investigadora de posguerra.
Carvalho e a USC
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) chegou a Santiago en 1926, con só dezaseis anos, a estudar a carreira de Dereito e converterse axiña nun destacado líder estudantil. Mostra do seu activismo é o discurso que pronuncia na solemne inauguración do curso 1930-1931, no que reclama a galeguización da universidade. Aspiramos a crear unha vida universitaria autenticamente galega; aspiramos a obter un espírito galego na aulas da Universidade, afirmaba xa Carvalho naquela altura.
Rematada a súa etapa estudantil, e tras unha longa paréntese caracterizada maiormente pola represión franquista, Carvalho regresa ás aulas da USC o 17 de maio de 1963, precisamente con ocasión do acto académico co cal a institución compostelá celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, acabado de instituír. Carvalho aborda a figura de Rosalía de Castro, a instancias dun grupo de estudantes mozos, entre os que se atopan Carlos Casares, Arcadio López Casanova, Xohana Torres ou Salvador García Bodaño, e que consideran ao profesor ferrolán como un referente nos estudos galegos. Só dous anos máis tarde, levantada a inhabilitación como funcionario, Carvalho ingresa como primeiro profesor de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que acollía por primeira vez estes estudos no seu currículo académico. No marco desa actitude vital, encádrase a implicación de Carvalho no movemento reintegracionista. O profesor desenvolve unha intensa actividade nesta liña, que pasa a ocupar un lugar central na etapa final da súa vida.
Maneira de ollar
No marco da súa traxectoria universitaria, Ricardo Carvalho Calero foi o responsable de iniciar a serie xa quincuaxenaria da que forma parte a obra presentada este xoves no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Todos os volumes que integran a devandita serie pretenden ser unha reivindicación, tal e como afirmou o profesor Cidrás, metonimicamente libresca, do dereito que temos a construír o noso país e a nosa maneira de ollar o mundo sobre os alicerces universais da nosa lingua; todos os días do ano.
A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.