Notas de prensa

O proxecto PuertAlMar deseña un programa divulgativo sobre a importancia dos ecosistemas mariños portuarios

O proxecto PuertAlMar, impulsado polo Porto de Vigo e o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo en colaboración co Puerto de Melilla, naceu coa finalidade de analizar a importancia de recuperar e conservar as áreas alteradas en contornas marítimo-portuarias e os seus beneficios para o desenvolvemento de actividades pesqueiras sostibles.

Financiado pola Fundación Biodiversidad a través del Programa Pleamar, o proxecto PuertAlMar ten, ademais da compoñente científica, unha vertente divulgativa moi destacada. Por isto, tras máis dun ano de traballo, as institucións que o coordinan organizan un programa de actividades formativas que se van a desenvolver ao longo do mes de abril. A idea é presentar, por unha banda, a escolares e, por outra, a profesionais do sector a importancia dos ecosistemas mariños portuarios e as posibilidades de integración destes coas actividades industriais.

Creación e restauración de hábitats en contornas portuarias

PuertAlMar naceu como unha iniciativa ao abeiro do proxecto Peiraos do Solpor, tamén impulsado polo Porto de Vigo en colaboración con investigadores do CIM. Xorde da necesidade de compatibilizar a biodiversidade co desenvolvemento do Porto e da cidade de Vigo. Para iso, os investigadores do CIM Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López traballaron coa biomimética para deseñar e construír estruturas facilitadoras da biodiversidade. Ao longo destes meses instalaron na dársena da Laxe estruturas artificiais a modo de arrecifes submarinos para o asentamento de organismos. Trátase dunha serie de cordas e estruturas innovadoras nas que as algas se poden adherir e que, ademais, serven de lugar de cría de peixes e outros animais. Dende a súa instalación en 2019, os científicos da Universidade de Vigo encargáronse da monitorización do crecemento biolóxico da zona. Nese mesmo lugar tamén se colocarán carteis explicativos sobre os organismos que se asentan nestas estruturas. Como explica Souza Troncoso, estas estruturas “serán algunhas das que se instalarán no proxecto Peiraos do Solpor, en Bouzas pero con dimensións máis grandes”.

A outra parte do proxecto céntrase na divulgación, co obxectivo de incrementar a concienciación sobre a necesidade de atopar solucións innovadoras e verdes que permitan un equilibro entre o bo funcionamento dos ecosistemas e as actividades económicas. Así, durante este mes, en concreto os días 14, 15 e 16, terán lugar tres xornadas virtuais formativas e de sensibilización con escolares de Secundaria e Bacharelato de Vigo e Melilla, así como dúas xornadas de visita ao Porto de Vigo, os días 23 e 30. Durante as sesións previstas para esta semana abordaranse temas como a ecoloxía costeira; a zonación de especies, facendo fincapé nas diferencias entre rexión mediterránea e a atlántica; os impactos ambientais e as presións na costa e as soluciones baseadas na natureza como ferramentas para o desenvolvemento sostible. Nestas xornadas participarán o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña e os investigadores do Grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigación Mariña (CIM) Jesús Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López.

Finalmente, e como peche do proxecto, o día 21 deste mes terá lugar un obradoiro con profesionais do sector da economía azul para presentar os principais resultados do proxecto e para xerar un espazo no que compartir outras experiencias e boas prácticas na conservación e recuperación de contornas mariñas degradadas.

A primeira fase dun proxecto recoñecido internacionalmente

PuertAlMar é unha acción incluída na primeira fase do galardoado Peiraos do Solpor, un proxecto que comprende tres fases secuenciais. A segunda fase, Living Ports, está a piques de arrancar na mesma dársena da Laxe, fronte ao edificio de Portocultura. Consistirá na instalación dun observatorio submarino, con paneis verticais deseñados para a colonización de fauna e flora (310 m2), así como cinco arrecifes artificiais que está deseñando a empresa Econcrete. A actuación completarase con catro peiraos flotantes e dúas pasarelas de acceso.

A derradeira fase do proxecto, denominada Peiraos do Solpor, foi presentada aos fondos Next Generation e desenvolverase na escollera da Terminal Ro-Ro de Bouzas, onde se instalarán 50 arrecifes artificiais e 50 piscinas que simularán pequenos ecosistemas.

Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, 2021-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES