Notas de prensa

A UVigo acolle o congreso Students, Women in engineering & Young Professionals

Tras celebrarse en Valencia, Cartaxena ou Alacante, o congreso 'Students, Women in engineering & Young Professionals' chega á Universidade de Vigo da man da rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE). Por primeira vez o evento celebrarase en formato en liña, unha circunstancia que xa se está a notar no número de inscricións que a día de hoxe se elevan a 120, superior ao número de asistentes que ten un SWYP presencial que ronda os 70 estudantes.

En calquera caso, os enlaces dos relatorios iranse publicando en redes sociais, polo que contamos que haberá asistentes que non cubriron o formulario de inscrición”, explica Juan Abia, presidente da rama de estudantes do IEEE da UVigo.

Durante os cinco días que dura o congreso sucederanse conferencias, obradoiros e actividades de ocio, que permitirán ás persoas asistentes, achegarse a cuestións de plena actualidade a través de relatorios, como o titulado Predición dinámica da covid-19 ou Bitcoin, blockchain e o sistema descentralizado. “Ademais intentamos substituír as veladas de ocio nocturno que se realizaban de xeito presencial outros anos, por un formato remoto onde pensamos facer xogos para poder coñecernos mellor”, detalla Abia.

Unha gran carga de traballo moi gratificante

Destinado ás 16 ramas de estudantes, o SWYP é un congreso organizado por unha rama de estudantes dunha universidade española e as súas siglas responden ao seu obxectivo principal que é o de reunir persoas deses tres grupos: estudantes, mulleres e profesionais novos. “Non obstante, este ano ao ser en formato en liña, desde a rama de estudantes do IEEE da UVigo decidimos abrir o congreso á nosa universidade, tanto a docentes como alumnado, ademais de ás ramas de estudantes”, sinala Juan Abia, que recoñece a gran carga de traballo que para o equipo organizador supuxo poñer en marcha esta iniciativa. “Non obstante, ao mesmo tempo é moi gratificante porque estamos en contacto con moitos profesionais do sector empresarial e académico que están preparando actividades moi interesantes”, explica o presidente da rama de estudantes do IEEE da UVigo.

A apertura do congreso terá lugar mañá mércores ás 17.00 horas coas intervencións de Jesús Fraile Ardanuy, past-president da sección española do IEEE; Alfonso Lago, docente e investigador da UVigo e counselor da rama e Juan Abia. Power electronics no sector da automoción e o seu modelo en V; Introdución ás metodoloxías áxiles e scrum; Multitarea en enxeñaría ou 5G: o papel da virtualización en novas redes de comunicación móbil, son algunhas das ponencias que se presentarán no congreso, que se poderá seguir a través da canle de Discord da rama de estudantes do IEEE da UVigo e de Campus Remoto.

Universidade de Vigo, 2021-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES