Notas de prensa

O proxecto Geo4Radón presenta o prototipo dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica que usa diferentes tipos de renovables

O proxecto Geo4radón rematou case tres anos de traballo coa presentación esta semana do prototipo final dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica. A súa principal innovación é que integra nun único dispositivo diferentes tipos de enerxías renovables, en concreto, enerxía aerotérmica e solar térmica.

O proxecto, enmarcado na convocatoria Conectapeme, botou a andar en abril de 2018 cun orzamento total de 819.000 euros e unha subvención da Axencia Galega de Innovación de 444.320, cofinanciados nun 80% por fondos Feder da UE. Respondendo aos requisitos desta convocatoria de axudas, no proxecto uniron as súas forzas o tecido de I+D público, representados pola Universidade de Vigo, e cinco empresas da contorna: Extraco, Megodeza, Conexiona Telecom, Galaicontrol e Renga Enerxía. O obxectivo inicial era traballar na predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon. O catedrático da UVigo José Fernández Seara coordinou o traballo do consorcio, que pola parte da Universidade estivo centralizado no Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.
Un único dispositivo con diferentes enerxías renovables

Cando o proxecto Geo4radón botou a andar, os membros do consorcio fixáronse como obxectivo a construción dun sistema unificado que recollese, a través dunha bomba de calor, a enerxía xeotérmica da terra, e que estivese dotado de ferramentas para a recarga enerxética dos pozos dos que se extrae esa enerxía, a través de aerotermos e enerxía solar. En paralelo, tamén quixeron analizar a presenza de gas radon nos pozos, a través do estudo da influencia entre as perforacións xeotérmicas e a súa difusión no medio ambiente, por mor deste tipo de obras.

Agora, o prototipo resultante presentado esta semana reúne todas esas características. Por unha banda, como explica Francisco Javier Prego, coordinador do Departamento de I+D+i de Extraco, “incorpora unha bomba de calor de alta potencia e prestacións melloradas, capaz de mobilizar estas enerxías “limpas”, optimizando o aproveitamento dun tipo ou doutro de enerxía, posibilitando a recarga dos pozos de captación, en función da dispoñibilidade enerxética e da súa eficiencia ao longo do tempo”. Fronte ás bombas de calor convencionais, a bomba desenvolvida no proxecto emprega como gas refrixerante o propano, evitando o uso de outros gases convencionais, moi contaminantes.

Por outra banda, o proxecto incluíu tamén un estudo pioneiro sobre a concentración e difusión do gas radon nos pozos de captación xeotérmica, analizando a influencia que teñen aspectos tales como a localización dos pozos, os campos de temperaturas, os tipos de sondaxes e os materiais de recheo empregados na súa construción. “Trátase dunha análise moi novidosa, xa que os pozos de enerxía xeotérmica son potenciais vías de acceso do radon aos edificios, un gas con elevada presenza en todo o subsolo de Galicia”.

Geo4Radón completouse con un sistema informático de xestión integrada, que controla a totalidade do prototipo e analiza a influencia entre pozos de xeotermia localizados en campos de captación adxacentes.
O funcionamento conxunto do sistema-prototipo de Geo4Radón e os diferentes resultados obtidos foron validados experimentalmente, a escala real, en campos de captación xeotérmica construídos en Ourense, ex profeso para o proxecto.

Agora, unha vez rematado o proxecto e desenvolvido o prototipo, Javier Prego explica que “as empresas participantes están valorando diversas fórmulas para unha futura comercialización dos resultados, adaptando o modelo ás necesidades do mercado”.

Universidade de Vigo, 2021-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES