Notas de prensa

Cunqueiro, máis vivo ca nunca na celebración do seu 40 cabodano

O 28 de febreiro cúmprense 40 anos do pasamento de Álvaro Cunqueiro, “o mellor fabulador das literaturas ibéricas do século XX”, segundo Xosé Henrique Costas González, catedrático do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, cuxa Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá entre os días 2 ao 5 de marzo unha serie de actos de homenaxe ao escritor. Se ben, o narrador, poeta e xornalista finou hai catro décadas, o traballo de persoas que estudan a súa obra, segue a dar froitos.

Así, vanse publicando periodicamente obras inéditas do autor mindoniense. “Cando Cunqueiro morreu deixou publicados en libro 113 poemas en galego, hoxe temos 400, pois recuperamos poemas de cartas, arquivos persoais, revistas etc. E seguen aparecendo cousas, é un pozo sen fondo sempre a rebordar de auga fresca e limpa”, detalla Costas, que, pola contra, lamenta o inxusto e inexplicable esquecemento que Cunqueiro sofre no panorama da literatura en castelán, “cando as súas novelas nesa lingua son dificilmente superables”.

Precisamente, o recoñecemento e a lembranza do escritor nunha data redonda e a presentación de novos materiais que se van descubrindo da súa obra, son os eixos centrais da homenaxe que Costas, xunto co tamén docente e investigador Manuel Forcadela, o equipo decanal e a dirección do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da facultade, organizou entre os días 2 e 5 de marzo e que será retransmitido en directo a través de UVigoTV. Así, un ciclo de charlas, un concurso de citas da obra de Cunqueiro, a presentación dun libro e a estrea, por unha banda, dun documental sobre a súa obra e, doutra, da musicación de dous dos seus poemas, converterán a vindeira semana á FFT nun dos epicentros das celebracións do 40 cabodano do autor de máis de 20.000 artigos en medio cento de xornais e revistas e obras como Si o vello Sinbad volvese ás illas, Herba aquí e acolá, El año del cometa ou O incerto señor D. Hamlet.

Oito charlas, un documental, un libro e a estrea da musicación de dous poemas

Entre o martes e o venres da vindeira semana sucederanse desde o mediodía oito charlas, nas que poñentes como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xina Vega, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Miguel Somovilla, Armando Requeixo ou César Morán, achegarán diferentes visións da poliédrica obra de Cunqueiro, abranguendo desde a pseudonimia e alofonía fantástica, o xornalismo na súa obra literaria, a actualidade da súa produción ou o seu labor como tradutor e anosador. O martes, día de inicio das actividades, e logo da inauguración do ciclo, e o relatorio de Méndez Ferrín, titulado Cunqueiro na literatura galega, terá lugar a estrea en Europa da musicación de dous poemas do autor, a cargo do coro Gli Appassionati. “Nos anos 1940 un compositor vigués, Francisco Rey Ramos, musicou para piano e voz dous poemas de Cunqueiro, ‘Anda a noivar’ e ‘Tiña soño de cristais’, poemas 7 e 13 de Cantiga nova que se chama riveira (1933). Estas composicións viaxaron a Bos Aires, onde a compositora siberiana Angelina Shabalina Vasílieva, directora da coral do Centro Galego Noia-Rianxo, fixo uns arranxos para coro a tres e catro voces e estreáronse en Bos Aires polo anos 1960”, relata o catedrático, en relación coas pezas musicais que agora volven a Galicia desde a emigración bonaerense para seren interpretadas polo coro Gli Appassionati por primeira vez en Europa.

Ese primeiro día de actos en lembranza de Cunqueiro, e logo da interpretación musical, estrearase o documental que sobre a obra do escritor mindoniense realizou Manuel Forcadela, unha versión reducida e mellorade a actualizada do documental que fixera o docente e investigador co seu alumnado no ano 2011. Ao día seguinte, mércores 3 de marzo, e logo de dúas charlas ás que seguirá un debate, terá lugar a presentación do libro Escolma de poesía anosada de A.C. co adaxo do seu cuadraxésimo cabodano, a cargo do autor da antoloxía, Xosé Henrique Costas, e do director do Servizo de Publicación da UVigo, Jorge Luis Bueno. Sobre a selección de poemas que integran este volume, Costas explica que son 50 pezas, traducidas por Cunqueiro de 42 autores suecos, romaneses, hebreos, polacos, holandeses, italianos, franceses, norteamericanos, etc. “O problema é que ningún deses 42 poetas traducidos existe nin existiu nunca. Serán orixinais de Cunqueiro? Probablemente”, sinala o catedrático da UVigo, que se refire ao escritor como “un autor ecuménico que concita todas as admiracións. As súas obras son eternas e as sorpresas que nos segue a dar fan que estea sempre de actualidade”.

Concurso Concita Cunqueiro

As actividades programadas na FFT co gallo do 40 cabodano de Cunqueiro complétanse coa convocatoria do concurso Concita Cunqueiro, destinado a persoas de entre 15 e 30 anos, que deberán presentar, ata o 15 de marzo, unha cita de calquera obra poética, narrativa, teatral ou xornalística da obra de Álvaro Cunqueiro, cunha extensión máxima de tres liñas en prosa e sete versos en poesía, premiándose as tres mellores con galardóns de 300, 200 e 100 euros.

A organización dos actos de homenaxe ao autor mindoniense, aproveitando que as actividades serán retransmitidas en directo, anima a participar nas diferentes actividades programadas, máis aló do alumnado da FFT, ao estudantado doutras universidades, dos lectorados galegos no estranxeiro, centros culturais galegos no mundo, alumnado de institutos etc. “Cunqueiro, de seu, xa xustifica a existencia dunha literatura galega de altísima calidade. Xa quixeran outras linguas ter un Ferrín e un Cunqueiro como temos nós. Somos privilexiados”, afirma Costas.

Universidade de Vigo, 2021-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES