Notas de prensa

O grupo dx5 explora as transformacións que xerou no cómic o mundo dixital

Analizar, poñendo o foco no cómic xaponés, que transformacións formais, estéticas e narrativas xerou na banda deseñada a súa convivencia ao longo das dúas últimas décadas co cómic dixital. Este é un dos obxectivos do proxecto Estudos transdisciplinares sobre cómic, do grupo de investigación dx5 (digital & art graphic research), que busca definir as características do que definen como “manga posdixital”.

Seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, neste proxecto insírese tamén un estudo sobre o potencial da banda deseñada para xerar empatía e, polo tanto, para servir como vehículo para a transmisión de valores, mentres que unha terceira liña de traballo centrarase en explorar as interaccións entre o manga e o deseño gráfico contemporáneo.

Trátase, como sinala o seu investigador principal, José Andrés Santiago, dun proxecto cunha “compoñente teórica importante”, que desde un “enfoque transversal” busca contribuír a dar resposta á “ausencia de literatura científica sobre cómic en España”, pero ligado tamén, sinala, “á praxe artística”. Ao mesmo tempo, permitirá dar continuidade a unha liña de traballo, centrada nos “estudos transdisciplinares” sobre banda deseñada, que tivo como precedente o proxecto sobre as relacións entre o cómic e outras manifestacións artísticas que o grupo dx5 desenvolveu nos últimos anos, tamén con financiamento estatal. De feito, esta investigación previa axudou a incorporar especialistas de diferentes países ao equipo de traballo do actual proxecto. Concretamente, a Santiago e ás investigadoras do grupo dx5 Teresa Ferreiro, Tatiana Lameiro, Marina Nuñez, Elena Lapeña e Anne Heyvaert súmase a participación de Zoltan Kacsuk, da Stuttgart Media University; Jaqueline Berndt, da Universidade de Estocolmo; Selen Çalic Bedir, da universidade turca de Beykoz; Manuel Hernández-Pérez, da Universidade de Salford; e Stevie Suan e Olga Kopylova, das universidades xaponesas de Hosei e Tohoku, respectivamente.

Transformacións produtivas, pero tamén formais e narrativas

Tomando como punto de partida o concepto da “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna, un dos tres subproxectos que integran esta investigación terá como obxectivo estudar “os efectos da dixitalización e as tecnoloxías dixitais dentro do cómic contemporáneo”. A banda deseñada, lembra Santiago, “é un medio complexo, que inclúe elementos paralingüísticos, visuais e narrativos altamente codificados e onde os aspectos formais e estéticos están intimamente relacionados co sistema produtivo”. E no caso concreto do manga, no que se centra a investigación, “non se poden entender algunhas características estéticas á marxe das necesidades produtivas que as propiciaron”.

A industria xaponesa do cómic sustentouse, desde mediados do pasado século, na publicación dos capítulos das diferentes obras en revistas periódicas cun número fixo de páxinas, o que tiña unhas consecuencias no ritmo da narración ou no uso de recursos que xeraban intriga ao lector no final de cada entrega; aspectos aos que, lembra o investigador, non teñen que cinguirse os webcómics. Ao mesmo tempo, o manga caracterizase tamén pola abundancia de “elementos altamente convencionalizados, que o lector identifica e facilitan moito a inmersión na lectura”, desde “tramas que se repiten nas obras de diferentes autores” a personaxes “moi estandarizados” ou o uso de determinados elementos iconográficos. Nese senso, o propósito deste proxecto é estudar como a “constante evolución” que vive o medio no mundo dixital pode provocar transformacións, non só na produción, senón tamén nesta serie de “características formais que ata agora se consideraban trazos definitorios e unha parte esencial deste medio”. Esta análise porá o foco así mesmo no que Santiago define como “manga posdixital”, xa que se trata de transformacións que “non afectan ao cómic impreso ou ao dixital, senón ao medio no seu conxunto”.

O cómic de testemuño

Outra das liñas de traballo céntrase no concepto de “cómic de testemuño” e na definición daquelas características que o diferencian da banda deseñada biográfica ou xornalística. Tomando como punto de partida o estudo sobre o “cómic testemuñal feminista” que, baixo a dirección de Santiago, desenvolve para a súa tese de doutoramento Teresa Ferreiro, este subproxecto busca afondar na “capacidade e idoneidade” do cómic para xerar empatía. “Polas súas peculiares elementos paralingüísticos, estrutura e flexible velocidade de consumo, permite establecer unha relación diferente co lector”, salienta o grupo dx5 dunha liña de análise que porá o foco como aspectos como a “simplificación de conceptos en signos” ou o uso de “imaxes menos realistas” contribúen a facer deste medio unha “canle para a transmisión de valores”. Así mesmo, a través da análise de publicacións europeas, xaponesas e americanas, o estudo porá o foco no “cómic de testemuño”, aquel que pon “o peso da mensaxe nos aspectos sociais e emotivos”, e no seu potencial para “os relatos de denuncia” e a transmisión de valores como os do feminismo.

Influencia máis aló das viñetas

O terceiro subproxecto céntrase nas “interaccións conceptuais e visuais” entre a linguaxe e características formais do manga e o deseño gráfico. Tomando como punto de partida o concepto do “mangaesco”, unha serie de recursos conceptuais e visuais que definen a “estética manga”, esta liña de análise centrarase na súa “utilización como recursos estilísticos dentro do deseño de carteis e pósters”, á vez que reflexionará tamén sobre “as implicacións sociolóxicas que determinan unha certa estética no deseño xaponés”.

Universidade de Vigo, 2021-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES