
Para poder realizar esta predición os investigadores recorren a diferentes métodos. O primeiro deles baséase nos modelos clásicos de ecuacións diferenciais, unha estratexia moi estendida neste tipo de estudos. Empregando esta estratexia, o equipo de investigación foi dos primeiros en toda España en utilizar a idea do superpropagador. En xaneiro de 2020 xa comezaron a avanzar nesta liña, sendo o seu un dos traballos científicos pioneiros na predición da COVID-19 en España. Así, no ámbito galego, vaticinaron o pico da primeira onda cun mes de antelación e, ademais, adiantáronse a cal ía ser a ocupación das UCIs no sistema sanitario.
O profesor Mira explica que unha vez pasada a primeira onda de contaxios, o escenario comeza a mudar debido a que a poboación toma medidas de prevención de xeito irregular, ao tempo que as normativas van cambiando de maneira diferente entre territorios. Estas circunstancias provocan que os métodos clásicos de predición deixen de funcionar, polo que os investigadores previron cambios de estratexia. Entón empezaron a analizar cales eran as diferentes respostas da cidadanía ante a pandemia, medindo estas respostas a través das manifestacións que se ían vertendo nas redes sociais, co fin de detectar como de proclive era a sociedade a cumprir as normas.
Por outro lado, os investigadores atopáronse co problema de que os datos públicos que se ofrecían nun primeiro momento non coincidían coa realidade, como os relativos ao número de persoas infectadas ou número de falecidos, entre outros. Así, tiveron que botar man dunha terceira estratexia, denominada modelado dinámico empírico, que lles permite coñecer o avance da pandemia sen a utilización de ecuacións.
Mapas de risco e decisións políticas
Nestes intres o equipo da USC avanza na elaboración dun mapa de risco da COVID-19 en España, centrándose nas vías de comunicación: estradas, autoestradas, portos ou aeroportos, entre outros. Trátase de determinar que zonas son máis sensibles á pandemia en función da súa posición xeográfica e das súas vías de comunicación, indica o catedrático Jorge Mira.
Ademais, en colaboración con investigadores portugueses, están a buscar o control óptimo da pandemia, anticipándose ás consecuencias que as decisións políticas poden ter sobre a evolución da mesma, é dicir, como evolucionaría a pandemia se se toma unha ou outra medida.
A participación da cidadanía na investigación
O profesor Jorge Mira manifesta que a participación da cidadanía na investigación en xeral e na investigación centrada en mitigar o impacto negativo da COVID-19, en particular, é un elemento importantísimo. Representa un factor simbólico, un exemplo que vai repercutir en gran medida no noso futuro. E salienta que é a primeira vez que na miña traxectoria como investigador me vexo beneficiado por unha iniciativa de micromecenado e síntome moi orgulloso de que a USC puxera en marcha a plataforma Sumo Valor, que é pioneira en toda Galicia.
Sumo Valor é unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.