Noticias

A futura Lei de transformación dixital do sistema público de saúde afondará na ciberseguridade e no uso das tecnoloxías de automatización no diagnóstico

Entre as principais novidades está regular o uso das ferramentas que permiten automatizar certos diagnósticos e outros procesos clínicos, é dicir, abordar a gobernanza ética das tecnoloxías de automatización sanitarias. Establecerase un marco de goberno que garanta a privacidade e a ética no uso das tecnoloxías de automatización no diagnóstico (algoritmos de intelixencia artificial, tecnoloxías de automatización robótica de procesos, aparellos da internet das cousas no ámbito médico, etc.). Hoxe en día xa se procesaron 1.000.000 de imaxes médicas mediante intelixencia artificial nos ámbitos de urxencias e de atención primaria (imaxes de tórax e músculoesqueléticas) no Servizo Galego de Saúde.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncio hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de lei de transformación dixital do sistema público de saúde de Galicia 'para regular o uso da tecnoloxía no ámbito sanitario e reforzar a ciberseguridade en todos os procesos'.

Tal e como explicou, o obxectivo é 'incidir na aplicación cada vez maior das novas tecnoloxías na sanidade con todas as súas posibilidades' e, á vez, regular a súa utilización para garantir 'un uso seguro, ético e responsable'.

A lei, segundo indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, permitirá 'adaptar a normativa autonómica á Estratexia de saúde dixital do sistema nacional de saúde', ademais de basearse na innovadora Lei galega de intelixencia artificial e enmarcarse na Lei de administración dixital de Galicia. 'Vai situar Galicia á vangarda a nivel normativo poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas e garantindo a seguridade xurídica', indicou.

Entre as principais novidades está regular o uso das ferramentas que permiten automatizar certos diagnósticos e outros procesos clínicos, é dicir, abordar a gobernanza ética das tecnoloxías de automatización sanitarias. Establecerase un marco de goberno que garanta a privacidade e a ética no uso das tecnoloxías de automatización no diagnóstico (algoritmos de intelixencia artificial, tecnoloxías de automatización robótica de procesos, aparellos da internet das cousas no ámbito médico, etc.).

Hoxe en día, tal e como resaltou Rueda, xa se procesaron 1.000.000 de imaxes médicas mediante intelixencia artificial nos ámbitos de urxencias e de atención primaria (imaxes de tórax e músculoesqueléticas) no Servizo Galego de Saúde.

Afondarase tamén na ciberseguridade e protección de datos, coa asignación de responsabilidades, tanto desde o punto de vista do Regulamento xeral de protección de datos como da normativa de ciberseguridade.

Outra das medidas previstas é consolidar un acceso seguro e interoperable aos datos médicos en todos os niveis asistenciais, a través da historia clínica electrónica que no Servizo Galego de Saúde, a diferenza doutros sistemas sanitarios, é única tanto para a atención primaria como para a hospitalaria, e tamén accesible en calquera área sanitaria.

No mesmo sentido de regular a información sanitaria definirase legalmente todo o conxunto de datos, servizos e infraestruturas hardware e software que, xunto coa historia clínica única, constitúen o sistema de información e que abrangue a xestión dos datos demográficos, de profesionais, de loxística e a xestión das infraestruturas sanitarias.

Por primeira vez regularanse todas as prestacións sanitarias non presenciais como servizos estándar nun único marco de atención sanitaria dixital. Nesta epígrafe recóllense consultas virtuais ou a monitorización remota de pacientes.

De forma pioneira, regularase o patrimonio dixital sanitario e o seu mecanismo de xestión, para configuralo como unha ferramenta de posta en valor de todos os elementos intanxibles que constitúen o sistema de información de saúde de Galicia.

Na actualización continua dos recursos humanos da sanidade pública, dotaranse dun marco específico as profesións de transformación dixital e incluiranse os circuítos formativos para a adaptación do resto de profesións sanitarias.

Para garantir os dereitos da cidadanía, definirase un marco integral de exercicio dos dereitos dixitais, que englobe todos os creados nas diferentes lexislacións e 'elimine barreiras administrativas', indicou o conselleiro. Loitarase tamén contra a fenda dixital, co fin de asegurar que a tecnoloxía sexa inclusiva e accesible para colectivos vulnerables ou residentes en zonas rurais.

A aplicación Sergas Móbil estende o seu uso entre a cidadanía ano a ano. Mostra diso é o número de citas de atención primaria xestionadas a través de canles dixitais que se incrementou de 2.301.637 en 2021 ata 9.394.907 en 2025.

Ademais, definiranse as ferramentas de planificación, avaliación e seguimento, xunto cos mecanismos de rendemento de contas e transparencia neste ámbito. Entre outras accións crearase o Consello Asesor de Transformación Dixital.

Co obxectivo de cumprir estes obxectivos, a Xunta abrirá nos vindeiros días o trámite de consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto, onde a sociedade galega poderá facer achegas á lei. Posteriormente elaborarase o anteproxecto coa participación de colexios profesionais, expertos tecnolóxicos e asociacións de pacientes. O conselleiro de Sanidade asegurou que a previsión é 'aprobar o anteproxecto da lei este ano para remitilo ao Parlamento'.

R., 2026-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES