Notas de prensa

De Dalí a Raymond Roussel, unha homenaxe documental

Un achegamento a un escritor pioneiro e influente. Así podería definirse o documental titulado 'Raymond Roussel: El día de Gloria', que ten a súa orixe nunha montaxe cinematográfica coa que Salvador Dalí quixo honrar a Roussel hai case 50 anos. A introdución de 'El día de Gloria' na plataforma Filmin permite que os espectadores descubran a figura dun autor francés que desenvolveu a súa carreira nos primeiros anos do século XX.

Un dos colaboradores deste ensaio audiovisual é Hermes Salceda, profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e integrante da Raymond Roussel Society, entidade que trata de evitar o esquecemento dun nome que consideran fundamental na historia da literatura. Rodada en varias linguas, esta longametraxe, a primeira dirixida por Joan Bofill, amosa o universo do que algúns denominan pai do surrealismo, creador dunha obra que Salceda cualifica como “a máis arriscada do século XX francés”.

Varios expertos redescubren a importancia dun autor visionario

El día de Gloria reúne cineastas, investigadores, pintores, músicos, poetas, performers e novelistas para revalorizar a Raymond Roussel, un escritor que, malia a súa repercusión literaria, é pouco coñecido entre o público xeral. Aínda que o alcance do traballo de Roussel fixo que o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía lle dedicara unha exposición no ano 2011, a difusión virtual deste novo filme universaliza a súa figura, achegándoa a todas as persoas interesadas.

Explicando o que singulariza a obra de Roussel, Hermes Salceda pon de relevo a súa inspiración en elementos da cultura popular, como “a ciencia ficción, as novelas de policías, as feiras, os fantoches, os acróbatas, o mundo da maxia, a opereta, etc.”. Así mesmo, o docente sinala que Roussel tentou “facer unha obra de imaxinación pura, sen interferencias co mundo real”, para o que “inventou un procedemento de escritura baseado na homonimia, na homofonía, na paronimia e na sinonimia”. Estes xogos lingüísticos e combinacións de dobres sentidos dominaron toda a súa creación literaria, velaí a súa transcendencia para os artistas do OuLiPo, o nouveu roman e o surrealismo.

“Cunqueiro é o máis rousseliano dos escritores galegos”

A cinta pretende poñer en valor unha obra na que se basearon pintores e autores célebres, como Max Ernst, Duchamp ou Proust que, de acordo co proxecto, construíu un personaxe de Á busca do tempo perdido inspirándose en Roussel. A pegada do francés chega ata os nosos días, influíndo no quefacer artístico de Enrique Vila-Matas, Josh Ashbery, Jan Svankmajer ou Miquel Barceló, creadores que tamén participan no documental. Para o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, “o modo de proceder de Roussel é similar ao de Álvaro Cunqueiro, o máis rousseliano dos escritores galegos” que, como o galo, tamén dedicaba a súa obra á imaxinación e á cultura popular. A diferenza é que, mentres Roussel daba prioridade á experimentación lingüística, Cunqueiro “centraba a súa atención na estrutura do relato”.

El día de Gloria fai fincapé nos vínculos de Roussel co surrealismo amosando a relación entre o francés e Dalí, que decidiu homenaxear, xunto a José Montes-Baquer, ao escritor cun vídeo que parte dun bolígrafo sobre o que o propio artista ouriñara. Arredor deste feito, o docente expón que o documental “toma como fío condutor a historia da última, misteriosa e insuficientemente coñecida película de Salvador Dalí, Impressions de la Haute Mongolie” e subliña a relevancia do filme pois, ademais de poñer sobre a mesa o nome de Roussel, “rescata o traballo de Montes-Baquer, un realizador orixinal”.

Grande acollida entre a crítica e o público

Segundo Salceda, El día de Gloria “foi moi ben recibida por varias razóns: porque é o documental máis completo que existe hoxe en día sobre Raymond Roussel e sobre a relación de Dalí coa obra do escritor” e porque “traza unha imaxe de Roussel que non pretende explicalo, senón traer o seu misterio ao presente”. Sinala o docente que “se algo caracteriza o mundo rousseliano é a paixón, unha paixón que non se atopa con outros autores e que pode xerar grandes discusións”.

Aínda que é agora cando se comeza a difundir na plataforma Filmin, esta produción audiovisual xa foi presentada en Nova York e no Instituto Cervantes de París. Así mesmo, estivo nomeada nos festivais de cinema Docu Days Beirut e Festival International du Livre d’Art et du Film, FILAF, e algúns centros especializados como a Filmoteca de Cataluña organizaron encontros nos que tamén participou como relator o profesor da Universidade de Vigo.

Universidade de Vigo, 2021-02-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES